30 dic 2009

SESION PLENARIA MUNICIPAL

A corporación municipal celebra hoxe mércores, a partir da unha da mediodía, unha nova sesión plenaria extraordinaria coa seguinte orde do día:
1.-Aprobación, se procede, das actas correspondentes ás sesións dos días 29 de outubro e 12 de novembro.
2.- Rectificación da acta do día 25 de xuño.
3.- Expedente de recoñecemento extraxudicial de créditos.
4.- Modificación da ordenanza reguladora do imposto sobre bens inmobles.
5.- Aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamento especial do dominio público local da telefonía móvil.
6.- Moción do grupo municipal do partido popular sobre a consideración especial do concello de Quiroga de cara ás axudas para paliar o desemprego producido pola crise no sector da pizarra.
7.- Resolucións da alcaldía.
8.- Rogos e preguntas.

28 dic 2009

COMIDA ANUAL DE PEDÁNEOS

A maioría dos alcaldes de barrio reuníronse na mediodía de onte nas instalacións do Centro Social da Terceira Idade, onde disfrutaron dun xantar cos membros da corporación municipal.

Esta comida, que se realiza anualmente, é segundo palabras do propio alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, un recoñecemento polo traballo diario que realizan como representantes dos seus núcleos.

Na comida deste ano os pedáneos non entregaron a relación de obras máis necesarias e urxentes para o benestar dos seus veciños como era habitual, xa que o rexedor local pediulles tratar estas peticións individualmente debido o recorte de presuposto municipal para o ano 2010, polo que se establecerá unha orden de prioridade e urxencia nas pequenas obras.

O pedáneo de Bendilló, pola súa banda, suxeriulle os seus homólogos que utilizasen unha fórmula como a utilizada neste núcleo, no que todolos veciños, aínda que só o sexan en época de vacacións, aportan unha pequena cuota anual para pequenos arranxos no pobo.

23 dic 2009

XORNADA DE CONVIVENCIA NO C. SOCIAL

O Centro Social para a Terceira Idade celebrou onte unha concurrida xornada de convivencia social para celebralo Nadal. Un total de 150 socios e socias disfrutaron dunha velada onde non faltaron os bós dexexos para o vindeiro ano.

A dirección do centro non quixo que faltase de nada nesta xornada, polo que os socios foron convidados a todo tipo de doces típicos destas festas e algo de cava para brindar polo Nadal.

O rexedor local, Julio Alvarez, non quixo deixar pasar a ocasión de achegarse ó centro para felicitarlles as festas ós socios; e aproveitou para facer entrega dos agasallos do campionato de brisca celebrado a semana pasada entre os socios do centro.

O remate da doce merenda non faltou un animado baile que se prolongou ata as nove da noite. Os socios poderán disfrutar doutro baile especial o 31 de decembro, a partir das doce e media da noite, con cotillón, servicio de bar e unha copa de cava para brindar polo novo ano.

ENTREGA PREMIOS DECORACIÓN NADAL

Esta mañá entregáronse os premios do concurso de decoración de fachadas e escaparates organizado dende o Centro de Información á Muller.

En total houbo oito participantes, 5 na categoría de escaparates e tres na de decoración de vivendas. Debido o pequeno número de participantes a organización decidiu que todos recibisen o mesmo agasallo, unha cesta de Nadal.

Os encargados de facer a entrega das cestas foron o alcalde quirogués, Julio Alvarez e a concelleira da área social, Ana Nuñez.

18 dic 2009

CAMPIONATO DE BRISCA NO C. SOCIAL

O Centro Social para a Terceira Idade disputou esta semana o seu campionato de brisca no que participaron un total de 36 socios, repartidos en grupos de tres persoas.

O campionato comenzou o pasado luns pola tarde e rematou na tarde do mércores.

Os gañadores deste torneo foron o trío formado por Nemesio Nogueira, Manuel Castro e José Ferreiro. En segundo lugar quedaron Amparo Guerra, Vicente Blanco e Alicia Ferreiro. E en terceiro posto Pilar Jato, Rosario Díaz e Lidia González.

Os agasallos que recibirán os gañadores están expostos na cafetería do centro e entregaranse coincidindo coa xornada de convivencia social que o centro celebrará o vindeiro martes pola tarde.

16 dic 2009

X MOSTRA DO ACEITE

A décima edición da Mostra do aceite terá lugar o vindeiro día 7 de marzo no lugar das Farrapas en Bendilló. Así o decidiu onte a comisión organizadora deste evento.

A comisión organizadora decantouse por esta data tras comprobar que non coincidía con ningún evento importante nos arredores que poideran contrarrestar visitantes.

Nesta primeira xuntanza falouse de cales van ser os requisitos que se lles esixirán os olivareiros para poder participar neste evento, que este ano contará cunha alta produción de aceite xa que a recolección que comezou hai unhas semanas fai pensar en que a colleita será moito máis abondante que a do pasado ano.

Esta é a primeira edición que se celebra tras a concesión ó concello de Quiroga do título de rexistro da marca “Aceite de Quiroga”, despois de numerosas xestións ó longo de máis dun ano. Segundo a lei de Marcas, confíreselle ó concello o dereito exclusivo de utilizala no tráfico económico durante dez anos, período que poderá renovarse indefinidamente.

O concello asegúrase deste xeito que ningúen alleo ó concello ou que non conte coa súa autorización poida producir, comercializar, distribuir, promover ou calquera outra actividade relacionada co aceite, empregando a denominación de “Aceite de Quiroga”.

10 dic 2009

ALUMNOS DO IES NO PREMIO EXTRAORDINARIO DA ESO

Dous alumnos do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga participaron onte en Lugo nos exames para acadar o premio extraordinario da ESO, que os calificaría como os alumnos con mellor rendemento académico da comunidade.

Rita Gonzalez Nuñez e Iago Enríquez Vara foron propostos polo equipo docente de Quiroga para participar nestes premios tras acadar unha nota media de 9,5; esta nota é a media aritmética das cualificaicóns en todas as materias dos catro cursos da etapa da ESO.

A proba que tiveron que realizar onte estivo estructurada en 2 partes na que se valorarán os obxetivos e as competencias básicas acadadas polos alumnos. A proba consta de diversas cuestións coas que deben demostrar o grao de consecución da competecia social e cidadá, en comunicación linguística e matemática.

Ata dentro dun mes aproximadamente non se saberán os resultados desta proba na que paticipan alumnos de 4º da ESO de toda Galicia, e onde o gañador obtén un diploma acreditativo e un ordenador portátil.

9 dic 2009

EDITADO O II PLAN DE IGUALDADE

O concello de Quiroga presentou o pasado 25 de novembro o seu segundo plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e agora editouno para repartilo entre os organismos oficiais do municipio.

O plan, que ten vixencia ata o ano 2011, recolle un amplo estudo da poboación local na que se separa a poboación másculina da feminina, destacando que da poboación total de 3.894 persoas, o 52’3% son mulleres.

O plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes recolle seis obxetivos xerais:
* Consolidar unha estructura municipal para promover e intergrar a dimensión de igualdade de oportunidades nas políticas municipais.
* Promover a saúde integral e a asunción de hábitos de vida saudables para unha mellora do benestar físico das mulleres de Quiroga.
* Potenciar a incorporación e a promoción das mulleres ó mercado laboral nunhas condicións óptimas.
* Promover o encontro das mulleres e a súa participación nas diferentes actividades culturais e de lecer desenvolvidas, incluíndo a perspectiva de xénero nas actividades culturais.
* Fomentar a educación en igualdade e a ruptura de estereotipos sexistas, potenciando a creación dunha identidade de xénero flexible e integral que aporte liberdade e autonomía.
* E fortalecer a resposta social ante os casos de violencia de xénero, ofrecendo unha resposta para as vítimas e as súas familias.

7 dic 2009

VISITA DO XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN

O xefe territorial de Educación, José Ramos Ledo, visitou o pasado venres os centros educativos de Quiroga. Na súa visita estivo acompañado do inspector de educación José Ramiro Pérez Fernández.

A primeira visita acompañados polo rexedor local, Julio Alvarez, facíana ó Colexio de Educación Infantil e Primaria onde eran recibidos pola directora do centro, Ana Nuñez.

Nesta visita aproveitaron para ver cales son as reformas máis necesarias para levar a cabo no centro, como o arranxo do patio escolar que en época de choiva se cubre de grandes charcos. A visita coincidiu coa hora do xantar no centro educativo.

Tamén se achegaron ata o Instituto onde foron recibidos polo director Manuel Álvarez.

Ademáis das visitas ós centros educativos outro dos motivos polos que acudía o xefe territorial de educación a Quiroga tiña que ver coa petición do concello da desafectación das vivendas dos mestres.

4 dic 2009

INICIO DA RECOLECCIÓN DAS OLIVAS

Co inicio do mes de decembro comenzou a recolección da aceituna no municipio de Quiroga para a elaboración do aceite. Adegas Mondelo de Bendollo, que comercializa o aceite quirogués dende hai tres anos, baixo o nome de Aceiroga, comenzou xa coa súa elaboración.

Adegas Mondelo ten previsto elaborar uns 3.000 litros de aceite extra virxen ata mediados do mes de xaneiro, cando remate a campaña deste ano. Unha campaña que o propietario de adegas Mondelo, Manuel Mondelo, agarda moi boa xa que a colleita das plantacións máis novas está sendo moi abundante.

O aceite elaborado mecanicamente, como é o caso de Adegas Mondelo, ó igual que o realizado artesanalmente nos muiños unha vez elaborado necesita un período de decantación antes da súa comercialización.

3 dic 2009

INFORMACION RUTAS DE SENDEIRISMO

O concello de Quiroga puxo en marcha un novo servicio de información a traverso das novas tecnoloxías, mediante a páxina web do concello podese acceder a información de todas as rutas turísticas do municipio.

Dende a páxina concellodequiroga.com, e a través do seu apartado de boletín informativo podese acceder a un enlace de Rutas de Sendeirismo no Concello de Quiroga ( rutasquiroga.blogspot.com).

Nestes momentos xa se poden consultar once rutas, entre as que se atopa a última acondicionada polo conello, a do Camiño do Ferradal, entre Rugando e Ponte Soldón.

Nesta páxina, que se irá actualizando permanentemente, atópase información sobre cada unha das rutas, dende a súa descripción e fotos do traxecto ata mapas do recorrido, así como o tempo estimado para recorrela e a súa dificultade.

II ENCONTRO DE CORAIS EN QUIROGA

A Coral Polifónica de Quiroga organizou o II Encontro de Corais para o que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Lugo e o concello de Quiroga.

No encontro que terá lugar este sábado, a partir das sete da tarde, no Auditorio Municipal acturán a Coral Renfe de Monforte, a Coral Areosa de Narón e a coral anfitriona.

A coral Renfe de Monforte foi creada no ano 1960 dentro dos grupos da empresa Renfe, e está dirixida na actualidade por Adrian Real. O seu repertorio está composto por polifonías populares, música sacra, panxoliñas e obras doutras nacionalidades en distintos idiomas.

A Coral da Sociedade Cultural Areosa naceu no ano 1985 e na actualidade consta de 25 voces mixtas dirixidas por Sergio Bernal Fuster. O seu amplo historial acumula a participación en importantes certames e actos culturais e relixiosos.

A Coral Polifónica de Quiroga está integrada por trinta membros dirixidos por Adrian Real López e conta cunha intensa traxectoria dende a súa formación no ano 1991. Dende sempre esta agrupación participa activamente na vida cultural de Quiroga en programas culturais promovidos polo concello e tamén nas programacións culturais da Consellería de Cultura e da Deputación Provincial, á vez que participa en diversos festivais, certames e mostras.

No concerto do vindeiro sábado está previsto que cada unha das corais participantes cante cinco cancións de diferentes estilos.

1 dic 2009

ARDE UNHA CASA DESHABITADA NO SOLDÓN

Un incendio calcinou na madrugada de hoxe unha casa deshabitada na localidade de Soldón da Seara.

Segundo informou o Grupo Municipal de Intervención Rápida de Quiroga, o incendio ocorreu ó redor das tres desta mañá, cando unha casa deshabitada ardeu por circunstancias que de momento se descoñecen.

Ó lugar do suceso desprazouse a Garda Civil e o Grumir de Quiroga que apagou o incendio inmediatamente e evitou que se propagara ás casas colindantes, xa que tiñan paredes medianiles. Non obstante non se puido evitar que a casa na que se iniciou o incendio se calcinase completamente.

Foi un veciño do pobo o que deu aviso o Grupo Municipal de Intervención Rápida, que estivo na zona ata as sete da mañá.

26 nov 2009

REPULSA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Onte, día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o departamento da muller do concello presentou o II Plan de Igualdade de Oportunidades para Homes e Mulleres 2009 - 2010, na casa consistorial.

A concelleira da área social, Ana Núñez, foi a encargada de presentar o plan de igualdade, acompañada das outras duas concelleiras da corporación, Mª Carmen Armesto e Maximina Canseco.

Coincidindo con esta presentación leuse un Manifesto contra a Violencia Machista. Todalas persoas que o desexaron poideron asinar este manifesto, para o que se instalou unha mesa na entrada do consistorio dende as dez da mañá.

A todalas persoas que se achegaron ó longo da mañá a asinar o manifesto, persoal do Centro de Información á Muller, fixolle entrega dun lazo branco como símbolo da súa solidaridade en contra da violencia machista.


23 nov 2009

NOVO DEPÓSITO DE AUGA PARA QUIROGA

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado dos concelleiros Mª Carmen Armesto e Angel Rodríguez Raposo, ademáis dun técnico municipal, achegouse ata a zona da Hermida, onde están situados os tanques da traída de auga municipal.

Nesta zona, ó lado do tanque da auga construiuse un novo depósito cunha capacidade semellante o xa existente, uns 300.000 litros, que albergará a auga que se captará na zona de Leixazós.

A construcción do depósito e do equipo de decantación que se lle instalará conta cun presuposto duns 123.500€, con cargo o plan estatal, o chamado plan E.

A obra do depósito, así como a da canalización da nova traida están prácticamente rematadas, polo que se agarda que a finais de ano ou principios do vindeiro, poida entrar en funcionamento. Con esta ampliación na traida de augas municipal subsanaranse os problemas de presión que en momentos puntuais da época estival sofrían os veciños de Pacios de Mondelo e tamén os das zonas máis altas da vila quiroguesa.

19 nov 2009

CAMIÑO DO FERRADAL: NOVA RUTA TURISTICA

Traballadores do concello adscritos ó plan Laxa están rematando os traballos de acondicionamento dun camiño que une Rugando con Soldón, coñecido como camiño do Ferradal ou da Caleira.

Os traballos consisten no acondicionamento deste camiño pechado prácticamente en todo o seu recorrido, para o que foi preciso incluso a construcción de varias pontes de madeira.

Este camiño está considerado polo concello quirogués coma un magnífico expoñente de ruta de cara á utilización turística, xa que ademáis da beleza paisaxística pola que discurre ás beiras do río Soldón, conta cunha serie de valores patrimonias como son os xacementos arqueolóxicos das súas inmediacións.

O camiño destaca por ter varias partes configuradas sobre rochas, onde o paso dos carros dos bois deixou pegadas considerables. Entre as hipótesis baralladas polos estudosos, o concello cre que foi un dos camiños máis usados para transportar o ferro da ferrería de Rugando, hoxe transformada en casa de turismo rural.

Ademáis do acondicionamento deste camiño, o goberno municipal xa tramitou os correspondentes permisos administrativos, para poñer en valor os restos arqueolóxicos que hai nas inmediacións do seu recorrido, como son unha mina de ouro romana e dous tramos de canal de distribución de auga doutra explotación de ouro.

18 nov 2009

DESPRENDEMENTOS NA ESTRADA DO CAUREL

Na mañá de onte martes, tivo lugar un importante desprendemento de terra e pedras na estrada que une Quiroga con Folgoso do Caurel, preto do cruce de Campodola.

As intensas choivas destes últimos días provocaron que se baixara parte da montaña nun talud realizado por mor das obras de contrucción da nova estrada.

Durante un tempo a estrada estivo completamente cortada ó tráfico, xa que os desprendementos ocupaban case os dous carriles, pero operarios que están a traballar nesta obra, abriron rapidamente un carril para deixar paso á circulación.

Ó longo de toda a mañá soamente estivo un carril operativo e o tráfico quedou regulado por un semáforo.

Agora a dificultade entraña en evitar máis desprendementos xa que a montaña segue ameazando con desplomarse e os técnicos están a estudar cal é a mellor maneira de conter o talud.

MIRADOIRO NO TUNEL DE MONTEFURADO

Comenzaron as obras de construcción dun novo miradoiro que permitirá contemplar a zona de Montefurado.
Trátase dun miradoiro construido na estrada da Enciñeira para contemplar o tunel romano de Montefurado dende a súa cara oeste, o que se corresponde coa “boquilla” de saída do tunel, a súa boca máis espectacular e tamén a máis descoñecida.

Nestes momentos estase construindo a base do futuro mirador a base de ferro e formigón, a continuación construirase o miradoiro propiamente dito con base en lousa e laterais en pedra ornamental.

Para rematar a construcción instalaranse paneis explicativos de todo o val do río Sil que se contemplará dende o mirador, destacando o tunel e as médulas romanas.

Na súa construcción están traballando membros do plan Laxa e conta cunha subvención do Grupo de Desenvolemento Rural, GDR, Ribeira Sacra.

4 nov 2009

NOVA INVERSION ESTATAL EN QUIROGA

O concello de Quiroga recibirá un investimento de 420.970 euros, dos que poderá destinar un 20%, ao financiamento dos gastos correntes pola prestación de servizos sociais de competencia municipal.

Este investimento ven do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local, o chamado plan E, e foille comunicado o luns aos 67 concellos da provincia, nunha reunión á que asistiu o concelleiro de Medio Rural, Manuel Mondelo. Na convocatoria participaron o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; o presidente da Fegamp, Carlos Fernández e o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe.

Con este novo investimento estatal pretendese crear 1.500 empregos en toda a provincia, dando prioridade aos parados de longa duración e aos autónomos que cesaron na súa actividade.

O concello de Quiroga dispon de tres meses para presentar os proxectos que se financiaran con este plan. Éstos terán que ser de nova planificación, é dicir, que non figuren nos orzamentos dos anos 2009 e 2010. Ademais as actuacións deberan empezara a executarse a partir do 1 de xaneiro do ano próximo.

26 oct 2009

NOVA SALA DE EXPOSICIÓNS

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado da concelleira da área social, Ana Nuñez, achegouse ata os baixos da Casa da Cultura que albergarán a futura sala de exposicións e a Ludoteca.

Este baixo quedou valeiro cando se trasladou a escola infantil ás novas instalacións da Praza España, á vez que a Casa da Cultura perdeu a súa aula adicada a exposicións cando se puxo en marcha o Telecentro. O concello de Quiroga conta con outra sala de exposicións, aínda que de menor tamaño, nas instalacións do museo etnográfico.

Para acondicionar a sala de exposicións foi preciso tirar tabiques para darlle máis amplitude conforme o seu novo uso e realizar unha serie de remodelacións. Estes traballos estanos realizando traballadores adscritos ó concello dentro do plan Laxa.

Á vez que se realiza a sala de Exposicións tamén se está creando unha nova zona que albergará a Ludoteca, servicio que o concello oferta dende a área de educación social para os nenos e nenas de 3 a 12 anos.

20 oct 2009

ENTREGA VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA

Onte pola tarde, entregáronse 21 das 24 vivendas sociais, construidas na rúa Rego da Silva, nas inmediacións do cuartel da Garda Civil.

Ó acto de entrega que se realizou na Casa da Cultura, acudia o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández.

Antes da entrega oficial os novos propietarios tiveron que asinar os contratos ante notario, nun acto a porta pechada. Mentras o conselleiro e o rexedor local, Julio Alvarez, visitaban as vivendas acompañados da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e do director xeral do Instituto Galego da vivenda e Solo, Antonio Boné.

Xa na Casa de Cultura e antes de comenzar o acto oficial de entrega de chaves, o rexedor local deulle a benvida o conselleiro e agradeceulle as inversións que o seu departamento vai facer en Quiroga co arranxo da rúa Caurel, da zona das Barrancas e da estrada de Vilaverde a Campos de Vila.

Despois das intervencións fixoselle entrega os propietarios da documentación que os acredita como propietarios de 21 das vivendas construidas polo Instituto Galego de vivenda e Solo. As tres restantes quedaron vacantes na adxudicación, polo que se adxudicarán nun novo sorteo.

O rexime de adxudicación de 11 vivendas é o de compravenda e o das 10 restantes é o de alugueiro, xa que a normativa vixente obriga á adxudicación en réxime de alugueiro a todalas familias con ingresos que non superen 1,5 veces o Indicador Público de Rendas e Efectos Múltiples.

A renda mensual que pagarán os adxudicatarios en réxime de alugueiro oscila entre 115,31 e 126,56 €, mentres que as cotas hipotecarias que satisfarán os adxudicatarios en compravenda van dos 176,23 ós 279,01 € mensuais. O prezo das vivendas de promoción pública adxudicadas en compra vai dende os 38.758,34 € e a máis barata ata 61.363,89 € a máis cara, en función da superficie das vivendas e dos ingresos familiares.

As 24 vivendas construídas en Quiroga dispoñen: duas delas de dous dormitorios, quince de tres dormitorios e sete de catro dormitorios, ademáis de salón-comedor, cociña e un ou dous baños, segundo o tamaño da vivenda que vai dende os 64,90 m2 a 89,90 m2.
Trala entrega das vivendas o conselleiro e a comitiva visitaron a zona da Plaza Maior, recén nomeada Área de Rehabilitación Integral de Quiroga, xunto con Pacios de Mondelo.

Precisamente sobre este tema destacou Agustín Hernández que se invertirán máis de 11 millóns de € e que neste ano hai presuposto para rehabilitar 18 vivendas e para o vindeiro ano máis de 20. Presuposto que xunto co destiñado a urbanización servirá para poñer en valor as zonas de Pacios de Mondelo e da Praza Maior.

16 oct 2009

ASFALTADO RUA CAUREL


O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado dun téncico municipal achegouse na tarde de onte ata a rúa Caurel onde se están levando a cabo traballos de asfaltado.

Trátase de poñer unha nova capa de rodadura dende o entronque coa rúa Real ata o pobo de Pacios, para que quede unida coa nova estrada a Folgoso do Caurel.

Por mor desta obra está prohibido estacionar vehículos nesta zona ata que rematen as obras.

A empresa que está realizando esta obra, unha vez remate, continuará co asfaltado da estrada de Vilaverde a Campos de Vila e coa entrada de Quiroga pola zona das Barrancas. Que ó igual que a C/ Caurel son de titularidade da Xunta de Galicia, que foi quen se encargou de contrata-las obras.

15 oct 2009

ACTIVIDADES CULTURAIS 2009

Membros dos distintos departamentos municipais reuníronse na mañá de onte para ultimar as actividades lúdicas e culturais que se organizarán dende o concello para o último trimestre deste ano.

Nestas actividades están incluidas as organizadas dende o centro social para a terceira idade, a área de cultura, o centro de información á muller e a área de xuventude e deportes.

Entre as actividades destacan neste mes de novembro unha representación teatral o sábado día 24 e unha festa de hallowen organizada dende a área de educación social o día 31.

No mes de novembro contarase con natación para os rapaces na piscina climatizada de Monforte, co certame de relato curto e outro de debuxo, cun obradoiro de sensibilización no ámbito escolar sobre a violencia de xénero, con duas representacións teatrais, coa festa do magosto no centro social; ademais das actividades que se organicen con motivo do San Martiño.

