Os promotores da
candidatura Montañas do Courel a Xeoparque Mundial agardan que a Unesco nomee
aos auditores que se encargarán de evaluar a solicitude durante o mes de abril,
dacordo co calendario de traballo establecido polo organismo internacional.
Previsiblemente será neste mes cando se produza a asignación dos auditores,
para planificar a visita sobre o terreo e que veñan a coñecer in situ todo o
potencial da nosa zona para converterse en Xeoparque.
Neste momento hai 23
candidaturas en todo o mundo de lugares que aspiran a recibir esta denominación
por parte da Unesco. A candidatura de Montañas do Courel, na que están
integrados os municipios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, foi
presentada oficialmente en decembro do 2017.
Un xeoparque é un territorio que presenta un
patrimonio xeolóxico notable e que leva a cabo un proxecto de desenvolvemento
baseado nunha promoción turística, pero sen ningún tipo de restrición. O
pregamento de Campodola – Leixazós, numerosas covas, restos fósiles de flora e
fauna extinguidas ou os retos da minería romana avalan o extenso patrimonio
xeolóxico.
O proxecto comezaba xa no ano 2004 coa
inauguración do primeiro miradoiro xeolóxico de Galicia, o miradoiro de
Campodola-Leixazós. Desde entón, fóronse realizando numerosas accións
conducentes á posta en valor do patrimonio xeolóxico da comarca.
No 2010, continuouse coa dotación de novos
miradoiros: o Miradoiro de Fisteus e o Miradoiro de Montefurado. Un ano despois
inaugurouse o Museo Xeolóxico de Quiroga, destinado a difundir e poñer en valor
os principais recursos xeolóxicos de toda a comarca e que a día de hoxe é un
referente en Galicia, recibindo no 2016 o premio da Cámara Mineira de Galicia
polo seu labor de divulgación, e tamén un referente dentro do programa Terra do
colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para as visitas de escolares. Organizáronse
as primeiras xornadas sobre xeoloxía da comarca en Quiroga.
No ano 2015, os municipios de Quiroga, Folgoso do
Courel e Ribas do Sil únense para
impulsar a creación dun xeoparque -sería o primeiro de Galicia- que
englobaría os principais elementos do patrimonio xeolóxico da zona. A
superficie da proposta é de 578 km2, a totalidade dos tres concellos e nos que residen
uns 5.720 habitantes.
No 2016 formalizan a constitución
dunha asociación, denominada Montañas do Courel, coa finalidade de traballar
para conseguir o recoñecemento da comarca dentro da categoría eoparque Mundial
que concede a Unesco. O seguinte paso do proxecto, é a configuración do comité
científico que traballa na elaboración dos documentos técnicos dos recursos da
comarca. Doutra banda, apostouse por dispoñer unha estreita relación con todas
as universidades galegas e de maneira especial cos investigadores que están a
desenvolver o seu labor científico sobre este territorio.
A candidatura dispón na
actualidade de apoio económico dos tres concellos implicados, así como do GDR
Ribeira Sacra-Courel, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia.
Apoian a candidatura as asociacións culturais do territorio, clubs deportivos,
empresas de turismo, o colexio oficial de arquitectos de Galicia, a Cámara
Mineira de Galicia e asociacións e empresarios mineiros da comarca.
O gran paso deste proxecto
foi o pasado ano, cando o Comité Nacional Español de Geoparques informaba
favorablemente a proposta presentada pola Asociación Montañas do Courel. Este
informe era o primeiro filtro que debe superar calquera proposta antes de que a
Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO aprobase a carta de apoio, para presentar
definitivamente a candidatura oficial a xeoparque. O proxecto Xeoparque
Montañas do Courel está agora á espera da decisión da Unesco que se saberá previsiblemente
a finais de ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario