29 may 2017

NOVO ÉXITO DA MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

Quiroga celebrou onte a súa  XVII Edición da Mostra do Aceite, catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Centos de visitantes achegáronse unha vez máis ao lugar das Farrapas para participar nesta xornada festiva.

O programa abríase ás once e media da mañá coa posta en funcionamento do Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Sen dúbida o acto que máis chama a atención e que todos os visitantes queren ver.

Entre todos os visitantes atopamos unha cara coñecida das pantallas da TVG, Avelino González, coñecido como Miñato na súa participación na serie Padre Casares.

Os resultados das análises realizadas nun laboratorio especializado arroxan que a calidade dos cinco aceites era categoría de aceite virxe extra. Ás doce do mediodía na capela das Farrapas, un panel de catadores locais, realizaba unha cata comentada dos aceites participantes nesta mostra.

 Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron á venda o aceite e productos típicos. Nesta edición foron cinco os olivareiros paticipantes: Pedro Soto Losada, J. Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez e Manuel Mondelo Rodríguez. Todos eles amosáronse satisfeitos coas vendas acadadas nesta nova edición.

Polo recinto feiral tamén se pasearon políticos coñecidos de Quiroga, como o Delegado Territorial, José Manuel Balseiro ou o deputado provincial, Juan Carlos Armesto.


A música tradicional non faltou neste encontro, actuaron as agrupacións locias: o grupo Os Palletas, o Grupo de gaitas e danzas San Martiño e o Grupo de Gaitas O Recanto.

11 may 2017

O PROXECTO DO XEOPARQUE PRESENTASE AO SECTOR MINEIRO

Os tres concellos da comarca de Quiroga: Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, seguen a traballar para conseguir a denominación do Xeoparque Montañas do Courel.

Co fin de apoiar esta candidatura a pasada semana presentábaselle ás  asociacións da comarca un manifesto para acadar o seu apoio. Esta mañá reuníase ao presidente da Cámara Mineira de Galicia e a empresarios mineiros desta comarca para presentarle o proxecto do Xeoparque.

Na memoria feita pública, o xeoparque ocuparía unha extensión de preto de 580 km cadrados nos que se sinalan unha trintena de puntos de interese como minas, covas, miradoiros, museos, fornos de cal, albarizas, petrogrlifos e formacións naturais. O fío conductor do xeoparque estaría constituido polas covas calizas, o pregamento de Campodola-Leixazós e os restos das minas auríferas.

Un escaparate de todo esto é o Museo Xeolóxico, no que teñen cabida todos os contidos xeolóxicos máis representativos da zona, ordenados dende o máis antigo o máis moderno. Polo que parte da xuntanza se realizou nestas instalación que o pasado ano recibiron un premio Santa Bárbara, concedidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia; pola súa labor de comunicación sobre  a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e o desenvolvemento da sociedade. 

A CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL VISITA O LUNS QUIROGA PARA EVALUAR OS DANOS DAS XEADAS

A Conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez, visitará Quiroga o vindeiro luns 15 de maio, para ver os efectos das xeadas nos viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A visita realízase a petición do alcalde de Quiroga, Xullo Alvarez, tras o encontro que mantiveron a semana pasada en Santiago de Compostela; no que lle pediu á Conselleira de Medio Rural habilitar axudas para as familias afectadas nos terminos que se determinen.

Tamén lle informaba do acordo da corporación municipal de solicitar ás Administracións Supramunicipais, a declaración de “Zona Catastrófica” polos danos sufridos polo sector vinícola como consecuencia dá enorme xeada producida na noite do 26 de abril.

Por outra banda, os senadores do PP por Ourense e Lugo, incluído o portavoz desta formación política na cámara alta, José Manuel Barreiro, reuníronse  coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para solicitar axudas polas desfeitas provocadas polas recentes xeadas en viñedos destas dúas provincias.

Os senadores do PP esperan que o ministerio «leve a cabo unha avaliación completa dos danos que permita compensar aos agricultores polas perdas sufridas nos viñedos». De acordo coa información facilitada polo PP tras este encontro, a ministra comprometeuse a «estudar unha rebaixa fiscal para os afectados, así como distintas posibilidades de financiamento»..