25 may. 2015

NOVA MAIORÍA ABSOLUTA PARA O PARTIDO POPULAR DE QUIROGA ONDE JULIO ALVAREZ COMEZARÁ O SEU OITAVO MANDATO

Julio Álvarez Núñez repetirá como alcalde de Quiroga durante outros catro anos no que será xa o seu oitavo mandato. O Partido Popular seguirá gobernando no Concello de Quiroga unha vez máis con maioría absoluta ao acadar oito concelleiros. Os dous grupos da oposición conservan o mesmo número de edís, pero repartidos doutro xeito: o BNG pasa de dous a un concelleiro e o PSOE de un sube a dous.

Así o decidiu a maioría dos 2.378 quirogueses que acudiron as urnas, nunha xornada que transcorriu sen incidencias. A participación nestes comicios foi moi alta como é habitual no municipio quirogués, do 78,51%.

Tras o escrutinio dos votos acadáronse os seguintes resultados: o PP acadou 1.552 votos, o 66,78%; o BNG 333 votos, o 14,32% e o PSdeG-PSOE con 413 votos acadou un 17,77%. Ademais 54 votos foron nulos e 26 en branco. Isto traducido en concelleiros dá unha nova corporación formada por:

* 8 concelleiros do PP:
Julio Álvarez Núñez
Ana Mª Núñez García
Andrés Novoa Arza
Rosa Mª Arza Rodríguez
José Luis Rivera Castro
María Dolores Sánchez Durán
José Enríquez Álvarez
José Ángel Rodríguez Raposo

* 1 do BNG:
Amparo Montenegro Díaz

* 2 do PSdeG-PSOE:
Vicente Parra Vizcaíno
Maximina Canseco Prieto.

No municipio de Quiroga unha vez máis constituíronse sete mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 267 veciños emitíronse 212 votos, un 79,40%; deles 154 para o PP, 35 para o PSdeG-PSOE e 20 para o BNG.

Na mesa de Soldón, cun censo de 203 votantes, exerceron este dereito 165, o que supón un 81,28%. Nesta mesa o PP acadou 129 votos, o PSOE 26 e BNG 9.

Na mesa de Montefurado, cun censo de 210 votaron 158, un 75,23%; destes 114 foron para o PP; 25 para o PSdeG-PSOE; e 12 para o BNG.

Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 214 votaron 172, un 80,37%: destes votos 100 foron para o PP, 25 para o PSdeG-PSOE e 44 para o BNG.

Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o J, dun censo total de 649 recibiu 503 votos, un 77,50%. Por partidos políticos, o PP acadou 323, o PSdeG-PSOE 91 e o BNG 78.

Na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o J ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 888 acadáronse 692 votos, o que supón un 77,92%. Nesta mesa o PP acadou 424 votos, o PSdeG-PSOE 115, e o BNG 118.

Finalmente, na mesa situada no centro Social de Campos de Vila, onde votaron os veciños empadroados entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 598 persoas, recolleu un 79,59%, 476 votos. O PP acadou 308, o PSdeG-PSOE 96 e o BNG 52.


22 may. 2015

ESTA TARDE ABRÍRONSE OS PARQUES DE QUIROGA QUE ESTABAN SENDO REMODELADOS

          Os parques da Igrexa e da Constitución quedarán abertos totalmente ao público a partir desta tarde.

Esta mañá ainda se estaba rematando de colocando o novo mobiliario nos dous parques, para o que se conta cun presuposto de máis de 80.000 € para este ano.

No parque da Constitución colocouse un novo tobogán onde se quitou o xa existente e na parte nova  unha gran estructura, con diversos xogos.

Pola súa banda, no parque da igrexa colocase tamén unha estructura de xogos pero máis pequena, unha pirámide e un columpio.

Nos dous parques cambiouse a area por unha nova e colocouse tamén un muelle novo en cada un.

Esta non é a única millora coa que contarán estas instalacións infantís, xa que o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra, aprobou unha partida de máis de 115.000 € para cubrir unha parte do parque da Constitución. 

3.029 QUIROGUESES PODERÁN VOTAR ESTE DOMINGO PARA ESCOLLER AO ALCALDE DE QUIROGA DE ENTRE TRES CANDIDATURAS

 3.029 quirogueses, 230 menos que nos comicios municipais do 2011, están chamados a votar este domingo 24 de maio nas eleccións municipais para elexir ao alcalde de Quiroga por catro anos.

Unha vez máis constituiranse sete mesas electorais. No centro social de Quiroga instalaranse duas mesas, na mesa A poderán votar 649 quirogueses, mentres que na mesa B poderán facelo 888.

No centro social de Campos de Vila, poderán votar 598 persoas, empadroadas dende a Parroquia de Hospital ata a parroquia da Seara.

Na cantina Bonifacio, en Vilar de Lor, na que exercen o voto os veciños da zona da Labrada e a Montaña do Lor, hai un censo electoral de 267 persoas.

Na casa da cultura de Quiroga, instalase a mesa para os veciños das parroquias do Nocedo e a Hermida. Nesta mesa, poderán exercer o seu dereito a voto 214 veciños.

As duas últimas mesas son as situadas na escola de Montefurado na que poderán votar 210 electores; e a situada  no muiño de Soldón, a máis pequena de todas, cun censo electoral de 203posibles votantes.

Todas as mesas deberán constituirse a partir das oito da mañá co seu presidente e dous vocais, para abrirse ás nove da mañá aos votantes. As persoas que queiran exercer o seu dereito a voto terán toda a xornada para facelo, ata as oito do serán, momento no que se pecharán as mesas.


 En Quiroga son tres as candidaturas presentadas: PP, BNG e PSOE. Soamente o cabeza de lista do Partido Popular, Julio Alvarez, actual alcalde, é o que repite como cabeza de lista, os outros dous encabezan unha lista por primeira vez. Trátase de Amparo Montenegro polo BNG e Vicente Parra polo PSOE.

18 may. 2015

O MUIÑO DE BENDILLÓ ELABOROU UNHA VEZ MÁIS ACEITE TRADICONAL DE QUIROGA

A Décimo quinta edición da Mostra do Aceite, xa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrouse o sábado no lugar das Farrapas.
O programa abriuse, a partir das once e media da maña, coa posta en funcionamento do Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Unha vez máis poidemos atopar visitantes de diversos lugares de Galicia.
Ás doce da mediodía catarábanse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas. A calidade dos aceites novamente quedou patente neste acto no que algún chegou a acadar a nota de matrícula de honra. Os aceites de Quiroga caracterízanse por ter aromas de carácter frutal, ademais de niveis de picante medios – altos e unha amargura moderada.
A unha e cuarto, actuacións de danza e música tradicional galega a cargo das agrupacións locias: Grupo de danzas San Martiño, Grupo de Gaitas O Recanto e a banda de gaitas San Martiño.
A esta mostra acudiu o xefe territorial de Medio Rural, Ramón Losada, quen destacou a aposta que a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia está facendo polo aceite de Quiroga.
Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron á venda aceite e productos típicos. Os seis olivareiros que concorreron este sábado foron: Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez. Todos eles coincidiron en que a pesar que a afluencia de público era menor que outros anos as ventas foron moi boas.    

15 may. 2015

UNHA HOMENAXE A COLOMÁN GONZÁLEZ, ACTO CENTRAL DAS LETRAS GALEGAS

           O vindeiro domingo,  co gallo da celebración do Día das Letras Galegas,  o Concello de Quiroga ten programado una serie de actos que se desenvolverán a no Auditorio Municipal e no Museo Etnográfico.
          Ás 17:45 h: Recepción de Representantes dos  Colectivos Culturais da Vila na Sala de Catas do Museo Etnográfico.
          Ás 18:00 h no Auditorio Municipal faraselle un acto de homenaxe ao Gaiteiro da Ermida D. Colomán González Rodríguez pola súa labor na trasmisión do patrimonio  etnográfico da nosa comarca.
          Nesta homenaxe colaboran o Grupo de Gaitas “O Recanto”, a Banda de Gaitas San Martiño, Os Gaiteiros da Ermida, o Grupo de Danza “Arume da Queiruga” e o musicólogo e Director da Real Banda de Gaitas  e da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo.
          A continuación terá lugar a entrega de Premios aos Gañadores do Certame de Narración e Debuxo  Letras Galegas 2015, covocado pola Biblioteca Municipal e a Biblioteca Nodal de Lugo.
Na modalidade debuxo, os gañadores foron:
           -Na categoría A (ata 8 anos): Antía Rodríguez García, Natalia Álvarez Díaz,Nadira Robledo Rodríguez e Martín Pérez Rodríguez.
- Na categoría B (de 9 a 11anos): Icía Marcos García, Emilia Sandra González Macía e Diego Arias González.
Na modalidade  narración: 
- Na categoría A (ata 8 anos). Cristian Álvarez Fuentes, Germán Álvarez Fuentes e Víctor Rodríguez Ramos.





QUIROGA ACOLLE MAÑÁ A XV MOSTRA DO ACEITE, FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

A Décimo quinta edición da Mostra do Aceite, xa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar mañá sábado. A comisión organizadora decidiu no seu momento este atraso na data para tentar acadar unha mellora nas condicións climatolóxicas e na presentación do producto por estar máis decantado e clarificado.
Tras realizar o pasado domingo a cata aberta dos aceites inscritos, otorgouselle aos aceites presentados a posibilidade de acudir a esta mostra. Un grupo integrado por catadores de Quiroga, formados nun curso impartido pola UNED de Ponferrada durante o ano 2013, probou os aceites que concorrerán a mostra,  para avaliar a calidade do produto que se pon a venda.
Ademais desta cata os seis aceites que participan na mostra analizáronse nun laboratorio especializado onde se lle efectuaron as probas especificadas marcadas pola normativa europea para este tipo de produtos, relativo ás características dos aceites de oliva e dos aceites de orujo de oliva e sobre os seus métodos de análise.
Os seis olivareiros que concorren este sábado son; Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez.
O programa abrirase, no lugar das Farrapas, a partir das once e media da maña, coa posta en funcionamento do Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite.
Ás doce da mediodía cataránse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas.
A unha e cuarto, actuacións de danza e música tradicional galega a cargo das agrupacións locias: Grupo de danzas San Martiño, Grupo de Gaitas O Recanto e a banda de gaitas San Martiño.

