28 abr 2018

CATA DOS ACEITES PARTICIPANTES NA XVII MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA NO MUÍÑO DE BENDILLÓ.


O venres, día 11 de maio de 2018, ás 19:00 h na sala de catas do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga, terá lugar a cata dos seis aceites inscritos para participar na XVIII MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA, que terá lugar o vindeiro  20 de maio de 2018.
A cata é aberta ao público en xeral que desexe participar como espectador.

Un grupo integrado por catadores de Quiroga, formados nun curso impartido pola UNED de Ponferrada durante o ano 2013, probará os aceites que concorren a mostra igual que se fai na Feira do Viño de Quiroga cos viños aspirantes,  para avaliar a calidade do produto que se porá a venda.

Ademais desta cata os seis aceites que aspiran a participar na mostra analizáronse nun laboratorio especializado onde se lle efectuaron as probas especificadas marcadas pola normativa europea para este tipo de produtos (REGLAMENTO (CE) Nº 1989/2003 DE LA COMISIÓN de 6 de noviembre de 2003, relativo a las características de los aceites de oliva y de los aceites de orujo de oliva y sobre sus métodos de análisis). 

O propio día da mostra, 20 de maio, a comisión de cata reunirase novamente no propio recinto feiral para probar de novo os aceites expostos nunha cata pública e comentada na Capela das Farrapas, ao carón do muíño de aceite de Bendilló.

VII CURSO DE TECIDO TRADICIONAL



O Concello de Quiroga realiza nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga o VII curso de tecido tradicional.

Aproveitando a recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.

O curso, de 20 horas de duración, será impartido pola tecedeira de Visuña Carme Barreiro Díaz. Durante as 20 horas que durará a actividade realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.

            A data prevista de inicio é o día 10 de maio e desenvolverase dende esta data ata o día 11 de xuño, todos os luns e xoves de 17:00 a 19:00 horas.
            O prazo para anotarse neste curso está aberto ata o propio día 10 de maio, as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición ou informarse na Casa de Cultura de Quiroga (teléfono 982435125).



O CONCELLO DE QUIROGA NOMEARÁ FILLA ADOPTIVA DE QUIROGA A CELIA DÍAZ NÚÑEZ


O Concello de Quiroga nomeará Filla Adoptiva de Quiroga a Celia  Díaz  Núñez, escritora  galega nacida no Páramo pero que aos poucos anos trasladouse a vivir a Quiroga, terra da súa nai.
Celia é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela; e tamén diplomada en Maxisterio pala Escala Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo. Reside en  Ourense, onde exerce como profesora de lingua e literatura galega en ensino secundario.

Como escritora posúe unha extensa carreira literaria, cultivando xéneros  como o teatro, o ensaio ou a novela; tamén, é autora de libros de texto de lingua galega de educación secundaria.  O pasado ano   presentou  a súa última novela "Unha verdade amarga", editada para editorial Galaxia.

Pola súa dilatada e gran carreira literaria conta con varios premios literarios: Foi gañadora do Premio Pura e Dora Vázquez na 1ª e 9ª edición coas obras “Adeliña”  e “Rugando” (publicadas en 20054 e 2012, respectivamente). Tamén  gañou o II Premio Internacional Barriga Verde de textos para teatro de monicreques coa  obra “Cataventos e Cía”.

 Pola súa relación con Quiroga moitas das súas obras están ambientadas en aquí:
"Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores" 1995; "Rugando"  2012; "A boca do monte"  2016.
O acto terá lugar o xoves  día 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Salón se Sesións do Concello de Quiroga a unha do mediodía.

19 abr 2018

A BIBLIOTECA PÚBLICA DE QUIROGA CONVOCA O CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO LETRAS GALEGAS 2018


A  Biblioteca  Pública  do Concello de Quiroga ven de convocar a fase local do Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas, 2018. Este certame consta dunha fase local e outra provincial convocada pola Biblioteca Nodal de Lugo.

As bases son as seguintes:

1.-Poden participar todos os nenos e nenas  con:
- A) Narracións, en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, sobre o tema que se propón a continuación "COMO CAMBIU O CONTO ou COMO DARLLE UNHA VOLTA AO CONTO TRADICIONAL”: o lobo vexeariano, Carrapuchiña feroz,Cincento no canto de Cincenta, Unha Bela que nunca dorme.

- B)  Debuxos, feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4, sobre o tema que se propón a continuación: "COMO CAMBIU O CONTO ou COMO DARLLE UNHA VOLTA AO CONTO TRADICIONAL”: o lobo vexetariano, Carrapuchiña feroz, Cincento no canto de Cincenta? Unha Bela que nunca dorme.

2- Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe, mecanografados,escritos a omputador ou a man; neste último caso sempre en bolígrafo e nunca a lapis. Con cada  traballo,   acompañarase  unha folla co nome e demais datos do autor.

3- Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos.

4- O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 11 de maio, debendo  ser entregados  polos seus autores na  BIBLIOTECA MUNICIPAL.

5- O  xurado, formado por persoas  entendidos  na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos.

6- Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación  e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

7- O fallo do xurado local farase público antes  do  DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

8- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade  da Biblioteca Pública que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.

9- Todas as incidencias non previstas  nestas bases serán resoltas polo xurado .

10- A presentación das obras a este certame supón a aceptación das presentes bases.



