30 oct 2012

AS MAMÁS DA COMARCA PODEN PARTICIPAR ESTA TARDE NUNHA CHARLA SOBRE A HIXIENE E OS COIDADOS DA PEL DOS BEBÉS


A Casa da Cultura acollerá esta tarde, a partir das seis e media, unha charla sobre a Hixiene e os coidados na pel de bebés, nenos e mamás, organizada pola Parafarmacia e Perfumería de Quiroga.
 
A charla correrá a cargo de Isabel Romero Torrado, do departamento de Formación de Laboratorios Expansciencie (Mustela) e Olga Otero, directora do Centro de Exd4, especialistas en ecografias en 3 e 4 dimensiones da Coruña.
 
Ao rematar a conferencia todolos asistentes recibirán uns detalles da marca, ademais efectuarase o sorteo dunha canastilla e productos e duas ecografías gratuitas en 3 ou 4 dimensións, valoradas en 135 €.
 
O titular da Parafarmacia e Perfumeria de Quiroga, Nacho Baliña, querelle agradecer, dende este medio, ao Concello de Quiroga a cesión das instalacións para levar a cabo este acto informativo dirixido a todas as mamás da zona de  Quiroga, Ribas de Sil e Caurel.

XUVENTUDE ORGANIZA O VIII CERTAME DE RELATO CURTO


A oficina de xuventude organíza o VIII Certame de Relato Curto, de tema libre, e no que poden participar todas as persoas co desexen con tantos relatos curtos como queiran.
 
Os relatos poden estar escritos en castelán ou en galego cunha extensión máxima de vinte folios e mínima de dous, mecanografados ou a ordenador por unha sóa cara, por duplicado e sen firma.
 
Os datos do autor/a, dirección e teléfono presentaránse dentro dun sobre pechado. No exteriror figurará o título do relato e a categoría na que participa, xuvenil ou adultos dependendo de se o autor ten menos de 18 anos ou máis.
 
Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura de Quiroga ou na Oficina de Información Xuvenil, antes do 30 de novembro de 2012.
 
Premiaranse os tres mellores relatos de cada categoría. Os premios consistirán nunha placa conmemorativa para todos eles pero os gañadores levarán ademais unha obra de relatos.

 

26 oct 2012

O CONCELLO DE QUIROGA APROBA A CONTA XERAL DO 2011 E O INCREMENTO DO IPC NA AUGA E NO LIXO


A corporación Municipal celebrou onte pola tarde unha tranquila sesión plenaria ordinaria na que se aprobou a Conta Xeral do Orzamento 2011, cos votos en contra da oposición. Neste punto o PSde G-PSOE destacou a evolución favorable con respecto ao 2010 que recolle o informe de secretaría; mentres que o BNG fixo alusión ao estado crítico no que se atopa a facenda municipal. O Partido Popular pola súa banda agradeceu que a oposición falara dunha evolución favorable e recalcou que o concello de Quiroga é dos que millor paga de toda a zona.

 Coa abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG-PSOE aprobouse a  modificación de ordenanzas fiscais por actualización de tarifas segundo o IPC, que se aplicará á auga e ao lixo. José Luis del Pont falou de que se podía aforrar esta subida da auga pola mal estado da economía, porque é moi cara e polo mal servizo da empresa concesionaria. Xavier Castro defendeu que o ideal sería conxelar as tasas. Julio Alvarez, pola súa banda, recalcou que a auga millorou nos últimos meses e que soamente se incrementa no IPC a auga e o lixo, as demais taxas están conxeladas dende hai tres anos.

          Finalmente, por ser un pleno de caracter ordinario, houbo tempo para rogos e preguntas.

A CASA DA CULTURA ACOLLE ESTA TARDE UNHA CHARLA SOBRE A CASTAÑA


Esta tarde, a partir das sete e media, a casa da cultura acollerá unha charla que versará sobre a Castaña. Esta charla forma parte do proxecto da área de cultura do concello, “Aproveita os Recursos do Entorno”.
Neste amplo proxecto teñen cabida distintas actividades, charlas, saídas culturais, xornadas, etc;  pero todas cun denominador común, o coñecemento e a posta en valor dos innumerables recursos dos que dispón o noso concello e que neste momento poden converterse en saídas profesionais.
Despois de varias charlas dedicadas a produtos como o aceite e o viño, esta tarde tocalle a outro abundante produto da zona: A Castaña. Para esta actividade contarán coa  colaboración  da  empresa  Caurelor e os seus responsables, Verónica Núñez e Daniel Arza.

