30 jun 2014

O DEPARTAMENTO DE XUVENTUDE PON EN MARCHA POR SEGUNDO ANO O PLAN DE EMPREGO XUVENIL

         Esta mediodía 14 mozos menores de 30 anos, asinaron o contrato do Plan de Emprego Xuvenil do concello de Quiroga.
         
O concello de Quiroga, a través do departamento de Xuventude, puxo en marcha este novidoso Plan de Emprego Xuvenil, temporal, o pasado ano, para estudantes universitarios, de ciclos, etc. que durante o curso escolar residen fóra da localidade, e os ingresos familiares se sitúan sobre a media da renda per cápita familiar e non superan esta.
         
O contrato será de media xornada; os estudantes substituirán os funcionarios e persoal municipal que gozan das súas vacacións nos meses de verán e cada un deles desempeñará o seu traballo nos diferentes departamentos, cultura, limpeza viaria, comunicación, deportes.
         
Con este plan o que pretende o grupo de goberno en primeiro lugar é colaborar coas familias, ás que lles supón unha elevada carga económica estudar aos seus fillos fóra, dándolles un lugar a estes estudantes, e en segundo lugar, que lles sirva como experiencia profesional, que poderán incluír no seu currículo.


27 jun 2014

O CONCELLO RECÓRDALLE AOS VECIÑOS A NECESIDADE DE TER LIMPOS OS TERREOS

       Dende o concello estaselle recordando aos propietarios e arrendatarios de fincas a necesidade de marter limpos os terreos.
Os propietarios e arrendadores de fincas situadas en solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural, teñen a obriga de matelas limpas e desbrozadas de todo tipo de vexetación e nas debidas condicións de seguridade e salubridade, debendo proceder a súa desinfección e desratización periódica.
Tamén están na mesma obrigación de marter limpos e rozados de vexetación, aqueles terreos situados a menos de 50 metros do perímetro dos núcleos rurais co monte.

Esta mesma obriga teñen os propietarios ou titulares sobre os terreos situados nunha franxa de 50 metros a redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións,  depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, que estean a menos de 400 metros do monte.

OS NENOS DE QUIROGA TERÁN NOVAMENTE CAMPAMENTOS DE VERÁN

 Área de Educación do Concello oferta novamente para os meses de xullo e xullo os campamentos de verán. Estes campamento para os nenos e nenas de 2 a 12 anos, terán lugar de luns a venres, agás festivos, en horario de 11:00 a 14:00 horas para todos os participantes.
          Os campamentos están organizados en tres grupos un de 2 a 3 anos, o seguinte de catro a sete anos e un terceiro de oito a doce anos. A primeira hora adicarase a obradoiros e manualidades e os máis maiores a reforzo escolar. A segunda hora estará adicada a xogos e deportes os máis maiores tamén contarán os venres con inglés. A última hora dos obradoiros estará adicada a xogos nas piscinas e natación.
Todas as actividades estarán adecuadas á idade dos seus fillos e fillas e haberá sete monitores, dous por cada grupo de idade e unha supervisora para os tres grupos, na piscina contamos ademáis cun socorrista para as clases de natación. A entrada será para todos/as os nenos e nenas na casa de cultura e a saída nas piscinas municipais, onde terán que recollelos. Para asistir aos campamentos, é necesario que os nenos e nenas de 2 anos teñan autonomía e ademais todos deben traer toalla, bañador, chanclas, crema solar, un pequeno tentempé, a muda e unha gorra.
         Ditos campamentos, teñen un custo por neno/a para sufragar os gastos de material; así, cada pequeno/a empadroado/a en Quiroga deberá aportar 20 € por mes e os non empadroados 30€. Os irmáns que asistan ós cursos terán un desconto de 2,50 € por irmán, 5€ en total por mes. Como novidade, este ano a aqueles nenos e nenas que asistan tan so unha ou dúas semanas pagarán 10 €uros semanalmente.

          As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos/as deben pasar pola Casa de Cultura ou chamar ó número de teléfono 982 435 125, onde poderán anotar os rapaces e rapazas, antes do 30 de xuño. Excepto aquelas persoas que veñen de vacacións a Quiroga que poderán facelo cando cheguen a Quiroga.

13 jun 2014

PRIMEIRO OBRADOIRO DE XEOLOXÍA

 O Museo Xeolóxico de Quiroga organiza o primeiro obradoiro de xeoloxía o sábado 28 de xuño.

O obradoiro, aberto a todo o público, engloba a visita ao museo de minerais e fósiles de José Fernández Pérez, en Vilamartín de Valdeorras, e unha saída de campo para recoller ouro por medio do lavado das areas do río Sil.


O obradoiro, organizado pola área de cultura do Concello, en colaboración coa Deputación Provincial, desenvolverase dende as nove da mañá ata as tres da tarde.

12 jun 2014

OBRADOIRO SOBRE HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES O XOVES 19 DE XUÑO

         A Escola Galega de Saúde, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do concello organizou un obradoiro sobre hábitos de vida saudables, dirixido á poboación en xeral.

          Este obradoiro correrá a cargo dunha médico especialista en medicina preventiva e dunha técnica do servizo de estilos de vida saudables e educación para a saúde da Consellería de Sanidade. E desenvolverase o xoves, 19 de xuño, dende as catro e media da tarde ata as oito e media, na casa da cultura.
         
Os obxetivos deste obradoiro son concienciar a poboación da importancia de practicar hábitos saudables e mellorar a calidade de vida contribuindo a prevención de enfermidades; e adquirir habilidades para o autocoidado da saúde.

O programa inclúe o papel dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento, na saúde e na prevención da enfermidade; recomendacións para unha alimentación saudable; o papel da actividade física no desenvolvemento corporal e na saúde e recomendacións actuais da actividade física.

          As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o martes, 17 de xuño para inscribirse nas oficinas de servizos sociais.


ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR NO CERTAME DE POESÍA

         O Concello de Quiroga, dende a oficina de Xuventude, e como en anos anteriores, organiza o Certame de Poesía. No certame poden participar todas as persoas que así o desexen cun máximo de dous poemas, escritos en galego ou en castelán.
          Os traballos deben ser inéditos e presentaranse por duplicado, escritos a dobre espazo por unha soa cara, nun papel de tamaño A4.  A extensión mínima será de 20 versos e a máxima de 100. A métrica e o tema serán de libre elección.
          Os datos do autor/a presentaranse nun sobre pechado, con teléfono e dirección. No exterior figurará o título do poema e a categoría na que participa, local ou non local, dentro das que haberá: Xuvenil, de 12 a 18 anos; senior, de 19 a 35 anos e dourada, de 35 anos en adiante.
          O primeiro premio serán 100 € e un diploma e o 2º e 3º consistirán nun trofeo e un diploma.
          Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de cultura, antes do 24 de xullo.
          A data fixada polo concello para a entrega de premios será o venres 8 de agosto ás 00:00h. na zona de pubs.

O CONCELLO RECORDA A NECESIDADE DE MANTER OS TERREOS LIMPOS

       Dende o concello estaselle recordando aos propietarios e arrendatarios de fincas a necesidade de marter limpos os terreos.
Os propietarios e arrendadoresde fincas situadas en solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural, teñen a obriga de matelas limpas e desbrozadas de todo tipo de vexetación e nas debidas condicións de seguridade e salubridade, debendo proceder a súa desinfección e desratización periódica.
Tamén están na mesma obrigación de marter limpos e rozados de vexetación, aqueles terreos situados a menos de 50 metros do perímetro dos núcleos rurais co monte.

Esta mesma obriga teñen os propietarios ou titulares sobre os terreos situados nunha franxa de 50 metros a redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións,  depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, que estean a menos de 400 metros do monte.

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE RECEPTORES DE TDT POR SATÉLITE

       O concello de Quiroga informa que se atopa aberto o prazo para solicitar subvencións para a adquisición e a instalación de receptores de Televisión Dixital Terrestre, a través de satélite.
Estas axudas que poden solicitalas as familias que residan ou sexan propietarias dunha vivenda en zonas nas que non se dipoña de cobertura de canle da TDT; e inclúen antena parabólica, cableado, receptor de TDT por satélite, cunha contía máxima de 300 € Ive incluído.
A tramitación da axuda faise a través das entidades colaboradoras, que son as que se encargan de toda a xestión, requirindo ao usuario a sinatura da solicitude e da conformidade da correcta instalación, no caso de ser beneficiairios, así como o resto da documentación necesaria.
          O pagamento da axuda tamén se fai por medio das entidades colaboradoras, que lle descontarán aos benficiarios o importe da subvención do total da factura.
          O prazo para a solicitude destas axudas remata o 30 de setembro.

Para máis información deben dirixirse a Oficina da Area de Rehabilitación Integral, situada no Centro de Formación Ocupacional.