26 sept 2016

O PP ACADA O 64,89% DOS VOTOS EN QUIROGA, NUNHA XORNADA CUNHA PARTICIPACIÓN QUE SUPERA O 71%.

        Quiroga segue sendo un dos municipios máis populares do sur da provincia de Lugo, ao acadar o 64,89% dos votos emitidos na xornada de onte, prácticamente a mesma que nas eleccións do 2012. O PP foi a opción elexida pola maioría dos quirogueses, concretamente por 1.340. Seguenlle a moita distancia o Partido Socialista, que con 273 votos obten un 13,22% e En Marea que cos seus 259 votos obten un 12,54%.
          A participación nestes comicios foi alta, dun 71,44%, o que se traduce en que 2.065 quirogueses acudiron ás urnas, nunha xornada sen incidencias, para exercer o seu dereito a voto nestas eleccións autonómicas. Do total de votos acadados 1.340 foron para o Partido Popular; 259 para en Marea; 273 para o Partido Socialista; 95 para o BNG; 46 para Ciudadanos; 4 para o partido Animalista; 3 para Anticorrupción; 2 para Gañemos – Sí se puede; outros dous para Recortes Cero; 1 para Converxencia 21 e outro para Compromiso x Galicia. Ademáis houbo 13 votos en branco e 26 foron nulos.
No noso municipio constituíronse seis mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 254 veciños emitíronse 180 votos, un 71,26%; deles 131 para o PP; 27 para o Partido Socialista;  14 para En Marea; 5 para o BNG; e 2 para Ciudadanos. Houbo tamén 1 voto en branco.
Na mesa de Soldón de Sequeiros, onde tamén votan os veciños de Montefurado, cun censo de 383 votantes, exerceron este dereito 271, o que supón un 71,02%. Nesta mesa o PP acadou 195 votos; o Partido Socialista 32;  En Marea, 28; BNG 10; 4 para Ciudadanos e 1 para Recortes Cero. Houbo tamén 1 voto en branco.
          Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o L, dun censo total de 646 recibiu 437 votos, un 69,50%. Por partidos políticos, o PP acadou 274; En Marea, 65; o Partido Socialista 51, o BNG 25, 7 para Ciudadanos, 1 para o partido Anticorrupción e 2 para Gañemos- Sí se puede. Houbo tamén 8 votos nulos e 4 en branco.
Na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o L ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 873 acadáronse 601 votos, o que supón un 70,68%. Nesta mesa o PP acadou 369 votos, En Marea 84, o Partido Socialista 76, o BNG 29, 22 para Ciudadanos, 2 para o Partido Animalista, 2 para Anticorrupción e 1 para Converxencia 21. Houbo tamén 13 votos nulos e 3 en branco.
        Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 200 votaron 156, un 78,50%: destes votos 98 foron para o PP; 31 para o Partido Socialista, 13 para o BNG; 11 para En Marea, 1 para Ciudadanos e 1 para Recortes Cero. Houbo tamén 1 voto nulo.
Finalmente, na mesa situada no Centro Social de Campos de Vila, onde votaron os veciños comprendidos entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 589 persoas, recolleu un 72,67%, 420 votos. O PP acadou 273, En Marea 57; o Partido Socialista 56, o BNG 13, 10 votos foron para Ciudadanos, 2 para o partido Animalista e 1 para Compromiso x Galicia. Houbo tamén 4 votos nulos e 4 en branco.

13 sept 2016

COMEZA O CURSO 2016/2017 NO CEIP DE QUIROGA CON 147 ALUMNOS

Onte comezou o curso 2016/2017 no Centro de Educación Infantil e Primaria de Quiroga. 147 é o número de alumnos e alumnas que comezaron as clases, un número que se mantén igual que o curso pasado.

Coa volta ao cole comezaron tamén a funcionar os servizos de transpote e comedor do centro educativo.

O curso 2016/2017 prolongarase ata o 23 de xuño. En canto ás vacacións, as do Nadal comezarán o 22 de decembro e os alumnos non volverán ás aulas ata o día 9 de xaneiro. O entroido volverá dar tres días libres a profesores e alumnos, 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo do 2017, mentres que a Semana Santa irá do 10 ao 17 de abril do mesmo ano.

Os alumnos manteñen tamén o horario do curso anterior, é decir, entran ás dez menos cinco da mañá e saen a unha e media para comer e voltan ás tres da tarde para retomar as clases ata as catro e media. Agás os venres que soamente teñen clases de mañá saíndo ás tres menos vintecinco, a excepción dos alumnos de comedor, que saen ás tres e media.


Precisamente co servicio de comedor presentase un novo problema para o centro educativo, xa que conta con máis solicitudes das prazas que ten concedidas, en concreto son 13 alumnos os que quedan fora. A directora do centro, Ana Nuñez, mandou unha mensaxe tranquilizadora aos pais xa que o colexio solicitou a Xunta de Galicia a ampliación deste servizo para que ningún neno quede fora.

36 EMPRESAS OPTAN A AMPLIACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL

Un total de 36 empresas presentaron as súas ofertas para a execución de obras de urbanización no parque empresarial de Quiroga.
A Xunta licitou en agosto as correspondentes actuacións e o prazo para a presentación de ofertas rematou o pasado 9 de setembro. Estas actuacións licitáronse por un importe de 356.000 euros, cun prazo de execución de dous meses.

Urbanizarase o polígono D do parque empresarial dado que no mesmo existe demanda de solo e as parcelas urbanizadas están esgotadas. As obras consistirán fundamentalmente na prolongación dun vial xa existente ata o límite do parque empresarial, resultando 11 parcelas destinadas ao asentamento de empresas. A ampliación contará cunha superficie de 15.736 metros cadrados.