18 feb 2015

O DOMINGO HABERÁ DESFILE DE COMPARSAS DE ENTROIDO

      Aínda non rematou o Entroido en Quiroga, xa que queda pendente o desfile de comparsas que se aprazou por medo a que a choiva deslucira o desfile; e quedou aprazado para este domingo.
        O concurso, no que hai inscritos uns doucentos participantes, repartidos en sete comparsas e dous disfraces individuais, contará cun premio de 500 € para a comparsa gañadora, os segundos clasificados recibirán 300 € e a comparsa que quede en terceiro lugar 150€. Todos os demáis participantes, tanto comparsas como disfrace individual recibirán 60 €.
       O xurado estará composto por un membro de cada comparsa participante, que valorará a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía de cada comparsa, menos da que representa.
         
O desfile  empezará as 17:00h e percorrerá a Rúa Real dende a confluencia desta coa Rúa Piscinas para rematar no Concello, onde comezará unha festa amenizada polo duo Fondo Tropical e se fará entrega dos premios.

AXUDAS ECONÓMICAS DE PAGAMENTO ÚNICO POR FILLOS MENORES DE TRES ANOS

A oficina de Familia e Servizos Sociais do Concello informa de que se atopa aberto o prazo de solicitude de prestación económica de pagamento único por fillos menores de tres anos para este ano 2015.
Poden ser beneficiarias destas axudas as pesoas con fillos menores de tres anos, é decir nados entre o 2 de xaneiro do 2012 e o 1 de xaneiro deste ano; e que non presentaran declaración polo IRPF tanto obrigadas como de xeito voluntario.
O prazo de presentación das solicitudes remata o 11 de marzo.

Para máis información ou para presentar as solicitudes deben dirixirse ás oficinas de familia e servizos sociais do concello, en horario de dez a duas da mediodía de luns a venres.

5 feb 2015

XA SE PODEN INSCRIBIR AS COMPARSAS QUE DESEXEN PARTICIPAR NO DESFILE DE COMPARSAS

         O Concello de Quiroga ten organizado para o vindeiro domingo día 15  de febreiroo,  o Desfile Concurso de Comparsas cos seguintes premios para os participantes e gañadores:
* Un primeiro premio de 500,00 €
* Un segundo premio de 300,00 €
* Un terceiro  preio de 150,00 €
* Cada comparsa participante recibirá 60€.
         
Ademais das comparsas, que deben estar compostas de dez membros como mínimo, poden participar disfraces individuais, nesta modalidade o máximo serán tres membros por  disfrace. Para os que se establece un único premio para esta modalidade de 60,00€.
     
 O xurado estará composto por un membro de cada comparsa participante, que valorará a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía de cada comparsa, menos da que representa.
         
As inscripcións deberán de realizarse na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 982435125, antes do día 12 de febreiro.
         
O desfile  empezará as 17:00h e percorrerá a Rúa Real dende a confluencia desta coa Rúa Piscinas para rematar no Concello, onde comezará unha festa amenizada polo duo Fondo Tropical e se fará entrega dos premios.
         
Dende a oficina de xuventude, organízase unha excursión para asistir á tradicional saída do “Oso de Salcedo”. A viaxe terá lugar o luns día 16 de febreiro e a saída será da casa de cultura ás 16:00 horas. Para asistir é necesario ser maior de idade e apuntarse na casa de cultura ou no teléfono 982 435 125 antes do venres día 13.
Tamén o luns, terá lugar unha Festa Infantil de disfraces, a partir das cinco da tarde no disco pub Yoya.   

 Ademais o martes, día 17 de febreiro, o Centro Social celebra o martes de Entroido cunha  xornada  gastronómica de animación e convivencia social, gratuita para os seus socios. Ademáis dun baile de disfraces ao que poden asistir todas as persoas que o desexen.

4 feb 2015

OS OLIVAREIROS DE QUIROGA QUEREN ACADAR UNHA MARCA DE CALIDADE PARA O ACEITE

A xefa do Instituto de Calidade Alimentaria da Xunta, dependente da Consellería de Medio Rural, reuniuse na tarde de onte con productores de aceite de Quiroga. Unha das funcións deste Instituto é promocionar e protexer a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.
A xuntanza, que se levou a cabo na casa consistorial, era dar un paso máis para, en palabras do alcalde de Quiroga, pelexar por un aceite único e xenuino como é o de Quiroga.
Nesta primeira xuntanza, aínda que representantes do Instituto de Calidade Alimentaria xa falaran con algún dos maiores olivareiros, foi informalos de cara a tentar unha marca distintiva para o aceite de Quiroga. Explicouselles como funcionan os distintos indicativos de calidade: como son as denominacións de orixen ou as marcas de calidade. Os olivareiros decidiron comezar xa a traballar para acadar primeiramente a marca de calidade para o aceite de Quiroga.
 Nestes momentos o  Concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do producto de forma que quenes queiran utilizar esta marca han de cumprir certos requisitos tanto na producción, elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de olivares.

Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” é requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no devandito territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión creada para o seu cumprimento.