O Concello de Quiroga aprobou onte en
sesión plenaria unha baixada dos impostos co fin de fomentar a implantación e a
fixación de empresas no municipio.
Unanimemente aprobouse a modificación das ordenanzas fiscais
dos impostos sobre Actividades Económicas (IAE), sobre Bens Inmobles (IBI) e
sobre Instalacións, Construcións e Obras (ICIO). Así como pola realización de
actividades administrativas con motivo da apertura de establecementos no
concello de Quiroga.
Estas rebaixas fiscais van encamiñadas a loitar contra o
despoboamento, fomentar a creación de emprego e reactivar a economía do
Concello.
En canto aos impostos sobre Bens Inmobles, Actividades
Económicas e Instalacións, Construcións e Obras; establécese unha bonificación
de ata o 95% da cota correspondente para
as empresas que sexan declaradas de especial interese por concorrer
circunstancias de fomento de emprego pola creación de 20 postos de traballo. Se
a creación de postos de traballo está entre 11 e 20 a rebaixa fiscal serán
cando menos do 75% e do 50% se os postos
creados son ata 10.
Esta bonificación será de aplicación na implantación dunha
nova actividade económica ou empresarial, así como naqueles outros casos nas
que se amplíen as instalación, sempre e
cando impliquen a creación de emprego.
A corporación municipal aprobou inicialmente esta
modificación das ordenanzas fiscais que se expoñerán ao público durante trinta
días hábiles. De non formularse reclamacións no prazo de exposición pública a
aprobación elevarase a definitiva, entrando en vigor no momento da publicación
das ordenanzas no Boletín Oficial da Provincia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario