28 jun 2013

ABRESE O PRAZO PARA O CONCURSO DE FOTOGRAFÍA QUÉ É PARA TI QUIROGA?


A área de Xuventude organiza novamente o Concurso de fotografía, Qué é para ti Quiroga?, no que poden participar todas as persoas que así o desexen cun máximo de tres fotografías, co tema o  Val de Quiroga
 
As fotografías serán de tamaño 10x15. Os datos do autor/a, enderezo e teléfono, presentaranse dentro dun sobre pechado. No exterior figurará o título da foto.
 
     Todos os participantes obterán un detalle e o gañador levará unha cámara dixital.
 
Os traballos pódense enviar por correo ou entregalos persoalmente na Casa de Cultura ou na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga, antes do 26 de xullo.
 
 A data fixada polo Concello para a entrega dos premios é o 9 de agosto, coincidindo coa Festa da Xuventude.

O PLENO APROBA A SOLICITUDE DA ROMARIA DA HERMIDA COMO FESTA DE INTERESE TURÍSTICO E A REBAIXA DO RECIBO DA AUGA DO MES DE XUÑO


A corporación municipal celebrou onte pola tarde unha sesión plenaria ordinaria.
No pleno aprobouse o recoñecemento extraordinario de créditos, tamén se aprobaron duas mocións e unha terceira foi rexeitada. A primeira das mocións, que foi presentada polo Partido Popular, era relativa á declaración da Festa dos Remedios da Hermida, como festa de interese turístico de Galicia. Por unanimidade decidiuse solicitar da Xunta de Galicia que esta festa sexa declarada de interese turístico polos seus valores etnográficos e culturais. Desde o equipo de goberno, destacan que a cerimonia relixiosa conta co apoio cada ano de miles de visitantes que acoden atraídos por cuestións de fe pero especialmente polas figuras do meco e as pampórnigas que saen durante os actos.
As outras duas mocións foron presentadas polo BNG, unha en contra da minería salvaxe e contaminante que foi rexeitada e outra sobre o mal funcionamento do suministro de auga. Concretamente foi aprobado por unanimidade que a empresa Aqualia, concesionaria da traída municipal, aplique un desconto no recibo da auga para compensar os problemas de turbidez de principios deste mes.

O CONCELLO PON EN MARCHA UN NOVIDOSO PLAN DE EMPREGO XUVENIL NO QUE PARTICIPAN 14 MOZOS


O concello asinou esta mañá o contrato do plan de emprego xuvenil de 14 mozos menores de 30 anos.

          O Concello de Quiroga a través do departamento de Xuventude puxo en marcha un novidoso Plan de Emprego Xuvenil, temporal, para estudantes universitarios, de ciclos, etc. que durante o curso escolar residen fóra da localidade, e os ingresos familiares sitúense sobre a media da renda per cápita familiar e non superen esta.


O contrato será de media xornada; os mozos substituirán os funcionarios e persoal municipal que gozan das súas vacacións nos meses de verán e cada un deles desempeñase o seu traballo nos diferentes departamentos, servizos sociais, cultura, limpeza viaria, comunicación, administración e deportes.

Con isto o que pretende o grupo de goberno en primeiro lugar é colaborar coas familias, ás que lles supón unha elevada carga económica estudar aos seus fillos fóra, dándolles un traballo a estes estudantes, e en segundo lugar, que lles sirva como experiencia profesional; que poderán incluír no seu currículo, porque se situasen en dependencias de acordo co perfil académico de cada un deles.

A convocatoria realizouse a través do INEM cumprindo o requisito de publicidade, mérito e capacidade.
 

 

21 jun 2013

QUIROGA SOLICITA A DECLARACIÓN DE BENS DE INTERESE CULTURAL DE DOUS CONXUNTOS MINEIROS


O Concello de Quiroga remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia as memorias para a solicitude de apertura de expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto mineiro romano de Montefurado e para o conxunto mineiro romano do túnel de Pena Furada (Paradaseca). No seu día xa se remitiran os informes para apertura dos expedientes do conxunto histórico-artístico do Hospital, integrado pola igrexa parroquial de San Salvador do Hospital, a Casa Torre do Hospital, a Casa da Encomenda (Pazo de Tor) e a Casa de Carballedo; ademais da igrexa parroquial de Santa María da Ermida.
 
En vindeiras datas remitiranse tamén a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as memorias para abrir os expedientes relacionados coas zonas mineiras de Margaride e Covas.
 
Deste xeito, o Concello de Quiroga aspira a acadar un recoñecemento especial para varios dos enclaves máis importantes do seu extenso territorio xa que todos os elementos do patrimonio cultural quirogués contan xa co máximo grao de protección conferido pola súa inclusión no Plan xeral de ordenación municipal.
 
O catálogo do Plan xeral de ordenación municipal de Quiroga recolle e protexe: 66 explotacións mineiras, 20 mámoas, 35 asentamentos castrexos, 2 zonas de petróglifos, 3 pontes, 21 igrexas parroquiais, 39 capelas, 2 cruceiros, 14 casas solariegas, 1 castelo e 7 ferrerías.
 

XOGOS, SARDIÑAS, MÚSICA E FOGATA PARA A NOITE DE SAN XOÁN


O concello ten todo preparado para os actos da noite de San Xoán que se celebrará este domingo día 23.
Os actos organizado na área de recreo do parque da Constitución comenzarán ás sete da tarde con xogos para nenos e nenas, que se prolongarán ata as nove da noite.
A partir das nove e media gran sardiñada para todos. Este ano como novidade os participantes deberán recoller un tique gratuito no propio recinto para canxealo polo menú, que consiste en sardiñas, pan de millo ou do país e viño, auga ou refrescos.
A partir das once da noite dará comezo o programa Música na Rúa. Esta primeira actuación será nas inmediacións da Adega de María, e será a presentación de Nunci Valcarcel, quen se encargará do programa este ano.
Sobre as once e media acenderase a fogata para que todolos asistentes poidan saltar e disfrutar desta noite meiga.

20 jun 2013

COINCIDINDO COA NOITE DE SAN XOÁN COMEZA O PROGRAMA DE ANIMACIÓN "MÚSICA NA RÚA"


O concello de Quiroga poñerá novamente en marcha este verán o programa de animación nocturna Música na Rúa. O seu inicio coincidirá coa noite de San Xoán e en total terá doce actuacións que se desenvolverán en horario de once da noite a unha da mañá.
Con este programa o concello pretende animar as noites dos sábados ou vésperas de festivos nas terrazas de bares e cafeterías da vila, sempre que non coincidan con algunha festa dos arredores. Así a primeira actuación será o 23 de xuño nas inmediacións da Adega de María. O 29 de xuño será no mesón Ferreiriño.
Xa no mes de xullo, o día 6 na Pedra, o día 13 nas inmediacións do bar Lago, Vinoteca Quiroga e a Taberna; o día 20 entre as cafeterías Compañía e Quiper; o 24 na Dai-2 e o 27 no recuncho do Dino.
No mes de agosto haberá tres actuacións, o día 3 entre os bares Félix e Zorro, o día 8 entre as Palmeras e o Portón e o día 31 na Chapakuña.
Finalmente no mes de setembro, o día 14 actuará no mesón Escaleira e pecharanse as actuación o día 21 no Cantar Miudiño.

ABREN AS PISCINAS MUNICIPAIS CON DUAS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS


Este sábado abriranse ao público as piscinas municipais, con duas xornadas, (sábado e  domingo), de entrada gratuita. As piscinas comezarán o luns coa entrada ao mesmo prezo que o ano pasado, 1 € para os rapaces e 1,50 os adultos. Como en anos anteriores tamén se poderán sacar bonos para toda a tempada no mesmo recinto das piscinas; o prezo será de 21 € os rapaces e 30€ os adultos.
 
Dende o momento da súa apertura, as piscinas contarán con todos os servicios de anos anteriores e manterán o mesmo horario, de doce da mediodía a oito do serán ininterrumpidamente.
 
Antes da súa apertura as piscinas foron obxeto de varias actuacións, como  a reparación dos vasos que perdían auga e a colocación dunha nova canalización. Por último tamén se acondicionou o céspede. Nestas melloras invertiuse un presuposto de 19.000 €.

CLAUSURA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS E PRIMEIRA GALA DO DEPORTE QUIROGUÉS


          A Área de deportes do concello clausura mañá pola tarde as Escolas Deportivas a partir das seis da tarde. A partir desa hora disputaranse varios partidos das distintas categorías que competiron este ano. Ás sete e media comezará o encontro entre pais e fillos.
 
Coincidindo con esta clausura celebrarase cunha cea a primeira gala do deporte quirogués.

17 jun 2013

A ÁREA DE EDUCACIÓN OFERTA PARA OS MESES DE XULLO E AGOSTO NOVIDOSOS CAMPAMENTOS DE VERÁN


Dende a Área de Educación do Concello ofertan para os nenos e nenas, de 3 a 12 anos, os Campamentos de Verán, que este ano inclúen unha nova actividade chamada Repaso de Verán.
          Estas actividades terán lugar de luns a venres, agás festivos, durante os meses de xullo e agosto. Concretamente, do luns 1 de xullo ao venres 30 de agosto, en horario de 10:30 a 13:30 horas para todos os participantes. Os campamentos están organizados da seguinte forma:
·       De 10:30 a 11:30 horas:
          - Repaso de verán, que consistirá en realizar un caderno de vacacións, adecuado a súa idade e curso escolar, ademais de fichas con exercicios de repaso, actividades de comprensión lectora e de razoamento matemático; así como actividades interactivas en internet de carácter pedagóxico, relacionadas cos contidos académicos.
·       De 11:30 a 12:30 horas:
          - Luns e mércores: obradoiros de manualidades; con medios plásticos, abalorios, fieltro, tarxetería, goma eva, refugallo, e, un sin fin de materiais que farán que os nenos aprendan diferentes métodos e técnicas manuais. Esta hora realizarase na casa de cultura.
          - Martes, deportes; nesta hora trasladaranse ao pavillón, onde se realizarán xogos deportivos adecuados á idade de cada grupo.
          - Xoves, xogos; realizaranse xogos de distinta natureza, distensión, afirmación, coñecemento, confianza … no pavillón municipal.
          -Venres, dedicados a variadas actividades, teatro, cociña, globoflexia, maquillaxe, e un largo etcétera, xa que se variarán cada semana e serán todos eles moi entretidos e novedosos.
·       De 12:30  a 13:30 horas:
          - Natación e xogos acuáticos; todos os días unha hora nás instalacións das piscinas municipais, nas que terán clases de natación, así como xogos na auga. En caso de mal tempo, esta actividade será substituída por actividades de cine, videocontos, videos musicais, actividades lúdicas en internet …na casa de cultura.
          As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos/as deben pasar pola Casa de Cultura ou chamar ó número de teléfono 982 435 125, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e onde poderán anotar os rapaces e rapazas, antes do 27 de xuño.
          Excepto aquelas persoas que veñen de vacacións a Quiroga, que poderán facelo cando queiran.
 

FERIDO UN VECIÑO DE CARBALLO DE HOSPITAL AO VOLCAR O SEU TRACTOR


Eugenio Martinez, veciño de Carballo de Hospital, foi evacuado onte en helicóptero ata un hospital de Ourense, tras sofrir un accidente co seu tractor e permanecer varias horas tendido nun camiño.
Según apuntaron os veciños, Eugenio saíra sobre as once da mañá da casa no seu tractor para darlle a volta a herba que tiña segada nun prado. A súa muller foi a misa, xa que se celebraba a misa na honra a San Antón de Padua, patrón do pobo. Cando a muller chegou a casa, pasadas as dúas da mediodía e viu que o seu marido aínda non chegara para comer, saíu a buscalo, atopándoo no camiño preto do prado ao que se dirixía.
Todo apunta a que o ferido que conducía o tractor por un camiño estreito, por culpa da maleza non viu ben o límite e meteu as rodas moi preto da beira do camiño cedendo o terreo e precipitando o tractor  por un barranco duns dous metros. Afortunadamente o home non quedou debaixo do tractor, pero as fortes dores que sufría en lle peito, a cadeira e as perna impedíronlle moverse para dar a voz de alarma e permaneceu tombado no camiño ata que o encontraron.
O aviso do que ocorrera recibiuno sobre as catro e media da tarde o servizo de emerxencias do 112, xa que ese día no pobo de Carballo non funcionaban nin os teléfonos fíxos nin os móbiles. Unha vez una vez recibido o aviso á zona desprazouse un helicóptero cun equipo médico, unha ambulancia, os integrantes do grupo municipal de intervención rápida e a garda civil de tráfico; así como numerosos veciños.

          Tras a inspección dos facultativos, na que o ferido estivo en todo momento consciente, iniciouse o traslado do ferido en padiola, para o que se optou por subilo por un prado ata o camiño de acceso a Carballo onde esperaba a ambulancia. A ambulancia encargaríase de levalo ata o helicóptero que aterrara en Sampaio, para o seu traslado ata Ourense.

12 jun 2013

O CONCELLO AFORRARÁ 20.000 € ANUAIS COA COLOCACIÓN DE PANEIS SOLARES EN SETE EDIFICIOS MUNICIPAIS


 O concello de Quiroga adxudicou o contrato da obra de “Instalación de Centrais Fotovoltaicas en edificios municipais” a empresa licitadora que presentou a oferta máis vantaxosa para a corporación.
 
O obxecto do contrato é a realización dunha serie de obras consistentes na instalación de pequenas centrais fotovoltaicas de produción de enerxía eléctrica na modalidade de autoconsumo nas cubertas dos seguintes edificios municipais:
 
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal no Auditorio Municipal.
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal na Casa da Cultura.
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal no CEIP de Quiroga.
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal no Pavillón Polideportivo Municipal.
 
          A instalación destas centrais suporá para o concello de Quiroga unha fonte de aforro enerxético de 20.000 euros ao ano e consecuentemente a redución dos custes correspondentes.
 
          Asemade a empresa adxudicataria ofrece como melloras as instalacións adicionais de produción de enerxía eléctrica nos seguintes edificios:
 
·       Escola Infantil Galiña Azul con 10 Kw de potencia nominal que compartirá cos garaxes da Praza España.
·       Depuradora municipal con 10 Kw de potencia nominal que compartirá coas Piscinas Municipais e o Campo de Fútbol.
·       ETAP con 10 Kw de potencia nominal.
 
          O  funcionamento das centrais é na modalidade de autoconsumo. Isto supón que a produción da planta destinarase a abastecer o consumo enerxético do inmoble. Nos momentos nos que no inmoble non haxa demanda, o excedente verterase a rede. Polo contrario, cando a produción da planta fotovoltaica sexa nula ou simplemente non sexa suficiente como para abastecer a demanda, tomarase a enerxía da rede de distribución do mesmo xeito que se fai na actualidade. Os sistemas fotovoltaicos transforman a enerxía solar incidente en enerxía eléctrica. 

9 ALUMNOS DO I.E.S. DE QUIROGA COMEZARON HOXE AS PROBAS DE SELECTIVIDADE


9 alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga comezaron esta mañá as probas de acceso á universidade, para o que se desprazaron ata o instituto Cosme Rodríguez de A Rúa.
 
Os alumnos comezaron cos exames de Lingua Castelá e Literatura, Historia de España, Historia da Filosofía, Lingua Galega e Literatura e Lingua Estranxeira. Mañá terán que realizar as probas de Matemáticas, Grego, Técninas de Expresión Gráfico-Plástica, Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal, Deseño, Química, Latín, Debuxo Artístico, Bioloxía, Historia da Arte, Electrotecnica, Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais e Artes Escénicas. Para o venres quedaranlles Física, Xeografía, Análise Musical, Tecnolxía Industrial, Economía da Empresa, Debuxo Técnico e Historia da Música e da Danza.
 
O próximo 21 de xuño publicaranse as cualificacións provisionais. Así mesmo, entre o 25 deste mes e o 5 de xullo poderase formalizar a solicitude ordinaria de admisión para cursar ensinanzas universitarias oficiais de Grado.
 

5 jun 2013

NOVO CURSO DE TECIDO TRADICIONAL EN TEAR NO MUSEO ETNOGRÁFICO


A Delegación de Cultura do Concello organiza nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal un Curso de tecido tradicional.
 
Aproveitando a recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento. Urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío de la para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer etc.) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas etc.
 
O curso, de 40 horas de duración, será impartido pola tecedeira de Visuña Carmen Barreiro Díaz, coa colaboración de Manola Soto Silvelo.
 
A data prevista de inicio é o día 17 de xuño e desenvolverase dende esta data ata o día 30 de setembro, todos os luns e mércores de 18 a 20 horas.
 
O prazo para anotarse neste curso estará aberto ata o día 15 de xuño, as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición ou informarse na Casa de Cultura de Quiroga (teléfono 982435125). O prezo desta actividade é de 10 € ao mes.