 

 

24 oct 2012

RUTA DE SENDEIRISMO POLO INICIO DOS CANÓNS DO SIL DA ASOCIACIÓN DA COMARCA DE QUIROGA


          A Asociación Socio Cultural da comarca de Quiroga organizou unha ruta de sendeirismo polo canón do sil para o domingo día 28 de outubro.  A ruta Castro de Abaixo – Torbeo – A Cubela – Castro de Abaixo, ten un total de 16 km cunha dificultade moderada.
 
Para a ruta partirase dende a casa de Cultura ás oito e media da mañá. Dende a ponte de Augasmestas os camiñantes dirixiranse a Castro de Arriba, subindo pouco a pouco ata Torbeo, onde se fará un pequeno descanso antes de emprender a vertixinosa e espectacular baixada ata a Cubela, pasando por Pena Tallada e disfrutando do espectacular meandro do río Sil. Tras o xantar que se farán na Cubela, os camiñantes  continuarán pola parte máis espectacular da ruta, que transcorre pola marxen dereita do río Sil ata o punto de partida.
 
Para máis información ou realizar as inscripcións, os interesados deben dirixirse a tenda Arkine, oficinas Goni ou a fontanería Benja.

22 oct 2012

O PP ACADA EN QUIROGA O 64,37% DOS VOTOS


Quiroga segue sendo un dos municipios máis popular do sur da provincia de Lugo, ao acadar o 64,37% dos votos emitidos na xornada de onte. O PP foi a opción elexida pola maioría dos quirogueses, concretamente por 1.487.
 
A participación nestes comicios foi alta, dun 73,52%, o que se traduce en que 2.310 quirogueses acudiron ás urnas, nunha xornada sen incidencias, para exercer o seu dereito a voto nestas eleccións autonómicas. Do total de votos acadados 1.487 foron para o Partido Popular; 390 para o PSOE; 165 para o BNG; 126 para Alternativa Galega de Esquerda; 9 para Unión Progreso y Democracia; 10 para Escaños en Branco; e 22 para outras formacións. Ademáis houbo 36 votos en branco e 65 foron nulos.
 
No municipio de Quiroga unha vez máis constituíronse sete mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 289 veciños emitíronse 205 votos, un 70,93%; deles 147 para o PP,  un 71,70%; 36 para o PSOE;  8 para o BNG; 5 para Alternativa Galega de Esquerda e 2 para outras formacións. Houbo tamén 3 votos nulos e 4 en branco.
 
Na mesa de Montefurado, cun censo de 224 votaron 158, un 70,53%; destes 114 foron para o PP, o que equivale a un 72,15%; 26 para o PSOE;  7 para o BNG; 6 para Alternativa Galega de Esquerda e 1 para outras formacións. Houbo tamén 3 votos nulos e 1 en branco.
 
Na mesa de Sequeiros, cun censo de 236 votantes, exerceron este dereito 181, o que supón un 76,69%. Nesta mesa o PP acadou 135 votos, o que equivale a un 74,58% dos votos; o PSOE 22;  BNG 10; e 6 para Alternativa Galega de Esquerda. Houbo tamén 1 voto nulos e 7 en branco.
 
Na mesa situada na escola de Santa Cubicia, onde votaron os veciños comprendidos entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 634 persoas, recolleu un 77,28%, 490 votos. O PP acadou 295, o 60,20%; o PSOE 106, o BNG 33, 30 para Alternativa Galega de Esquerda e 4 para outras formacións. Houbo tamén 17 votos nulos e 5 en branco.
 
 
Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 219 votaron 170, un 77,62%: destes votos 110 foron para o PP,  o 64,70%; 33 para o PSOE, 11 para o BNG; 6 para Alternativa Galega de Esquerda e 3 para outras formacións. Houbo tamén 3 votos nulos e 4 en branco.
 
Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o J, dun censo total de 646 recibiu 448 votos, un 69,34%. Por partidos políticos, o PP acadou 227, un 61,83%; o PSOE 66, o BNG 41, 34 para Alternativa Galega de Esquerda e 8 para outras formacións. Houbo tamén 17 votos nulos e 5 en branco.
 
E finalmente, na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o J ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 894 acadáronse 658 votos, o que supón un 73,60%. Nesta mesa o PP acadou 409 votos, o 62,15%; o PSOE 101, o BNG 55, 39 para Alternativa Galega de Esquerda e 23 para outras formacións. Houbo tamén 21 votos nulos e10 en branco.

 

19 oct 2012

3.142 QUIROGUESES PODERÁN VOTAR ESTE DOMINGO


Este  domingo celébranse unhas eleccións autonómicas nas que están chamados ás urnas 3.142 quirogueses, que serán os que aos parlamentarios que formarán o goberno galego por un período de catro anos.
 
Sete mesas electorais deberán quedar constituídas ás nove da mañá cos seus correspondentes presidentes e vocais para que os veciños maiores de 18 anos poidan exercer o seu dereito a votar ata as oito do serán, momento no que se pecharán oficialmente as mesas.
 
Na mesa A do Centro Social poderán votar 646 persoas, na mesa B, 894. En Santa Cubicia poderán exercer este dereito 634 veciños e en Soldón, 236. 224 poderano facer en Montefurado e 289 en Vilar de Lor. Finalmente, 219 votantes poderán depositar o seu voto na Casa da Cultura.

O C.I.M. ORGANIZA UNHA CAMIÑATA CON MOTIVO DO DÍA CONTRA O CANCRO DE MAMA


O Centro de Información á Muller do concello preparou para a tarde de hoxe unha camiñata polo paseo fluvial con motivo da celebración do día contra o cancro de mama.
 
Para esta camiñata está previsto que todalas persoas que queiran participar se xunten nas inmediacións do Auditorio Municipal ás cinco e media da tarde. Unha vez xuntos os participantes dirixiranse ata o paseo fluvial por Vilaverde, para recorrer o paseo ata a confluencia do río Quiroga co río Sil. Chegado a este punto emprenderase camiño de regreso ata o punto de partida.

11 oct 2012

4.000 PERSOAS VISITAN OS MUSEOS LOCAIS NO QUE VAI DE ANO


Os museos Xeolóxico e Etnográfico do Concello de Quiroga acadaron no que vai de ano un total de 4000 visitantes; repartidos en 2168 o Museo Etnográfico e 1832 o Museo Xeolóxico. Nesta estatística chama a atención que algo máis do 90 % dos visitantes proceden de fóra do Concello de Quiroga.
 
O 17 % dos visitantes acuden a visitar os museos quirogueses en pequenos grupos o en solitario, sen cita previa; mentres que o 83 % restante intégranse dentro de grupos de máis de 10 persoas que acordan previamente unha visita guiada. Dentro deste último grupo hai que salientar a numerosa presenza de centros de ensino tanto de infantil e primaria como de secundaria e asociacións culturais de toda a comunidade autónoma.
 
O Museo Etnográfico mantén dende a súa apertura no ano 2007 unha afluencia media que supera os 1700 visitantes anuais. Para o Museo Xeolóxico aínda non se pode establecer unha comparación con anos anteriores porque a súa apertura tivo lugar en decembro do ano 2011. O Museo Etnográfico superou amplamente a media dos anos anteriores, máis tendo en conda que aínda faltan dous meses para rematar o ano.
 
Estas cifras veñen apoiadas por unha serie de actividades que dinamizaron os museos. Daquela no Museo Etnográfico ao longo do ano realizouse un primeiro obradoiro de tecido tradicional (17 mulleres inscritas de Monforte, Ribas do Sil e Quiroga) e instalouse a exposición permanente dos decorados da película de animación galega “O Apóstolo”, ademais da colaboración anual co programa “Preescolar na Casa” e a demostración na rúa dun fiadeiro tradicional. Cabe destacar que ao longo do ano 2012 incorporáronse á colección deste museo 23 novas pezas.
 
