29 ene 2016

A FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA TERÁ NOVA IMAXE

A comisión organizadora da XXXIV Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar os días 26 e 27 de marzo, continúan reuníndose para pechar o programa.
Esta mañá a Comisión elexiu un novo cartel para anunciar este evento. Tras moitos anos coa mesma imaxe a comisión decidiu este ano dar un cambio e elexiu entre varias das propostas presentadas o novo cartel que anunciará a feira, e que tamén levarán impresos as botellas e estuches que se poñan a venda na feira.
Coincidindo con esta reunión, pechábase o prazo para inscribirse como participante, en total foron doce os colleiteiros que formalizaron a inscripción cumprindo os requisitos que se esixían en canto a cantidade e calidade do viño.
Agora procederase a recollida das mostras para realizar os análises organolépticos dos caldos. Estes viños tamén deberán de pasar unha cata que realizarán os membros da confraría do viño de Quiroga.

Paralelamente á feira do viño tamén se perfilaron outras actividades como é o concurso de tapas, que este ano se desenvolverá entre o 17 e o 25 de marzo; así como un torneo de fútbol sala a disputarse do 21 ao 24 de marzo. O día previo á feira, o venres 25 tamén se disputará a xa tradicional Carreira Popular e coincidindo coa feira voltará a poñerse en marcha o concurso de camisetas.

26 ene 2016

A XVI MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA SERÁ O 8 DE MAIO

         O Concello de Quiroga ben de fixar a data de celebración da XVI Mostra do   Aceite  de   Quiroga,   para    o   domingo,  día  8   de   maio  no   muíño  de Bendilló.

A mostra que celebrou moitas das súas edicións nos meses de febreiro ou marzo, trasladouse nas dúas últimas edicións ao mes de maio. Este cambio na data de celebración do evento responde ao mellor estado do produto para a súa presentación e venda, xa que o aceite está máis decantado e clarificado.

A Mostra do Aceite de Quiroga conta dende maio do 2013 co recoñecemento da Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico de Galicia.


20 ene 2016

NOVA GUÍA DAS RUTAS DE SENDEIRISMO DE QUIROGA

          O Concello de Quiroga en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia levou a cabo o proxecto denominado "Plan integral de ordenación dos sendeiros do Concello de Quiroga".
Este proxecto comprende varias actuacións encamiñadas a converter o territorio do Concello de Quiroga nun dos puntos de referencia para os amantes da práctica do sendeirismo.
     O abeiro deste proxecto realizouse un estudo completo de todos os itinerarios activos dentro do Concello de Quiroga para a toma de datos GPS, fotografías e outros datos que puideran contribuír a ofrecer a mellor información posible aos visitantes e decidir cales son os percorridos máis adecuados para esta práctica.
      Todo esto plasmouse nunha guía impresa que recolle os seis roteiros homologados do Concello de Quiroga, máis outros tres tradicionais que polas súas características non poden acadar esta cualificación.
      Pensouse nunha guía en formato de peto, cómoda de transportar, que contivera a información básica de cada un dos percorridos: datos básicos da ruta (lonxitude, desnivel, dificultade), fotos, mapa, aloxamentos, auga,  recomendacións etc.
          Esta guía e cada unha das fichas dos percorridos poderase descargar, en breve en formato .pdf na nova páxina do Concello de Quiroga en concellodequiroga.com
          Como complemento a esta edición en papel xa está en funcionamento un perfil específico en Wikiloc do Concello de Quiroga no que aparecen as mellores rutas e no que se ofrecerán datos continuos sobre o seu estado: 
        Esta plataforma que está na internet pódese utilizar tamén desde calquera dispositivo móbil o que facilita aos usuarios os percorridos propostos.

        Na actualidade o Concello de Quiroga ten tres roteiros homologados: -Ruta do ouro e do camiño real en Margaride, -Ruta da Lagoa da Lucenza na Seara e -Ruta do Camiño Ferradal ou da Caleira entre Rugando e Ponte Soldón. Están en período de revisión para a súa homologación outras tres rutas: -Ruta do pregamento xeolóxico de Campodola, -Ruta de Rugando á Seara e -Ruta do val do río Quiroga en Campos de Vila.

19 ene 2016

AS COMPARSAS XA SE PODEN INSCRIBIR NO DESFILE DE ENTROIDO

           O Concello de Quiroga, co gallo da celebración do Entroido, organiza para o día 7 de febreiro un Concurso Desfile de Comparsas.
        No concurso poden participar todas as comparsas que o desexen tanto deste Concello coma doutros, sempre e cando estean integradas por dez membros como mínimo.
        Establécense tres premios: un primeiro premio de 500 €, o segundo de 300 € e un terceiro  premio de 150 €. O  resto das comparsas participantes recibirán 60 €.
     Ademais das comparsas, poden participar disfraces individuais, (nesta modalidade o máximo serán tres membros por disfrace) e levarán un único premio de 60 €.
        O xurado estará composto por un membro de cada comparsa participante, que valorará a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía de cada comparsa, menos da que representa.
      A saída do desfile terá lugar da Rúa Piscinas, ás cinco da tarde, continuando pola Rúa Real ata a Casa da Cultura. Os premios entregaranse na praza de Pacios, por coincidir o desfile coa festa do San Blas.
       As comparsas que queiran participar deberán de  inscribirse na Casa da Cultura antes o día 4 de febreiro, persoalemnte ou a través do teléfono 982.43.51.25.

        Tamén o luns día 8 de febreiro, terá lugar unha Festa Infantil de disfraces, a partir das cinco da tarde.   

ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA XXXIV FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

Xa se reuniu a comisión organizadora da XXXIV Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar os días 26 e 27 de marzo.
Nesta xuntanza presidida polo mandatario local, Julio Álvarez Núñez, creáronse as distintas subcomisións para ir perfilando o programa do evento.
Tamén se acordou abrir o prazo de inscrición dos colleiteiros interesados en participar, do 15 ao 29 de xaneiro,  e perfiláronse os requisitos para participar na XXXIV edición:
- Cantidade  mínima: 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.
- Graduación alcohólica mínima:        12 º para o viño branco.
                                                       11,5 º  para o viño tinto.
- Acidez volátil máxima:            0,5 gr. acético/l. para o viño branco.
                                               0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, procederase a recollida das mostras para realizar os análises organolépticos dos caldos. 

11 ene 2016

O TUNEL ROMANO DE MONTEFURADO TAPONADO POLO CAUDAL DO RÍO SIL

A gran cantidade de auga caída durante as últimas 48 horas está complicando a situación sobor de todo preto dos ríos e regatos. As bolsas de auga, desprendementos e socabóns están facendo que sexan necesarias grandes precaucións sobor de todo nas estradas.
O río Sil aumentou perigosamente o seu caudal. Ao seu paso por Montefurado xa taponou totalmente o tunel romano, que é incapaz de tragar todo o caudal do río polo que as augas xa tomaron o cauce primitivo antes da construcción do tunel. Esto fai que a estrada que conduce ao Poblado e a zona da Enciñeira esté cortada e sexa imposible o seu tránsito. Os veciños desta zona teñen que tomar unha ruta alternativa, con gran rodeo, para poder desprazarse.
Tamén o río Sil, xa en Quiroga, asolagou o paseo fluvial, que tamén permanece cortado ao tránsito. Dende o departamento de estradas do concello  están vixiando o río Quiroga ao seu paso por Vilaverde, onde as augas se están achegando ao límite do seu cauce, pero polo momento aínda non desvordaron, polo que non se cortou o paseo fluvial deste río.

Esta mediodía, o concello non tiña constancia de que houbese ningunha estrada municipal cortada por desprendementos ou asolagamento, non obstante reiteraron a importancia de desprazarse mantendo precaución sobor de todo en vías próximas a ríos e regatos.

7 ene 2016

A LOTERIA DO NENO DEIXA TRECE MILLÓNS DE EUROS PARA OS VECIÑOS DE RIBAS DO SIL E QUIROGA

 A lotería do Neno deixou onte trece millóns de euros en Ribas do Sil, o bar Central vendeu en San Clodio 65 décimos do 22.654, o primeiro premio deste ano.
En Quiroga tamén se vendeu un décimo premiado, a través de máquina, pero descoñécese quen puido ser o agraciado. A traballadora da administración, agradecía que a xornada deixara "algo de sorte" na localidade, onde levan traballando 12 anos e onde o ano pasado xa caera un cuarto premio de Lotería.
No bar Central de San Clodio, clientes afortunados, moitos deles de Quiroga, amigos e veciños celebraron a súa sorte, tras chegar de Lugo os responsables provinciais de Loterías e Apostas do Estado cos carteis para anunciar que se vendera o primeiro premio do Neno.
          O que os concellos de Ribas do Sil e Quiroga estén tan próximos e que os veciños de un e de outro comparten traballo e vidas nos dous territorios propiciaron que o premio se reparta agora entre os dous municipios.
          Cada décimo do 22.654 está agraciado con 200.000 €, que se quedarán en 160.000 € tras descontar a parte do Ministerio de Facenda. O Central é bar e despacho de loterías dos denominados mixtos, que non venden décimos directamente como as administracións, se non a través de máquina. Pero adquiriron un lote de 65 décimos do mesmo número para ofrecelos aos seus clientes, xa que este número era o que xogaba o establecemento dende facía tempo.

          O cava correu polo bar celebrando a felicidade dos agraciados, que non podían conter a súa emoción. Entre os que acudían a celebralo aínda non decidiran en que ían gastar o diñeiro, pero o tan recurrido de tapar buratos era o máis escoitado.

5 ene 2016

ESTA TARDE CHEGAN OS REIS MAGOS A QUIROGA, SE CHOVE NON HABERÁ DESFILE DE CARROZAS PERO AS SÚAS MAXESTADES RECIBIRÁN AOS NENOS NO AUDITORIO

Esta tarde chegan os Reis Magos de Oriente a Quiroga. Está previsto que as Súas Maxestades cheguen a Quiroga ás seis menos cuarto da tarde. O primeiro punto de encontro será a casa do Concello, xa que alí faranlle entrega de agasallos as nenos e nenas de familias máis desfavorecidas.
          Ás seis e cuarto da tarde, acompañados pola música da banda de gaitas, achegaranse ata a Residencia da Terceira Idade para visitar aos nosos maiores.
          Ás sete e media, a comitiva real nas súas carrozas recorrerá a rúa Real ata o Auditorio Municipal. Durante este traxecto, a comisión organizadora decidiu manter, por motivo de seguridade, non tirar caramelos durante o paso da cabalgata. Onde si se entregarán os caramelos será no Auditorio, cando as súas Maxestades escoiten as peticións de todolos nenos e nenas para esa noite máxica.
         En caso de que as condicións climatolóxicas non permitan que as carrozas podan recorrer a rúa Real, as Súas Maxestades agardarán aos nenos e nenas directamente no Auditorio Municipal.

          Como remate da noite todos os nenos poderán disfrutar dunha merenda  infantil no Albergue Municipal.