2 abr 2018

MILES DE PERSOAS NA FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA


A cita vitivinícola máis antiga da Ribeira Sacra tivo lugar esta fin de semana en Quiroga. A XXXVI edición da Feira do Viño, conseguiu atraer a miles de persoas ata este municipio do sur de Lugo declarado de interese turístico e que forma parte do territorio que aspira a ser declarado no seu conxunto como Patrimonio da Humanidade.

Os viños brancos e tintos, elaborados de forma artesanal, nos que predominan as variedades “mencía” e “ godello”, conseguen atraer cada ano a máis visitantes. A principal peculiaridade destes viños é a forma de produción que se mantén case invariable no tempo, xa que se trata de viños artesanais, que se deben pasar varias análises realizadas en laboratorio, así como unha cata de calidade que dirixe a Confraría do Viño de Quiroga.


A festa comezou con música tradicional, a que puxieron as bandas participantes no Certame Celtibérico, que congregou a bandas de gaitas de todas partes de Galicia e do territorio nacional. Ademais, serviu de homenaxe a Javier Coia, mestre gaiteiro de Velle (Ourense) e durante máis de vinte anos, profesor do grupo de gaitas San Martiño.

O momento máis multitudinario da Feira foi sen dúbida o momento do pregón, unido unha vez máis ao programa Sálvame de Tele5, onde Quiroga presume de ter grandes amigos. A xornalista Carlota Corredera presentadora, directora, colaboradora de televisión e xornalista española coñecida por dirixir varios programas de la Fábrica de la Tele, por presentar Sálvame e actualmente dirixir e presentar Cámbiame, leu un pregón no que enxalzaba os nosos viños e a nosa paisaxe. Carlota gañouse o agarimo da xente desde o primeiro momento no que comezaba o pregón dicíndolles aos quirogueses que aquí ela era “ Carlotiña”, unha quiroguesa de adopción. Presumindo como sempre das súas raíces galegas foi acollida por un público que se rendeu aos seus pés.
Carlota Corredera puido probar o viño de Quiroga, un viño novo con enerxía, corpo e cheo de matices; de cor intensa e aromas afrutados. E tamén foi a encargada de escoller á cuadrilla gañadora do concurso de camisetas, onde non faltaron as alusivas á pregoeira e aos programas de tele5.

Un fin de semana intenso do que gozou a nosa pregoeira no que se enxalzou un dos nosos produtos típicos, o viño, que xunto co aceite elaborado con olivas autóctonas, contribúen a potenciar unha comarca unida nun importantísimo proxecto, a declaración por parte da Unesco de Geoparque Montañas do Courel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario