27 nov. 2012

XA SE PODE VISITAR A EXPOSICIÓN "O NOSO MUNDO, O NOSO FUTURO, A NOSA OPCIÓN"


A sala de exposicións da casa da cultura acollerá a partir do vindeiro martes a exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que, contando coa colaboración do Concello de Quiroga, poderase visitar ata o día 10 de decembro.
 
A idea base que fundamenta a exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción” é a de sensibilizar e fomentar a participación da cidadanía no desenvolvemento de medidas efectivas para loitar contra os efectos do cambio climático.
 
A exposición está composta de paneis informativos, un documental sobre o cambio climático, varios módulos como exemplo de solucións a nivel indiviudal para reducir as emisións de CO2 e de enerxias renovables e finalmante, un caderno de actividades didácticas.
 
Os días 28 e 30, terá lugar unha visita guiada na que participarán alumnos e alumnas dos centros escolares do pobo. Esta visita permite tratar de xeito mais ameno e distendido os contidos dos paneis. Trátase de que os participantes avancen ao longo da exposición cubrindo un cuestionario que posteriormente lles será útil para traballar co caderno de actividades.

21 nov. 2012

EN MARCHA A CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE TAPÓNS PARA UXÍA


Uxía López Cobo é unha pequeniña de 9 meses que naceu sen a súa man esquerda. A súa nai, Nuria Cobo está levando a cabo unha campaña de recolección de tapóns de plástico para costear a operación de implante dunha man para a pequena.
 
Na actualidade existen no mercado moitas mais posibilidades de reconstrución dunha man, cheegando ao implante conectado ás terminacións nerviosas da nena, de forma que pode mobilizalo segundo os seus desexos.

          A dia de hoxe, o SERGAS non cobre o gasto que inclúe o tipo de man totalmente funcional e similar a unha man humana que hai dispoñible no mercado, e que realmente se que cumpre a ausencia coxénita da man que ten Uxia.

 Os recursos economicos dos pais son limitados, e non son suficientes para facer fronte a todos os gastos que vai xerar a colocacion dunha man destas caracteristicas,
         
Coa intencion de facer un chamamento á solidariedade entre todos, a nai esta actualmente cunha ONG, para que se encargue da recolle e dos bens que sexan achegados. Como primeiro paso paso, que non supón desembolso e é facil de realizar, pensouse na recollida de tapóns de plastico. A plataforma Tod@s con Uxía é a encargada de supervisar a campaña de recollida de tapóns que puxeron en marcha os pais da nena.
 
A familia de Uxía López agradeceu o apoio recibido por decenas de persoas desde que o caso saltou aos medios de comunicación. A familia da nena está a loitar para que poida ser intervida polo doutor Pedro Cavadas. Ademais, habilitaron un número de conta para as persoas que queiran colaborar que é o 2080 0138 91 3000079737.

O C.I.M. ORGANIZA ACTIVIDADES CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


O Centro de Información á Muller do Concello vai levar a cabo diversas actividades con motivo da celebración este domingo do día Internacional contra a Violencia de Xénero.
 
Con motivo desta celebración o C.I.M. vai repartir nos diferentes establecementos da vila, folletos explicativos sobre os distintos tipos de violencia e o recursos dos que se dispón para combatelos. Estes folletos, pero adáptados a nenos máis pequenos, repartiranse tamén no colexio de educación infantil e primaria de Quiroga.
 
Outra das actividades que se levará a cabo será a colocación dun libro blanco no concello, o venres dende as dez da mañá ata a unha da mediodía. Neste libro todos os veciños poderán plasmar o que queiran con motivo desta lacra social.
 
Finalmente, levarán a cabo outras duas actividades relacionadas con este medio informativo, unha delas será hoxe mércores no programa da radio municipal Siglo XXII, no que se emitirá música en contra da violencia de xénero. E tamén na televisión local emitirá durante a fin de semana un video con esta temática.

12 nov. 2012

O DIRECTOR XERAL DE PATRIMONIO DA XUNTA VISITA A IGREXA DE HOSPITAL


O director xeral de patrimonio cultural da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Pichel, estivo o pasado venres visitando a igrexa de Hospital. Esta non é a primeira vez que o director de patrimonio visita o templo no que o seu departamente investiu uns 300.000 €, dende o ano 2005, cando comenzaron as obras de restauración.
 
