29 nov 2013

CONCURSO DE POSTAIS E OBRADOIROS DE ADORNOS DE NADAL PARA O MES DE DECEMBRO

O departamento de educación do concello organizou con motivo do Nadal un concurso de postais de nadal, e dous obradoiros: un de confección de adornos para a árbore de Nadal e outro para o adorno das carrozas dos reis magos, este último en colaboración coa área de xuventude.

O concurso de postais de Nadal vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. A postal ten que versar sobre o tema do Nadal e ocupar medio folio. Estes traballos deberán presentarse na casa da culturalantes do día 16 de decembro, acompañados dun sobre pechado que conterá os datos do autor.

O concurso conta con cinco categorías, de 3 a 4 anos, de 5 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e a última categoría para o rapaces e rapazas de 11 a 12 anos. Os gañadores de cada unha das categorías recibirán premios sorpresa.

 O obradoiro de confección de adornos para a árbore de Nadal desenvolverase os  mércores 4, 11 e 18 de decembro na aula da Ludoteca; en horario das cinco menos cuarto da tarde ás seis.

Nestes mesmos días desenvolverase o Obradoiro para adornar as carrozas dos Reis Magos, pero o seu horario será dende as seis da tarde ás oito do serán na Casa da Cultura.

Os interesados en participar nalgún destes obradoiros deben de inscribirse na Casa da Cultura persoalmente ou a través do teléfono 982.43.51.25.


A RUTA DO FERRADAL E A RUTA DA LUCENZA NUNHA GUIA DO CONSORCIO DA RIBEIRA SACRA

            O Consorcio da Ribeira Sacra editará tres novas guías turísticas, unha das cales será a primeira que este organismo dedica de forma exclusiva ás rutas de sendeirismo. As tres guías serán editadas en papel e tamén poderán conseguirse a través de Internet. A guía de sendeirismo contará cunha web propia e un pouco máis adiante tamén estará dispoñible nunha aplicación para teléfonos móbiles.
          A edición da guía forma parte dunha iniciativa coa que o consorcio pretende potenciar as rutas de sendeirismo como recurso turístico. Durante a súa preparación negociouse cos vinte e un concellos da zona, a cada un dos cales se lle ofreceu a posibilidade de seleccionar dúas rutas situadas no seu territorio para ser incluídas na guía. A condición que se puxo que os concellos se comprometesen a manter os camiños en estado transitable ao longo de todo o ano.
          Quiroga terá duas rutas nesta guía a Ruta do Ferradal e a Ruta da Lagoa da Lucenza na Seara. O Camiño Ferradal ou da Caleira ten un recorrido aproximado de 10,5 km, desenvólvese de xeito íntegro nas parroquias de Bendollo, Paradaseca e Vilarmel. Une os lugares de Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón cun percorrido de 10,5 km. Comúns á meirande parte dos camiños tradicionais asentados sobre o substrato rochoso natural, as rodadas esculpidas no chan dos típicos carros de bois do país están tamén aquí presentes como proba dun continuado uso desta vía no tempo, probablemente para o transporte do ferro producido na ferrería de Rugando e do cal cocido nos fornos da zona.

          A outra das rutas seleccionadas, entre a aldea da Seara e a lagoa de orixe glaciar da Lucenza, de 11,7 km de recorrido é  unha das rutas de sendeirismo máis destacadas da serra do Caurel. Nesta ruta podese ver O Fócaro, unhas das fervenzas máis espectaculares da serra do Caurel, cuns 30 metros de altura e cun caudal bastante estable durante todo o ano. Tamén é posible contemplar un dos maiores saltos de auga da serra: a fervenza de Navaregas de preto de 70 metros. A lagoa da Lucenza ten uns 70 m de diámetro e pode chegar a secarse a finais dos veráns máis secos. É de orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno Superior, hai máis de 16.000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8 quilómetros.

19 nov 2013

O LIBRO INFANTIL "DRAGÓNS NO CAUREL", PRESÉNTASE MAÑÁ NA CASA DA CULTURA

          Mañá mércores, a partir das once da mañá, a Casa da Cultura acollerá a presentación do libro de literatura infantil “Dragóns no Caurel”, da escritora  Francesca D´a Silva.
Nesta actividade colabora o CEIP de Quiroga e o Concello de Quiroga que xunto coa editorial Elvira e a autora desenvolverán a actividade a que acudirán os alumnos do CEIP e as perosoas interesadas.
O libro da editorial Elvira, dirixido a nenos e nenas de ata 12 anos, dá o pistoletazo de saída á nova Colección Infantil da editorial, cun deseño moi particular que non deixará indiferente a ninguén.
Natural de Ferrol e veciña de Vigo, a escritora e ilustradora Francesca López da Silva ten raíces familiares en Quiroga, onde presentará o libro infantil Dragóns non Courel nun acto ao que asisitirán alumnos do colexio público local. A obra foi publicada recentemente pola editorial viguesa Elvira. López da Silva publicou anteriormente o libro Pequeno dicionario equivocado.
A escritora dixo que escolleu O Courel para ambientar a súa historia porque as vivencias que tivo nesta comarca de nena marcárona moito. A súa familia paterna é de Quiroga e ela pasaba aquí os veráns. Os seus parentes eran amigos de Ánxel Fole e presenciou as conversacións que tiña co seu tío cando este escritor vivía en Quiroga. Recoñece que a natureza e o mundo tradicional destas terras influírona moito na infancia. Aquí coñeceu o campo e todo o que vía chamáballe moitísimo a atención: as montañas, as árbores, os animais... Imaxinábase que nas covas da serra vivían dragóns e seres fantásticos e tentou recoller esas imaxinacións infantís neste libro. A escritora afirma que quixo reflectir a visión desta terra a través dos ollos dunha nena.