O MUSEO DIOCESANO DE LUGO ALBERGA UN SELO OU TROQUEL DO SÉCULO XVI, PERTENCENTE A ENCOMENDA DE SAN XOÁN


O Crismón da Ermida, peza emblemática de Quiroga, forma parte do inventario do Museo Diocesano de Lugo dende a sua creación. Pero esta non é a única peza de Quiroga que alberga este museo.


Un selo ou troquel do século XVI,  pertencente a Encomenda de San Xoán, tamén forma parte deste inventariado e ao igual que o Crismón podese ver na exposición permanente que ten o Museo Diocesano.


      O selo de ferro fundido e moldeado, ten forma circular e leva gravadas tres finas liñas que enmarcan os dous rexistros da peza: o epigráfico exterior no que se le VICARIA GENERAL ENCOMIENDA DE QUIROGA. ORDEN MILITAR DE SAN JUAN e no centro a característica Cruz de Malta de oito puntas, insignia da Orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén.

O mango, de perfil troncopiramidal e vértices achaflanados, aumenta o seu groso cara a banda superior na que presenta unha profunda moldura convexa  que fai adquirir un aspecto de tapón.

A peza que ingresou no Museo Diocesano de Lugo en 1949, cedida polo párroco de San Salvador de Hospital por aquel entón, estaria impresa en todolos documentos oficiais da Orden Militar na Encomenda de Quiroga. A práctica totalidade destes documentos guardábanse nun arquivo da torre do Castelo Torrenovaes, que foi incendiado en 1909, coincidindo co paso por estas terras do exercito francés.

O selo atópase en bo estado de conservación e podese ver na exposición permanente do museo protexido dentro dunha vitrina.

 

10 abr 2018

O MESÓN FERREIRIÑO GAÑA POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO O CONCURSO DE TAPAS


       Interpretación de Polbo a Feira con Aceite de Quiroga, a tapa presentada pola Mesón Ferreiriño, foi a gañadora da  7ª edición do Concurso "Quiroga  de Tapas", na que participaron trece establecementos da vila.

Esta mañá abríanse as urnas nas que estaban depositados os tapacartóns. Os clientes que completaron a degustación de todas as tapas presentadas a concurso en todos os establecementos participantes, podían votar a súa tapa favorita utilizando o tapacartón previamente selado polos establecementos, nas urnas oficiais do concurso. Non se contabilizou como válida ningunha cartilla de votación que non contivese selo de todos os establecementos participantes, o seu voto, escrito de forma lixible e un nome, apelidos e teléfono de contacto da persoa que emitía o voto.

Tras o reconto de votos a tapa gañadora foi a presentada polo Mesón Ferreiriño, seguida moi de preto pola presentada pola Adega de María.

Na presente edición había numerosos premios para as persoas que completaron o circuito e emitiron o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes. Unha vez feito o reconto de votos procedeuse ao sorteo para os premios entre todos os participantes.

        Pola súa banda o local gañador da mellor tapa da presente edición recibía 100€ e unha praca conmemorativa.


2 abr 2018

MILES DE PERSOAS NA FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA


A cita vitivinícola máis antiga da Ribeira Sacra tivo lugar esta fin de semana en Quiroga. A XXXVI edición da Feira do Viño, conseguiu atraer a miles de persoas ata este municipio do sur de Lugo declarado de interese turístico e que forma parte do territorio que aspira a ser declarado no seu conxunto como Patrimonio da Humanidade.

Os viños brancos e tintos, elaborados de forma artesanal, nos que predominan as variedades “mencía” e “ godello”, conseguen atraer cada ano a máis visitantes. A principal peculiaridade destes viños é a forma de produción que se mantén case invariable no tempo, xa que se trata de viños artesanais, que se deben pasar varias análises realizadas en laboratorio, así como unha cata de calidade que dirixe a Confraría do Viño de Quiroga.


A festa comezou con música tradicional, a que puxieron as bandas participantes no Certame Celtibérico, que congregou a bandas de gaitas de todas partes de Galicia e do territorio nacional. Ademais, serviu de homenaxe a Javier Coia, mestre gaiteiro de Velle (Ourense) e durante máis de vinte anos, profesor do grupo de gaitas San Martiño.

O momento máis multitudinario da Feira foi sen dúbida o momento do pregón, unido unha vez máis ao programa Sálvame de Tele5, onde Quiroga presume de ter grandes amigos. A xornalista Carlota Corredera presentadora, directora, colaboradora de televisión e xornalista española coñecida por dirixir varios programas de la Fábrica de la Tele, por presentar Sálvame e actualmente dirixir e presentar Cámbiame, leu un pregón no que enxalzaba os nosos viños e a nosa paisaxe. Carlota gañouse o agarimo da xente desde o primeiro momento no que comezaba o pregón dicíndolles aos quirogueses que aquí ela era “ Carlotiña”, unha quiroguesa de adopción. Presumindo como sempre das súas raíces galegas foi acollida por un público que se rendeu aos seus pés.
Carlota Corredera puido probar o viño de Quiroga, un viño novo con enerxía, corpo e cheo de matices; de cor intensa e aromas afrutados. E tamén foi a encargada de escoller á cuadrilla gañadora do concurso de camisetas, onde non faltaron as alusivas á pregoeira e aos programas de tele5.

Un fin de semana intenso do que gozou a nosa pregoeira no que se enxalzou un dos nosos produtos típicos, o viño, que xunto co aceite elaborado con olivas autóctonas, contribúen a potenciar unha comarca unida nun importantísimo proxecto, a declaración por parte da Unesco de Geoparque Montañas do Courel.