Durante toda a xornada no recinto feiral estarán a venda aceite e productos típicos. 

8 may. 2015

O TRAIL DO LOR, SEGUNDA PROBA DO TRAIL CHALLENGE, DISPUTASE ESTE SÁBADO

O Albergue Municipal en colaboración co concello de Quiroga e a Deputación Provincial, organizou para este sábado a segunda etapa do Trail Challenge, o Trail do Lor.
A proba do Trail do Lor ten fama de ser unha das probas máis duras de Galicia, cos seus 46 km e un desnivel de maís de 3.000 metros. A proba conta tamén cunha modalidade en mini trail con 18 km.
Tanto a saída, que será ás nove da mañá, como a chegada estarán no Albergue de Quiroga. A organización facilitará a cada participante un número para cada unha das probas, persoal e intransferible, cuxa utilización será obrigatoria.
 
O percorrido estará debidamente sinalizado con anacos de fita de plástico de cores vivas e frechas indicativas, así como referencia quilométricas ao longo de todo o percorrido.

No desenvolvemento da proba a organización terá dispostos varios puntos de control sendo obrigatorio o paso por estes onde se efectuarán os controis de paso regulamentarios, o non paso ou salto dalgún dos controis será motivo directo de descualificación da proba.
En cada unha das probas establecerase un tempo límite para o paso de cada un dos controis e para a chegada a liña de meta.
Establécense duas categorías tanto para o sexo masculino como feminino: Absoluta para os que teñen idades comprendidas entre os 16 e os 45 anos, e veteranos para os maiores desta idade.
Haberá trofeos para as 3 primeras personas clasificadas de cada distancia, ademais dun recordo do circuito a todas aquelas persoas que finalizaran as duas probas convocadas, esta do Lor e a do Trail do Castelo, que se fixera no mes de marzo.

ESTE DOMINGO CATARANSE OS ACEITES PARTICIPANTES NA MOSTRA DO ACEITE

Este domingo, día 10 de maio, na sala de catas do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga, terá lugar a cata dos seis aceites inscritos para participar na XV MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA, que terá lugar o vindeiro 16 de maio. A cata está aberta ao público en xeral que desexe participar como espectador.
Un grupo integrado por catadores de Quiroga, formados nun curso impartido pola UNED de Ponferrada durante o ano 2013, probará os aceites que concorren a mostra igual que se fai na Feira do Viño de Quiroga cos viños aspirantes,  para avaliar a calidade do produto que se porá a venda.

Ademais desta cata os seis aceites que aspiran a participar na mostra analizáronse nun laboratorio especializado onde se lle efectuaron as probas especificadas marcadas pola normativa europea para este tipo de produtos, relativo ás características dos aceites de oliva e dos aceites de orujo de oliva y sobre os seus métodos de análise. O propio día da mostra, 16 de maio, a comisión de cata reunirase novamente no propio recinto feiral para catar de novo os aceites expostos.

EMILIO RÚA E XESTREU EN CONCERTO ESTE SÁBADO NO AUDITORIO QUIROGUÉS

         O Concello de Quiroga, a través do Programa “Cultura no Camiño”, ten programado para este sábado, ás oito do serán, un concerto de música tradicional e de autor a cargo  do cantautor Emilio Rúa e o grupo de Pandereteiras Xestreu.
       Emilio rúe é un cantautor ourensán,  que conta cunha longa traxectoria musical. Trinta anos no mundo da música e  cinco discos no mercado conságrano  coma un referente na música  de autor galega.
        Xestreu é un grupo de pandereteiras, que nace no ano 2001 coa intención de traballar no eido da recuperación  das vellas cantigas de raizame popular.
        O Concerto Emilio Rúa & Xestreu, é un espectáculo que consiste na unión a música de autor ou moderna de Emilio Rúa coa popular e máis tradicional de Xestreu, que se caracterizan por adaptar temas da música tradicional e doutros países do mundo, para divulgar a música galega e facela chegar a todo o público pero especialmente ás novas xeracións.
     Fan un repaso e adaptación de temas como A Carolina, A rianxeira, Camariñas, Miudiño, A pousa, etc, dándolles unha nova volta e interpretadas dun xeito moi festivo e participativo, pero elegante.

O programa “Cultura no Camiño”, enmarcado na continuidade de celebración do Ano Franciscano, está patrocinado polos Concellos onde se desenvolve (neste caso o de Quiroga), a Xunta de Galicia, coa coordinación de Turismo de Galicia e da Axencia Galega de Industrias Culturais, e co  patrocinio privado  de Gadisa.