4 ago 2016

HOXE COMEZAN AS FESTAS DE VERÁN

          Quiroga comeza esta tarde as súas festas de verán, que se prolongarán ata o domingo.

As festas abriranse cun festival de música e danza tradicional na praza España, no que actuarán os grupos de danzas San Martiño e Arume da Queiruga e a banda de gaitas San Martiño.

O venres contarase cunha actuación do mago Dani García no parque da Constitución, xunto antes do inicio da XI Festa da Comunidade, para a que xa se poden adquirir as entradas para degustar unha gran paella; e que rematará coa actuación da banda Folk de Ribas de Sil.

Pasada a media noite, tocalle o turno á festa da xuventude, que se desenvolverá na zonas dos pubs, e que nesta ocasión contará coa actuación do grupo Gin Toni’s. Durante esta festa farase a entrega dos premios dos certames de poesía e fotografía da área de xuventude.

O sábado, día 6, pola mañá a banda de música de Xinzo de Limia fará unha alborada e dará un concerto diante da casa do concello. Pola tarde a praza España acollerá un espectáculo e un obradoiro de maxia a cargo de Apren-Deimi. A festa popular correrá a cargo da orquestra The Boys Machine e a verberna contará co grupo Atenas.

O domingo ao mediodía un novo espectáculo de animación de rúa a cargo de Troula Animación, nesta ocasión A Invasión Pirata. E pola tarde unha nova entrega do Concurso pinta con xiz no chan. A festa desta xornada virá da man do grupo Alkar e da orquestra Fania Blanco Show.

Durante estes días tamén haberá actividades deportivas, co II Torneo de Street Soccer; coa presentación do Quiroga nun encontro o sábado contra o Barco e coa disputa do Trofeo Xoiería Zafiro de veteranos entre Quiroga e Monforte.

Como remate das festas celebrarase o día 10 a XXV Mostra do Mel de Quiroga que estará animada pola charanga Terras do Bibei.


QUIROGA XA FORMA PARTE DO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS DA XUNTA

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, asinou o martes coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o convenio de adhesión do noso municipio ao Programa de Vivendas.

A conselleira de Vivenda destacou que Quiroga se convérteu no primeiro concello da provincia de Lugo que se suman a esta iniciativa, elevándose a 13 os municipios de Galicia que forman parte deste programa da Xunta

O obxectivo do programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do alugueiro –de 200 € -, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

A conselleira explicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financian un seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios. Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado.

                                                

1 ago 2016

EXITO DE PARTICIPACIÓN NA PRIMEIRA NIGHT TRAIL DE QUIROGA

 Quiroga acolleu o sábado a primeira Night Trail, ou carreira nocturna, organizada dende o departamento de deportes, e que contou con preto de 300 inscritos.

Sobre as nove da noite e ata o inicio das carreiras, a praza España acolleu clases de zumba, gratuitas para todo o mundo e no que participaban todas as persoas que quixeron.
  
Sobre as dez da noite comezaban as probas para os nenos que dependendo das idades facían un pequeno recorrido pola vila de Quiroga. En total foron tres as probas infantís.

A carreira que partía ás dez e cuarto da noite dende a praza España, tiña dous recorridos, un de 9,5 km, practicamente urbán e outro de 16 km que aínda que partían xuntos, separábanse á altura de Caspedro. O recorrido de 9,5 km dende Caspedro continuaba pola ruta da Encomenda, é decir por San Xulián de Arriba, Hospital, A Vergaza, A Ermida, o paseo Fluvial e remataba no punto de partida en Quiroga. A máis longa, dende Caspedro continuaba cara o Castelo, para ir polo monte e baixar cara a Vergaza, onde continuaba polo mesmo recorrido que a anterior. Ademais de correndo estes dous recorridos tamén se podían facer na modalidade de andaina.

Tratouse dunha proba bastante suave, accesible para todos os públicos, cunha quilometraxe baixa e sen grandes desniveis nin tramos técnicos, aínda que o 80% do circuíto foi por pistas e carreiros dos arredores de Quiroga. A graza estaba en que se trataba dunha proba nocturna.

 Para ambas as probas era obrigatorio o uso de luz frontal. Había un avituallamiento líquido e sólido en metade do percorrido, máis avituallamiento final en meta, e outros servizos como bolsa de corredor, duchas no pavillón municipal, gardarroupa, ou fisioterapia en meta.

O gañador absoluto foi o lucense Brais Rozados, cun tempo dunha hora, 17 minutos e 36 segundos; seguido de Javier Tourís e Pablo Israel  Rodríguez. Na categoría feminina a gañadora foi Pili Pérez, cun tempo de unha hora, 37 minutos e 27 segundos; seguida de Canmen Pan e Sandra Fernández.

No recorrido máis corto, Rubén Vázquez con 44 minutos e 44 segundos, foi o gañador e na categoría feminina foi Iria Otero con 57 minutos con 29 segundos.

Os mellores corredores locais  do trail de 16 km foron Mariano Álvarez e María Rodríguez, mentres que na andaina destacaron Alejandro Casanova e Rebeca Piñeiro.
  
Como remate da proba celebrouse unha pancetada para os participantes e unha festa con disco móvil.