12 jun 2013

O CONCELLO AFORRARÁ 20.000 € ANUAIS COA COLOCACIÓN DE PANEIS SOLARES EN SETE EDIFICIOS MUNICIPAIS


 O concello de Quiroga adxudicou o contrato da obra de “Instalación de Centrais Fotovoltaicas en edificios municipais” a empresa licitadora que presentou a oferta máis vantaxosa para a corporación.
 
O obxecto do contrato é a realización dunha serie de obras consistentes na instalación de pequenas centrais fotovoltaicas de produción de enerxía eléctrica na modalidade de autoconsumo nas cubertas dos seguintes edificios municipais:
 
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal no Auditorio Municipal.
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal na Casa da Cultura.
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal no CEIP de Quiroga.
·       Instalación de 10 Kw de potencia nominal no Pavillón Polideportivo Municipal.
 
          A instalación destas centrais suporá para o concello de Quiroga unha fonte de aforro enerxético de 20.000 euros ao ano e consecuentemente a redución dos custes correspondentes.
 
          Asemade a empresa adxudicataria ofrece como melloras as instalacións adicionais de produción de enerxía eléctrica nos seguintes edificios:
 
·       Escola Infantil Galiña Azul con 10 Kw de potencia nominal que compartirá cos garaxes da Praza España.
·       Depuradora municipal con 10 Kw de potencia nominal que compartirá coas Piscinas Municipais e o Campo de Fútbol.
·       ETAP con 10 Kw de potencia nominal.
 
          O  funcionamento das centrais é na modalidade de autoconsumo. Isto supón que a produción da planta destinarase a abastecer o consumo enerxético do inmoble. Nos momentos nos que no inmoble non haxa demanda, o excedente verterase a rede. Polo contrario, cando a produción da planta fotovoltaica sexa nula ou simplemente non sexa suficiente como para abastecer a demanda, tomarase a enerxía da rede de distribución do mesmo xeito que se fai na actualidade. Os sistemas fotovoltaicos transforman a enerxía solar incidente en enerxía eléctrica. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario