31 ene 2014

OBRADOIROS DE SCRAPBOOK E MASCARAS DE ENTROIDO PARA MAIORES DE 10 ANOS

   Dende os departamentos de Educación e Xuventude do concello de Quiroga, organizan para o próximo mes de febreiro tres obradoiros en conxunto.
Dous adicados ó scrapbooking, por unha banda, un taller de iniciación para os catro venres de febreiro de 18:00 a 19:00 horas, cun custo de 10 €uros por persoa e no que poden participar todas as persoas que así o desexen de dez anos en adiante. Neste obradoiro, explicarase o funcionamento desta actividade que engloba tantos tipos de  manualidades, mostraranse os materiais básicos e algunhas técnicas para levar a cabo finalmente unha tarxeta e un minialbum.
Por outra banda, o outro curso xa leva en marcha un par de anos e terá lugar durante todo o curso escolar, os mércores de 17:45 a 19:45 horas. Nel realizan albumes de fotografías temáticos, neste primeiro mes adicaranse a realizar un co gallo do nadal. Este taller non ten custo algún, xa que cada asistente leva o seu material.
E o terceiro dos obradoiros, adicado ó entroido, será de máscaras e adornos de disfraces. Terá lugar os luns 17 e 24 de febreiro de 19:00 a 20:30 horas e pódense apuntar tamén persoas a partir dos 10 anos, cun custo de 10 €uros por persoa.

As tres actividades, dirixidas a maioires de 10 anos, desenrolaranse na aula da ludoteca municipal e para apuntarse a calquera delas deben facelo na Casa de Cultura do concello, ben pasando por alí, ben chamando ó teléfono 982 435 125. Para o taller de máscaras e disfraces é necesario apuntarse antes do día 10 de febreiro.

21 ene 2014

A CONFRARÍA DO VIÑO ORGANIZA UN CURSO DE CATA DE VIÑOS

A Confraría do Viño de Quiroga, en colaboración co concello quirogués e a Deputación Provincial de Lugo, organizou un curso de iniciación á cata do viño.

Neste curso os participantes aprenderán as habilidades básicas da cata de viños, adquirirán coñecemento da técnica de Cata, comprenderán a elaboración dos distintos tipos de viños galegos e coñecerán os viños da cinco denominacións galegas e as súas variedades de uva.

O curso estará impartido por un enólogo da adega Alan de Val e desenvolverase  na sala de catas do museo Etnográfico os días 11, 12, 13 e 14 de marzo, en horario das seis e media da tarde ata as nove e media.


O curso está aberto a tododas as persoas en xeral pero conta con límite de prazas polo que os interesados deben de inscribirse antes do día 7 de marzo na casa da Cultural, onde tamén poden recibir máis información. O prezo orientativo deste curso será de 40 € para os confrades e 45 para o público en xeral.

16 ene 2014

BANCO DE TAPÓNS SOLIDARIO

O Concello de Quiroga e varias asociacións culturais da comarca puxeron en marcha un punto de recollida de tapóns coordinado co Banco de Tapóns de Lugo que permitirá almacenar todos os tapóns e aparellos electrónicos como móviles, routers ou cargadores, que se recollan no municipio.

A iniciativa está supervisada pola Fundación Puro Cora e o banco provincial e ten como obxectivo facilitar o traballo aos voluntarios que xestionan a recollida de tapóns. Ata agora había diferentes locais privados que almacenaban tapóns, agora a idea é que os membros de Protección Civil desprácense aos establecementos e domicilios para recoller as bolsas.
         
Serven todo tipo de tapas e tapóns de plástico, vasiños dosificadores de medicamentos ou as cápsulas de café. Estes tapóns serán triturados, lavados e voltos a convertir en plástico.

Nun principio os tapóns pódense levar ata o supermercado Escaleira, en San Xulián, o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga, o supermercado Familia, a tienda Eurojalno, e o centro social da terceira idade, que son os puntos de recollida de tapóns en Quiroga. Cando estes establecementos teñan unha cantidade considerable de tapóns o concello encargarase de recollelos e almancenalos ata que a fundación os recolla. Os establecementos que queiran colaborar recollendo tapóns deben pasar previamente pola oficina de servizos sociais do concello.

O obxectivo da fundación Puro Cora é permitir a nenos e novos acceder a tratamentos, próteses ou medios mecánicos para poder desprazarse. Cada beneficiario recibirá dez toneladas de tapóns a primeira nena en recibir esta axuda foi a quiroguesa Uxía, que recibiu esta axuda para costear a colocación dunha prótese provisional na súa mán esquerda.

Cos fondos económicos obtidos co reciclado do plástico, financiaranse prótesis e medios mecánicos, destiñados a nenos e mozos de entre 0 e 25 años, que precisen desta axuda. Esta iniciativa cumple unha doble función: prestar axuda a quen o precise e coidar do medio ambiente.

3 ene 2014

CONCERTO DE ZANFONA A CARGO DUN QUIROGUÉS ESTE SÁBADO NO AUDITORIO

O Auditorio Municipal acolle mañá, a partir das sete da tarde un concerto de Zanfona. O concerto didáctico correrá a cargo de Vítor Soto Macía, nacido en Quiroga en 1970.
Víctor Soto cursou estudos de zanfona durante catro anos na escola de Música de Música Tradicional de Vigo. Foi integrante da Orquestra Son de Seu, na sección de zanfonas durante cinco anos.
Actualmente continúas cos seus estudos musicais no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, na disciplina de música antiga De Viola de Gamba.

Diplomado en Maxisterio Musical pola Facultade de Ciencia da Educación de Pontevedra, exerce na actualidade como ensinante de zanfona tradicional na Escola de Gaitas da Deputación de Pontevedra en Vigo, e na Asociación Cultural Brisas do Quenllo en Ordes, Coruña.

OS COMERCIOS DE QUIROGA ABRIRÁN ESTE DOMINGO

 A maioría dos comercios da vila decidiron abrir este domingo, día 5 de xaneiro. A decisión que adoptaron os comerciantes é abrir no seu horario habitual de mañá e de tarde, para facilitarlles aos veciños as compras de Reis de última hora.

TODO LISTO PARA A CHEGADA DAS SÚAS MAXESTADES OS REIS MAGOS DE ORIENTE

Os organizadores da Cabalgata de Reis realizaron hoxe a derradeira xuntanza na casa Consistorial, para dar por rematados os preparativos para recibir as súas maxestades os Reis Magos de Oriente na súa visita a Quiroga este domingo, día 5 de xaneiro.
 Está previsto que as Súas Maxestades cheguen a Quiroga ás seis menos cuarto da tarde. O primeiro punto de encontro será a casa do Concello, xa que alí faranlle entrega de agasallos as nenos e nenas de familias máis desfavorecidas.
Ás seis e media da tarde, acompañados pola música da banda de gaitas, achegaranse ata a Residencia da Terceira Idade para visitar aos nosos maiores.
Ás sete e media a comitiva real nas súas carrozas recorrerá a rúa Real ata o Auditorio Municipal. Durante este traxecto, a comisión orgnaizadora decidiu que este ano, por motivo de seguridade, non se tirarán caramelos durante o paso da cabalgata. Onde si se entregarán os caramelos será no Auditorio, cando as súas Maxestades escoiten as peticións de todolos nenos e nenas para esa noite máxica.
En caso de que as condicións meteorolóxicas non permitiran a saída á rúa da comitiva, os Reis Magos trasladaranse directamente ata o Auditorio Municipal ás oito do serán.

Como remate da noite todos os nenos poderán disfrutar dunha festa infantil no Albergue Municipal.