27 ago 2019

MELLORAS NA INFRAESTRUCTURA TURÍSTICA DO MUNICIPIO


A infraestrutura turística do municipio cos miradoiros municipais de Montefurado, Campodola, Bustelo de Fisteus, A Seara, A Conchada e Castro Dares, ven de ser mellorada polo Concello de Quiroga. Coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta, realizáronse traballos de mantemento na contorna e nos paneis informativos  dos seis miradoiros.

Este ano para potenciar as infraestruturas coas que conta o territorio do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, incorporouse un novo punto de observación na estrada que conduce dende Campos de Vila a Pazos da Serra, á altura de Penas Rubias. Neste lugar pódese gozar dunha menos coñecida vista da gran dobra deitada das Montañas do Courel; lugar de importancia xeolóxica de relevancia internacional dende o ano 1983.

Ademais dos traballos para mellorar e incrementar a rede de miradoiros e puntos de interpretación tamén se substituíron os sinais de área xeográfica que estaban moi deteriorados polo paso do tempo. Estes paneis adaptados ao manual de sinalización turística de Galicia conteñen información por áreas xeográfica de núcleos de poboación, vías de comunicación e puntos de interese de cada unha das áreas do concello: área da montaña do Lor; área da Ermida e Campodola-Leixazós; área do Hospital á Seara; área de Paradaseca, Vilarmel e Bendollo; área de Bendilló e Vilaster e Área de Montefurado. En total substituíronse 9 paneis.

Estas melloras teñen un custo de 15.000 €, dos que 10.000 € foron achegados pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.     


No hay comentarios:

Publicar un comentario