28 dic 2016

FESTA DE NADAL CON INCHABLES

O Concello de Quiroga organizou un ano máis unha festa de Nadal para os máis pequenos con inchables.

O vindeiro luns, 2 de xaneiro, o Pavillón Municipal acollerá inchables gratuitos para todos os nenos e nenas, dende as catro da tarde ata as oito do serán.

Esta actividade, organizada dende o Departamento de Educación e Infancia forma parte da programación que o Concello puxo en marcha con motivo das festas de Nadal.


9 dic 2016

O CONCELLO DE QUIROGA PRESENTA A AMPLA OFERTA CULTURAL PARA AS FESTAS DO NADAL

O  Concello de Quiroga  presenta a ampla oferta cultural para as vindeiras  Festas de Nadal.

Ademais do Certame de Poesía de Nadal e do Concurso de Postais, xa convocados co  gallo do Nadal, nos vindeiros días desenvolveranse  distintas actividades nas que poderán participar todos os veciños e veciñas segundo os seus intereses.
Xa o sábado día 17 a partir das 19:00h. terá lugar no Auditorio Municipal  o Concerto de Nadal coa  actuación  da Coral Polifónica de Quiroga , do Grupo de Danzas “San Martiño”, a Banda de Gaitas “San Martiño”, o Grupo de Danzas “Arume de Queiruga” e os  Alumnos que acoden ás clases de piano e guitarra  organizadas polas  Áreas de Educación e Xuventude.
No transcurso de este acto,  entregaranse os premios do Concurso de Postais,  do X Certame de Relato Curto e do Certame de Poesía de Nadal convocado pola Biblioteca Municipal.

O  día 21 ás 11:00h. terá lugar na Aula Cemit da Casa da Cultura   unha videoconferencia con Papá Nöel á que poden acudir todos os nenos e nenas que o desexen para facer as súas peticións. Nesta actividade colabora o CEIP. de Quiroga do que asistirán os/as alumnos/as de infantil.

A xuventude pode participar nos Campionatos de Nadal que se desenvolverán nos Pubs da Vila  dende o día 23  ata o 30 de decembro.

No eido deportivo,entre os días 27,28,29 e 30 haberá un Torneo de Fútbol- Sala  e  o día 31  a “II Carreira Marcha Solidaria  San Silvestre”.

 O día 28 o Apalpador visitará Quiroga percorrendo as súas rúas gracias aos alumnos e alumnas do curso de teatro   que  son os organizadores desta iniciativa.

A Área de Educación, entre outras actividades,  ten organizado para os día 22 e 23 a “Ludoteca de Nadal” , Obradoiros Infantís de Nadal para o día 28 pola mañá. Tamén o día 2 terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal Animación Infantil con Inchables gratuíto para tod@s nen@s que queiran participar.

O Centro Social organiza para os socios varias actividades de convivencia social así o día 22 ten organizada unha merenda cea  para celebrar xuntos o Nadal, ademais haberá bailes  todos os domingos do mes.

 O día 5  terá lugar a tradicional  Gran Cabalgata de Reis que percorre as rúas da vila e rematará no Auditorio Municipal.



 A programación de Nadal rematará o día 7 de xaneiro coa  II Edición de “Cantos de Taberna” organizada pola Área de Xuventude.

LUDOTECA DE NADAL, OS DÍAS 22 E 23 DE DECEMBRO

     A Área de Educación e Infancia do Concello de Quiroga oferta de cara ao Nadal o Servizo de Ludoteca. Entre os obxectivos desta actividade, destacar a axuda deste servizo  aos pais e nais traballadores para  ocupar de xeito creativo o tempo libre dos seus fillos e fillas no período de vacacións.
A actividade da Ludoteca de Nadal desenvolverase os vindeiros días  22 e 23 en horario de 11:00h a 13:00h.
Para participar, os interesados poden anotarse na Casa da Cultura ou ben na propia ludoteca.  A inscrición será gratuíta.

O DÍA 7 DE XANEIRO CELÉBRASE A II EDICIÓN DE " CANTOS DE TABERNA"

O Concello de Quiroga, a través da Área de Xuventude, organiza para este Nadal  a segunda edición de "Cantos de Taberna".

Os obxectivos  desta actividade  son a  dinamización social  e a recuperación das nosas tradicións musicais. Os cantos nas  tabernas foron  unha maneira de divertimento, de ocio  e un xeito  de producir e manter a  importante  tradición musical da comarca.

Para levar a cabo esta segunda edición de “Cantos de Taberna”, o Concello de Quiroga conta coa participación de quince establecementos de restauración  da vila  ( cafeterías, bares e pubs) onde de se van realizar as actuacións o día 7 de xaneiro a partir das 17:00 h .Conta  tamén coa colaboración  da Empresa  Tourgalia.

Cada agrupación musical participante realizará unha actuación de media hora en cada  establecemento, para rematar  a ronda na zona dos Pubs cunha foliada conxunta.

Poden participar todas as agrupacións interesadas ata  un máximo de 15 e o número de integrantes de cada agrupación non ha de superar os 10 membros.

Para inscribirse poden chamar á Casa da Cultura ao número de telf: 982435125. 


1 dic 2016

O VICEPRESIDENTE DA XUNTA, ALFONSO RUEDA, VISITABA QUIROGA PARA A ENTREGA DE EQUIPOS DE COITELAS E CUÑAS PARA COMBATER AS NEVARADAS DO INVERNO

Quiroga recibía a visita do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O motivo da visita foi a  entrega de equipos de coitelas e cuñas para mellorar a capacidade de resposta de varios concellos de Ourense e Lugo fronte ás nevaradas do inverno.
 O acto contou tamén coa presenza dos delegados  territoriales  da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e en Ourense, María Sol Díaz , o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, así como os alcaldes de Quiroga, Julio Álvarez e a súa homologa do Caurel, Lola Castro. Trátase dun material moi necesario que permitirá mellorar a circulación e a seguridade viaria dos veciños destas localidades, onde se adoitan dar nevaradas e xeadas o longo do inverno.Segundo añadiu o Vicepresidente, Alfonso Rueda, aínda que os medios son cada vez maiores para loitar contra a neve e o xeo, cómpre recordar a importancia da responsabilidade nas estradas e de que os usuarios estean informados da situación das vías cando vaian realizar algún desprazamento
 No transcurso do acto fíxose entrega de seis equipos de coitelas para os concellos de Becerreá, Cualedro, Chandrexa de Queixa, Folgoso de Courel, Piñor e Quiroga. E tres equipos de cuñas para A Gudiña, Castro Caldelas e Maceda.

 A Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias, destinou preto de de 118.000 euros para a compra deste material, que xa teñen a súa disposición os concellos. 

A AREA DE EDUCACIÓN E INFANCIA DO CONCELLO, ORGANIZA O CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de Quiroga dentro da súa area de Educación e Infancia organiza o concurso dePostais de Nadal.

Este concurso vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. A postal ten que versar sobre o tema do Nadal e ocupar medio folio. Os traballos deberán presentarse na casa da cultura antes do día 16 de decembro, acompañados dun sobre pechado que conterá os datos do autor. 

O concurso conta con cinco categorías, de 3 a 4 anos, de 5 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e a última categoría para o rapaces e rapazas de 11 a 12 anos. Os gañadores de cada unha das categorías recibirán premios sorpresa que serán entregados o 17 de decembro no Festival de Nadal que se celebrará no Auditorio Municipal.