24 mar. 2019

COMEZAN AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO MUSEO DE XEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA DE QUIROGA


Comezaron as obras de ampliación do Museo de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga.  A ampliación permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo.  As obras permitirán o ensanche do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.
O proxecto de ampliación está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte  polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. A parte da obra que comezou e foi supervisada polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e polo enxeñeiro municipal, esta a realizala unha empresa local. Outra parte será acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.
A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e  rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarase.

A segunda sala centrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores da nosa serra, entre os que destacan o esqueleto completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.

 A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática.

 A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.

 Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona, representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.


QUIROGA SOLICITA A DENOMINACIÓN DE ORIXE PROTEXIDA PARA O SEU ACEITE E FIXA A DATA PARA A XIX MOSTRA DO ACEITE


A casa consistorial acolleu unha xuntanza para organizar a XIX Mostra do Aceite. Nesta xuntanza fixouse a data na que se celebrará esta festa de interese turístico, que será o domingo  12 de maio.
Unha vez máis, o 12 de maio, poñerase en funcionamento o muiño de aceite de Bendilló para amosar como era a elaboración tradicional do aceite. Esta demostración, que atrae a persoas de toda Galicia, serve de complemento á venda do aceite elaborado no noso municipio.
En vindeiras xuntanzas da comisión organizadora deste evento daranse a coñecer as demais actividades organizadas para esa xornada e tamén previas o desenvolvemento desta mostra.
A mostra do aceite que se ven celebrando dende hai 19 anos foi o primeiro paso que se deu dende o concello de Quiroga para a recuperación do aceite de oliva do noso municipio. O último paso dado tivo lugar o xoves 14 de marzo cando o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e un grupo de olivicultores presentou no rexistro da Xunta de Galicia en Lugo a petición de Denominación de Orixe  Protexida (DOP) para o aceite de Quiroga.
Os trámites a seguir a partir de agora será que a Xunta tramite o expediente e o remita ao Ministerio de Agricultura, primeiro, e a Unión Europea despois. Con esta solicitude o concello de Quiroga da un paso importante  na recuperación do aceite de Quiroga, recuperación iniciada no ano 2000 coa celebración da 1ª Mostra do aceite.
O Concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” con dous principais fins: Certificar as características do produto de forma que quen queira utilizar esta marca deberá cumprir certos requisitos tanto na produción e elaboración como comercialización do aceite. E regular e ordenar as plantacións de oliveiras.
Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” é requisito necesario que a materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no noso territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión creada para o seu cumprimento.
Co fin de evitar fraudes o concello leva un rexistro de Plantacións de Oliveiras cos datos do seu titular e da plantación e un rexistro dos muíños existentes que poidan optar ó uso da marca rexistrada.
Para a elaboración do aceite de oliva virxe extra, amparado pola marca de garantía “Aceite de Quiroga” empregaranse olivas das distintas variedades que existen dentro do municipio de Quiroga. Os aceites consideraranse monovarietais cando procedan, a lo menos nun 80%, dunha única variedade de olivas. As variedades que se poden empregar dentro desta marca de garantía son varias: mansa, brava, arbequina, …
 A orixe do rexurdir do aceite galego hai que sitúalo neste val de Quiroga coa recuperación das oliveiras centenarias que hai na comarca, onde se descubriu, grazas ás investigacións do CSIC, que hai variedades autóctonas únicas, como a brava e a mansa, con características organolépticas singulares, que non estaban recollidas no “Banco de Germoplasma Mundial de Variedades de Olivo”, con sede en Granada.
Estas variedades, mansa e brava, son moi abundantes neste val de Quiroga. Según un informe do xeólogo e catedrático emérito da Universidad de A Coruña, Juan Ramón Vidal Romaní, sobre o vínculo das oliveiras de Quiroga coa historia, foron introducidas polos romanos nesta zona, convertida pola historia xeolóxica nun invernadoiro natural. Os romanos plantaron un dos seus cultivos totémicos en terras con sedimentos auríferos,  o que sen dúbida lle da o aceite de Quiroga unha das características distintivas: a súa cor.

11 mar. 2019

QUIROGA XA TEN DEFINITIVAMENTE PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL


Quiroga xa ten definitivamente Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, asinaban a aprobación do Plan de Ordenación de Quiroga.

Tras 13 anos de tramitación, o novo planeamento pon fin ás Normas subsidiarias municipais do ano 1995; e da paso a un plan que en palabras do alcalde de Quiroga está na senda do orden urbanístico, económico e sobre todo ambiental.

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que o Pxom representa un novo marco legal para dar resposta á situación do municipio e outorgándolle seguridade xurídica, coherencia coa realidade territorial e un desenvolvemento sostible do  territorio e sobre todo aos máis de 3.200 veciños dun concello que está chamado a crecer.

Con este Plan Xeral de Ordenación Municipal o solo urbano onde se poderá construír directamente auméntase en 368.500 metros cadrados. Amplíase a superficie de solo urbano nas zonas da Campaza e o Regueiral, na recta do Toucedo, na zona do Poboado e nas zonas San Xulián – As Estradas e Carballeira – Hospital. Ademais desaparecen na vila de Quiroga ás Unidades de Xestión (UGAS) que delimitaban a construción.
Para  a elaboración deste plan que comezou no 2006 tivéronse en conta o 90% das alegacións practicadas ou emitidos polos interesados durante o período de información pública, 272 en total.
Sempre que este plan tivo que levarse a sesión plenaria foi aprobado por unanimidade  por todos os grupos políticos con representación municipal. A derradeira aprobación foi na sesión plenaria celebrada no pasado mes de decembro.


22 feb. 2019

SETE INSCRITOS PARA PARTICIPAR NA XXXVII FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA


Rematado o prazo de inscrición, sete son os colleiteiros que se anotaron para participar na XXXVII Feira do Viño de Quiroga que se celebrará o 20 e 21 de abril.

Os requisitos mínimos que se lle esixían para poder participar era que os viños tivesen unha graduación alcohólica mínima de 12 º para o viño branco e de 11,5 º  para o viño tinto. E unha acidez volátil máxima de 0,5 gr. acético/l. para o viño branco e de 0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.

En canto á cantidade, fixarase unha cantidade mínima de 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.

Estes sete colleiteiros inscritos deberán aboar a cantidade de 100 € e entregar mostras do viño inscrito que terá que superar dúas probas, unha análise organoléptica e unha cata popular polos membros da Confraría do Viño de Quiroga.


21 feb. 2019

UN FERIDO NUN INCENDIO DECLARADO NA TARDE DE ONTE NUN ALPENDRE


Un incendio declarado na tarde de onte nun alpendre dunha vivenda de San Vitoiro saldouse cun ferido e cuantiosos danos materiais. O ferido queimouse nos brazos e nunha perna mentres tentaba apagar o lume, aínda que sen temer pola súa vida mobilizouse un helicóptero de emerxencias para o seu traslado a un centro hospitalario.

O incendio declarouse sobre as tres da tarde, ao parecer a causa dunhas cinzas mal apagadas que prenderon na leña amoreada no alpendre. Foi unha veciña a que deu a voz de alarma, xa que a propietaria, unha octoxenaria, atopábase dentro da vivenda pegada ao alpendre e non se decatara do lume.

A intensa fumareda mobilizou aos veciños de San Vitoiro que tentaron apagar as lapas mentres avisaban ao 112.  Este núcleo conta con bocas de rego nas súas rúas pero o nerviosismo da situación e a procura de mangueiras complicou un traballo difícil de levar a cabo mentres non chegaron os profesionais.

Ata o lugar desprazáronse os GES de Quiroga e de Folgoso do Courel, os bombeiros de Monforte, axentes da Garda Civil de Quiroga e Policía Local. A pesar do gran despregue foi imposible evitar que ardera o alpendre, remodelado recentemente e que albergaba gran cantidade de leña. Outra das dependencias situada tamén dentro do patio da vivenda viuse afectada aínda que en menor medida.

10 feb. 2019

CELIA DÍAZ PRESENTOU A SÚA ÚLTIMA OBRA EN QUIROGA


A escritora e Filla Adoptiva de Quiroga, Celia Díaz Núñez, escolleu unha vez máis o noso concello para presentar o seu último libro. Nesta ocasión Celia publica unha obra de teatro infantil, galardoada co premio O Facho de Teatro infantil, que leva por título " O castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna". A casa da cultura acolleu o sábado a presentación desta nova obra de Celia Díaz, que se da a coñecer como dramaturga en 2004 cando publica a súa primeira obra teatral infantil e que dende entón ten publicadas catro novelas, un ensaio, tres obras teatrais infantís e material didáctico para a aprendizaxe da lingua galega.

O acto, aberto ao público, estivo presentado pola directora do CEIP de Quiroga e  tenente de alcalde do Concello de Quiroga, Ana Núñez.; que foi a encargada de dar paso ao ilustrador do libro, Ricardo Cid Paz, e a propia autora, Celia Díaz.


A propia autora foi a que presentou esta obra de teatro infantil e as súas personaxes. Unha obra enmarcada no ano 1250 que se centra en narrar o día a día no Castelo de Pena Redonda, un lugar moi particular no que para os seus habitantes a vida transcorre lenta, moi lenta.


O acto de presentación contou tamén cunha lectura dramatizada de varios capítulos do libro a cargo de Nacho, Natalia, Manuel Antonio e Nadia, alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP de Quiroga.


O acto rematou coa firma de libros por parte da autora e do ilustrador.




7 feb. 2019

CONTINÚASE COA REFORMA INTERIOR DO PAVILLÓN MUNICIPAL


Continúase a traballar na reforma interior do pavillón municipal coa ampliación dos vestiarios e o cambio de localización dos baños. Estas obras corren a cargo dos alumnos traballadores do V Obradoiro de Emprego Sil Lor, do que se benefician os concellos de  Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.

Neste quinto SilLor os 20 alumnos e alumnas dos tres concellos reciben formación teórica e práctica en especialidades relacionadas coa albanelaría e a construción. O obradoiro conta coa especialidade de Operacións auxiliares de albanelaría, de fábricas e cubertas, no que están integradas as  7 persoas do concello de Quiroga.

No pavillón traballase no cambio de baños que estaban situados na planta baixa e que agora se construirán na parte superior, podendo acceder a eles directamente dende as gradas. Aumentarase o espazo da grada na parte superior, onde quedará espazo para unha pequena zona de cafetería. En canto os vestiarios, dotarase duns novos secundarios e nos actuais farase unha profunda reforma co fin de aumentar a superficie e facela máis funcional.

Con estes traballos quérese conseguir que os usuarios deste edificio deportivo non teñan que pasar continuamente pola pista de xogo para poder acceder a vestiarios, baños ou almacén.

Esta mañá directivos do obradoiro e o alcalde de Quiroga achegáronse a supervisar os traballos nos que están a traballar os alumnos deste novo obradoiro.