6 jun 2019

PREMIO DE AGADER PARA A XESTIÓN DO XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL


A Asociación Montañas de Courel, formada polos concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, ven de recibir un premio de AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na modalidade de turismo pola xestión realizada para o Xeoparque Montañas do Courel.

A candidatura obtivo 90 puntos, a máxima puntuación acadada por todas as solicitudes premiadas, un total de 8, en diferentes categorías.

 Estes son os décimos premios de Agader para as iniciativas de desenvolvemento rural. Entregaranse o vindeiro 21 de xuño e consisten nun diploma e unha dotación en metálico de 10.000€.

O xurado encargado de outorgar as iniciativas presentadas estaba formado polos directores xerais de igualdade, de políticas culturais, de turismo, de patrimonio cultural,  de xuventude, de gandaría e agricultura e industrias agroalimentarias; así como o secretario xeral de Agader e o presidente da Fegamp. Este xurado premia a Montañas do Courel como un proxecto global de desenvolvemento turístico.



O CENTRO DE DÍA ABRIRASE EN AGOSTO


O Centro de Día da Ribeira abrirase o día 1 de agosto. Así o anunciou o Concello de Quiroga que xa abriu o prazo de presentación de solicitudes de praza a través das oficinas de servizos sociais municipais.
O centro que se define como xerontolóxico, socio -  terapéutico e de apoio ás familias conta con 25 prazas para persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.
Permanecerá aberto todos os días laborables dende ás oito da mañá ata as oito do serán. Dentro deste horario os usuarios poderán ter xornada completa ou media xornada con ou sen comida.
Dentro dos requisitos mínimos para poder ser usuario deste servizo está o de ter cumpridos os 65 anos ou 50 en caso de dependentes con circunstancias persoais.
Estes requisitos foron fixados por unha Comisión de Estudio na que tiveron representación todos os partidos políticos da corporación municipal. Esta comisión tiña como cometido elaborar unha memoria xustificativa  na que se recolleran as condicións máis idóneas para poder abrir este centro.
Unha destas condicións era que a xestión do centro fora indirecta, é dicir que non a xestionase o concello directamente se non que se sacara a concurso para que fora outra entidade quen a xestione, polo que se elaboraron unhas bases de licitación para que este servizo saíra a concurso. 
Tras rematar todos estes trámites agora ábrese o prazo para a solicitude de prazas. As persoas interesadas poden pasar polas oficinas de servizos sociais do concello.
O Centro de Día ocupa a primeira planta do edificio polivalente da Ribeira. Na súa planta baixa atópase o centro social da Ribeira. E contémplase que na segunda planta serva de lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social.

O PARO BAIXA EN 20 PERSOAS NO MES DE MAIO


A Consellería de Economía, Emprego e Industria fixo públicos os datos do paro do mes de maio. A comarca de Quiroga baixou o seu número de parados neste mes en 20 persoas, situándose o número de parados en 268.
Segundo datos da Xunta durante este mes de maio, no municipio de Quiroga houbo 179 persoas sen emprego, seis menos que no mes anterior, das que a maioría, 106, buscaban emprego no sector servizos. A moita distancia séguelle o sector da industria con 28 parados, 18 na construción, e 10 en agricultura e gandería.
Tamén se contabilizan 17 persoas que aínda non atoparon o seu primeiro emprego.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén fixo públicos que o parados no concello de Ribas de Sil baixaron durante este mes en doce, situándose o número de persoas sen emprego en 49; e en Folgoso do Courel o número de parados diminuíu en dúas persoas quedando en 40 persoas no mes de maio.