As últimas obras levadas a cabo dende a Consellería de Cultura e Turismo foron as da restauración e acondicionamento da capela de San Xoán de Hospital nas que se invertiron 85.000 €.
 
Rey Pichel tamén estivo contemplando as obras de restauración do retablo maior da igrexa que é de estilo barroco, de finais do século XVII ou algo posterior. Aínda que o seu departamento non realiza estas obras, sí ten que dar as autorizacións pertinentes para poder levalas a cabo.

9 nov. 2012

CONTINÚA O PROXECTO "COÑECE O TEU CONTORNO: APROVEITA OS SEUS RECURSOS"


A área de cultura do concello continuará esta tarde co proxecto “Coñece o teu Contorno: aproveita os seus recursos ”. Nesta ocasión continuarase cun dos abundantes productos da zona: A castaña.
Nesta ocasión, Verónica Núñez, complementará a charla anterior na que explicou a súa experiencia como produtores e vendedores de derivados dá castaña e dos froitos silvestres. Así a partir das seis da tarde, no Museo etnográfico terá lugar unha xornada baixo o nome da castaña na cociña galega.
Verónica Núñez, da empresa Caurelor, ofrecerá aos participantes múltiples xeitos de preparación deste abundante produto na comarca de Quiroga. Os asistentes  poderán degustar distintos pratos  realizados con castañas.

 
A seguinte actividade deste proxecto será  unha nova andaina que levará aos participantes ata o pregamento de Campodola- Leixazós, declarado este ano como monumento natural.
 
A excursión terá lugar o domingo 18 de novembro. O percorrido iniciarase ás nove da mañá diante da Casa da Cultura, onde se collerá dirección a Conchada, para seguir por Mazaira, o alto do Convento, o alto do Boi e o Miradoiro de Campodola. Pola Hermida baixarase novamente ata Quiroga sobre as seis da tarde.
 
En total a ruta considerada de dificultade alta, ten 28 kilómetros. Os participantes deberán levar a súa comida e bebida para o percorrido.
 
Os interesados en anotarse ou solicitar máis información, poden dirixirse á Casa de Cultura ou no teléfono 982.43.51.25, antes do venres 16 de novembro.
 

6 nov. 2012

O MUSEO XEOLÓXICO ACOLLERÁ UN OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA


A delegación de Cultura organizou un obradoiro de arqueoloxía no Museo Xeolóxico de Quiroga o sábado día 24 de novembro. O obradoiro, que se desenvolverá dende as once da mañá ata a unha e media, estará dedicado á metodoloxía arqueolóxica e mostra e análises de pezas.
 
 Na actividade tomarán parte os arqueólogos Iván Álvarez  e Tania Arias, que explicarán dunha forma prática os diferentes pasos que se seguen habitualmente desde que unha peza arqueolóxica é descuberta e desenterrada polos investigadores ata que acaba sendo exhibida nun museo.  Iván Álvarez ten levado a cabo numerosas investigacións en xacementos galegos, principalmente dás épocas castrexa, romana e altomedieval, mentres que Tania Arias colabora desde hai anos no estudo dos xacementos paleolíticos do sur lucense.
 
As persoas interesadas en participar ou en recibir máis información poden pasar pola Casa da Cultura ou chamar ao teléfono 982.43.51.25.

ORGANIZADOS OS ACTOS PARA CELEBRAR O PATRÓN DA VILA


O concello de Quiroga organizou as actividades a desenvolver o día 11 de novembro, día de San Martiño, patrón da Vila.
 
Oprograma da festa centrarase no domingo día 11. Así os actos comenzarán ás once menos cuarto da mañá cun pasarrúas a cargo da banda de Gaitas San Martiño. Ás once comenzará a carreira popular, soamente de caracter local e na que haberá distintas categorías, dende pitufos ata cadetes.
 
Ás doce da mediodía comenzarán os actos litúrxicos, que se iniciarán coa tradicional procesión na que a imaxe do patrón da vila recorrerá a zona da praza Maior.
 
Á unha e cuarto os actos trasládanse ata a praza, onde o grupo de danzas San Martiño actuará acompañado da banda de gaitas do mesmo nome. Sobre as catro os cativos poderán disfrutar de xogos populares organizados dende a área de educación.
 
E finalmente a partir das sete da tarde poderase degustar o magosto acompañado de viño novo. E a continuación festa co duo local Fondo Tropical.