28 jun. 2017

ABERTO O PRAZO DE INSCRIPCIÓN PARA PARTICIPAR NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA NENOS

O Concello de Quiroga, a través da Área de Educación e Infancia,  porá en marcha novamente os "Campamentos de Verán 2017" nos meses de xullo e agosto.
Estes consistirán en variados obradoiros de: plástica, xogos de mesa, traballos manuais, repaso escolar, inglés, etcétera. Realizarán deportes e tamén terán tempo de lecer na piscina onde practicarán natación e diversos xogos e xincanas na auga.
As actividades de verán están dirixidas para tódolos nenos entre 3 e 12 anos con horario de 11:00 a 14:00 horas. Deberán leva-los nenos á Casa da Cultura na primeira hora e recollelos nas piscinas municipais. No caso de mal tempo serán avisados para poder recollelos noutro lugar.

As persoas interesadas en inscribir ós seus fillos tan só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar ó número de teléfono 982 43 51 25, onde serán informados de todos os detalles dos campamentos e onde poderán anotar os cativos. A data límite para apuntarse é o venres día 30 de xuño, excepto para aquelas persoas que veñan de vacacións a Quiroga que poderán inscribirse en calquera momento.

OS NENOS DE QUIROGA PARTICIPAN NUN OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA

Esta mañá comezaba nas instalacións do Centro de Formación o primeiro Obradoiro de Arqueoloxía, organizado pola Area de Educación e Infancia do Concello, e que estaba  dirixido a nenos e nenas con idades entre os 6 e os  12 anos.

Unha vintena de rapaces escoitaron atentamente as nocións que lles daba o director dos Museos, Ramón Vila, acompañado do arqueólogo, Iván Álvarez.  A  inauguración do obradoiro que se desenvolveu entre as once da mañá e a unha do mediodía, acudía a concelleira, Rosa Arza.


Tras as clases teóricas, pasaron a parte máis divertida do obradoiro, para os nenos que se desenvolveu nas inmediacións do centro de formación, onde os rapaces participaron nunha excavación.

13 jun. 2017

GRANDES LUGARES DA TVG GRAVA HOXE EN QUIROGA UN NOVO PROGRAMA

         O programa da TVG “Grandes Lugares”, achegouse hoxe ata Quiroga para grabar unha nova entrega.  O lugar elexido polas cámaras da galega foi a parroquia de Hospital, onde estarán durante toda a xornada para contar aspectos das xentes desta parroquia e falar con elas.
Grandes Lugares é un documental de entretemento, de 50 minutos que se emite os domingos, que amosa, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de poboacións galegas con moito para contar.
A través dun percorrido polos seus habitantes, costumes e peculiaridades, o programa presta atención a lugares especiais, ao seu modo de vida, ás súas iniciativas orixinais, aos aspectos menos coñecidos do seu día a día e tamén ás historias máis persoais. Os protagonistas destes pequenos lugares, aldeas ou vilas, serán os que relaten as súas vivencias e vida social máis representativa, desde espazos que transmiten un sentimento de pertenza, de familia e de benestar no rural.

Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa o lugar elixido, reforzando coa súa imaxe o que podería ser a priori un lugar pequeno, e cada personaxe levará unha ficha de presentación explicando a súa relación coa contorna; así pois, os habitantes do lugar convértense en narradores para facer un retrato o máis fiel posible de cada localidade, da súa vida e da súa xente.