No Museo Xeolóxico, realizáronse varias xornadas de portas abertas con visitas guiadas e durante as primeiras xornadas de Xeoloxía na Ribeira Sacra organizadas polo GDR “Ribeira Sacra” tamén se realizou unha visita especial.
 
De cara aos vindeiros meses está prevista a realización de novas actividades de dinamización como un Obradoiro de Arqueoloxía no Museo Xeolóxico e a apertura no Museo Etnográfico dunha exposición permanente de fotografías antigas na que se mostrarán aos verdadeiros protagonistas desta colección etnográfica realizando os seus traballos.

10 oct 2012

QUIROGA CONTARÁ CUNHA NOVA RÉPLICA DO CRISMÓN

O Crismón de Quiroga, un exemplar de arte paleocistiana, pode verse no Museo Centro Gaiás, formando parte da exposición “Gallaecia Petrea”.

          Datado no século V, o crismón de Quiroga é unha obra feita en mármore do Incio e procede da Igrexa parroquial de Santa María dá Hermida. Considerada unha peza excepcional máis alá das fronteiras da Gallaecia, representa a calidade e a coidada elaboración desas expresións nun ambiente aínda restrinxido en cantidade pero culto e con alto poder adquisitivo, que non foi alleo ás preocupacións teolóxicas e doutrinas nas etapas formativas da ideoloxía cristiá. É máis, xogou un papel activo nelas o crismón de Quiroga, que se converte nunha representación en pedra das inquietudes das clases altas galaicorromanas adheridas ao cristianismo. Trátase dun precedente da mesa de altar, a "mensa" de ofrendas paleocristiana, reflexo do carácter colectivo e aberto do culto cristián nos seus primeiros tempos.
         Unha vez remate esta exposición, o obispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, enviará a reproducción en pedra deste Crismón que se amosa na exposición, á parroquia da Hermida. Esta será xa a segunda réplica do Crismón coa que contará Quiroga, posto que a primeira pode verse na entrada do Auditorio Municipal dende hai varios anos.

9 oct 2012

ESTA TARDE COMEZA UN TALLER DE TÉCNICAS NATURAIS


      Esta tarde, a partir das sete e media da tarde comenza o taller de Técnicas Naturais, organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do concello en colaboración coa Parafarmacia- Perfumería. O taller desenvolverase ademáis de hoxe os martes 16 e 23 de outubro en horario de sete e media da tarde a nove da noite na casa da Cultura.
 
O Taller consta de tres sesións, a primeira será unha introdución ao mundo das herbas medicinais; a segunda versará sobre as súas aplicación e finalmente a terceria sesión centrarase nas distintas preparacións das herbas medicinais.
 
O taller no que se aprenderá a realizar preparación de xarabes, tisanas, emplastos, baños ou aceites estará impartido por Ignacio Bliña, técnico en titoterapia e técnicas naturais.

4 oct 2012

32 ALUMNOS COMENZARON AS CLASES DE PIANO E GUITARRA


          As clases de piano e guitarra organizadas dende as áreas de educación e de xuventude do concello comenzaron onte cunha xuntanza do profesor e alumnos para fixar horarios e facer os grupos dos participantes.
          As clases serán impartidas por Alexandro González, coñecido artista do grupo “Capitán Sonoro” e actual voz do grupo “Los Árboles”, tamén foi compositor de coñecidos temas, como:- A banda sonora para o corto "El último trago" para Saga tv. Primeiro premio Mestre Mateo.- O espacio sonoro para a producción teatral “Mundo Lois”.- ou a canción "Os socios unidos" para o programa infantil Xabarín Club de TVG.
          O curso impartirase todos os mércores e debido o alto número de participantes, 32 en total, realizaranse varios grupos. Así en horario de 5 a 6 da tarde as clases de piano e guitarra serán para os nenos de 4 a 7 anos, de 6 a 7 para  os rapaces de 8 a 12 anos e finalmente os maiores repartiranse en dous grupos, un primeiro grupo dende as sete ás oito e un segundo grupo dende as oito do serán ata as nove da noite.