Pretende que a historia reflecta o mundo mítico galego, pero dunha forma algo suavizada. No conto introduciu o personaxe dun trasgo chamado Barucho que en realidade é un veciño de Quiroga, unha persoa de carne e óso que lle contou moitas cousas desa terra. A historia mestura ademais as lendas galegas coa mitoloxía irlandesa. 

14 nov 2013

VIDAL ROMANÍ E AURORA GRANDAL DE VISITA COS SEUS ALUMNOS NO MUSEO XEOLÓXICO

 O director do Instituto Universitario de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal”, Juan Ramón Vidal Romaní, e a doutora, Aurora Grandal d’Anglade, acompañados dos alumnos de primeiro curso da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, visitaron esta maña o museo Xeolóxico de Quiroga. Vidal Romaní e Aurora Grandal colaboraron co concello de Quiroga na dotación de contido deste museo pioneiro en Galicia.
     Os contidos do museo xiran ao redor do impresionante patrimonio xeolóxico e paleontolóxico da nosa comarca, constituíndo unha temática singular e atractiva para dar a coñecer esta parte do patrimonio natural. Os alumnos poideron ver os dous paneis de grandes que abren o museo, un sobre a ruta xeolóxica da comarca de Quiroga e outro no que se explican os principais acontecementos da Historia Xeolóxica e Paleontolóxica de Galicia.
O museo está dividido en cinco salas. A primeira está adicada a formación do territorio de Galicia, nesta sala o plegamento de Campodola é o maior representante, tamén se poden ver varias mostras de minerais e rochas presentes na nosa comarca. A segunda sala centrase na historia paleontolóxica, onde se amosan diferentes fósiles animais; entre os que destacan os da era Cuaternaria, como o oso das cavernas, a hiena, o rinoceronte lanudo, o uro, o cervo, o xabaríl e o corzo, todos eles poboadores da nosa serra. A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, nela explicase porque se producen as glaciacións. A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona, aquí amosanse as posibles liñas de penetración do home en Quiroga. Nesta sala podense ver dez cránios dos primeiros humáns e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida. Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona representa a parte da nosa minería. Hai ferro recollido na veneira de Vieiros, cal de Cereixido, lousa de Pacios da Serra, ouro de Montefurado e Antimonita de Vilarbacú. Estes minerais están acompañados dunha explicación sobre a súa explotación e transformacióntribuír de xeito activo á súa protección.

As instalacións do Museo Xeolóxico de Quiroga son o punto de partida para unha Ruta Xeolóxica. Cara esta ruta partiron os alumnos e os profesores para contemplar e entender sobre o propio terreo os principais elementos que constitúen as distintas salas temáticas nas que se articula. Daquela o sinclinal do Caurel (pregamento de Campodola-Leixazós), as zonas mineiras (Pacios da Serra, Montefurado, Vilarbacú etc), os vales glaciares da Seara e Vieiros, os restos fósiles da fauna do Cuaternario e anterior e as primeiras testemuñas da presenza humana nesta zona, conforman esta ruta.

8 nov 2013

QUIROGA CELEBRA O LUNS A FESTA DO SEU PATRÓN

        Numerosas actividades son as organizadas dende o concello con motivo da  festa do San Martiño, patrón da vila, que comezarán xa mañá sábado cunha obra de teatro a cargo do grupo  de teatro A Adala de Foz, ás sete da tarde no auditorio municipal, actividade enmarcada dentro do programa “Buxiganga” da Deputación Provincial.

O domingo a banda de gaitas San Martiño fará un pasarrúas e ofrecerá un concerto diante da casa consistorial a unha da mediodía.
O luns, día de San Martiño e festa local, ás doce da mediodía se o tempo o permite celebrarase a procesión na que o Santo homenaxeado recorrerá a Praza Maior. Ao remate dos actos relixiosos actuarán o grupo de danzas Arume da Queiruga acompañado da banda de gaitas San Martiño. Pola tarde, a partir das catro, xogos populares para os máis pequenos e a partir das sete da tarde castañas  asadas e o viño novo, amenizadas pola música do duo Fondo Tropical, e nun descanso da festa, sobre as nove da noite terá lugar a entrega de premios dos os rapaces que participen nos xogos populares.

Dentro das actividades programadas para a celebración das festas do noso patrono haberá un lugar destacado para os deportes, xa que o sábado haberá fútbol sala feminino no pavillón municipal ás seis da tarde, partido importantísimo para as futbolistas quiroguesas xa que se enfrontan o líder da clasificación o Adarve, e  o domingo ás catro e cuarto fútbol no campo do San Martiño, o Quiroga recibe ao Laiosa; e o luns, ás once da mañá celebrarase a Carreira Popular San Martiño, na carreira de caracter local, haberá como sempre varias categorías para rapaces e rapazas de 6 a 15 anos, a saída e medta estará situada diante da casa consistorial e o recorrido será dentro da casco urbán.

O FUME DUN EDIFICIO ALERTA AOS SERVIZOS DE EMERXENCIAS

          Preto da media noite de onte, o fume que aparecía nun edificio da rúa Anxel Fole movilizou a veciños e medios de emerxencias. Os veciños do edificio o percatarse do forte cheiro a fume alertaron ao 112 que movilizou os servizos de emerxencia locais, policía local, grupo de emerxencia e unha ambulancia. Tamén acudiron a chamada dous camións de bombeiros de Monforte e a Garda Civil.
Os grupos de emerxencia comprobaron durante máis dunha hora as posibles causas do fume pero non chegaron a atopar o lugar no que se produxo, ainda que todo parecía indicar que era causado nas chemineas das caldeiras e campanas extractoras do edificio.

Afortunadamente todo quedou nunha falsa alarma e os veciños puideron retirarse tranquilos aos seus domicilios.