Finalmente, no mes de decembro as actividades centraranse no nadal, co concurso de decoración de fachadas, campionatos nos pubs, torneos de fútbol sala, teatro, concertos e a celebración do nadal no Centro Social.

9 oct 2009

TALLER MUSICOTERAPIA DO C.I. MULLER


O Centro de Información á Muller do concello de Quiroga organizou un obradoiro de Musicoterapia dirixido a mulleres de todalas idades.

O taller desenvolverase o sábado día 17 de outubro na Casa da Cultura en horario de catro a oito da tarde.

O obradoiro inclue varios contidos como: traballos con sons do ambiente, experimentos acústicos con diversos materiais, instrumentos de fabricación caseira, xogos rítmicos con diferentes partes do corpo, bailes e danzas, achegamento ás músicas do mundo, exercicios de respiración e cancións e xogos de reacción e movemento.

Todalas mulleres que desexen participar nesta actividade gratuita deberán de inscribirse no Centro de Información á Muller ben persoalmente ou a traverso do teléfono 982.43.89.51.

7 oct 2009

O C.E.I.P RECIBE O ULTIMO LIBRO DE JOSÉ MONDELO

O escritor José Mondelo, nacido en Peites pero afincado en Cataluña, ven de agasallar o colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga, con 40 exemplares do seu último libro “O informe do empregado Mendes”.

O libro dirixido fundamentalmente a nenos maiores de 10 anos entregaraselle a todolos alumnos de 5 e 6º de primaria.

O informe do empregado Mendes recolle sete relatos escritos en galego, nos que cunha rica e variada linguaxe, mestura a nostalxia e a ironía.

José Mondelo éscribiu numerosas obras, sobre todo dirixidas o público infantil e foi o autor da primeira novela para o público xuvenil que se escribiu na literatura galega “Martín Coutinho en busca do sol”.

6 oct 2009

OBRADOIRO DE XIMNASIA NO C. SOCIAL

O Centro Social para a Terceira Idade comenza esta tarde o seu obradoiro de ximnasia. Como en anos anteriores o obradoiro desenvolverase todolos martes e xoves no salón mulitusos do centro de catro e media da tarde a cinco e media.

30 socios están xa están anotados, e coas novas incorporacións ó longo da tempada o obradoiro contará con 40 participantes.

Para o obradoiro de ximnasia, ademais das actividades de mantemento para articulacións, cabeza, tronco e extremidades; faranse exercicios sobre colchonetas con picas e pelotas, ademais de baile e xogos.

Os participantes nestas actividades poden complementar os exercicios coa utilización de aparellos estáticos no ximnasio municipal e cunha sala específica para estes aparellos na primeira planta do centro a partir do vindeiro ano.

O obradoiro de ximnasio do centro social é só para os socios do centro, que deberán abonar como en anos anteriores unha cota mínima de 5€ por mes, agás este primeiro mes de outrubro que será gratuito para todos.

5 oct 2009

DÍA DOS MAIORES NO CENTRO SOCIAL

O Centro Social para a Terceira Idade rematou onte pola tarde cun animado baile coa música en directo de Tito Rubio, os actos organizados con motivo do día Internacional das Persoas Maiores, coa asistencia de numerosos socios do centro.

O primeiro dos actos organizados para conmemorar esta festividade foi unha merenda gratuita a base de chocolate con pastas para todolos seus socios o pasado día 1 de outubro, a partir das seis e media da tarde. Tampouco faltaría un baile especial para rematar esta xornada.

Con motivo desta celebración o rexedor local, Julio Alvarez e a concelleira da área social, Ana Núñez, achegáronse ata o centro. O rexedor quixo en nome dos dous felicitarlle esta xornada ós socios, á vez que aproveitou para remarcar que en caso de que se aproveitara parte das instalacións deste centro para a creación dun centro de día, sería coa condición de non ver mermados os servicios que actualmente se lle ofrecen ós socios.

DÍA DA BICICLETA

A área de deportes do concello de Quiroga organizou un paseo en bicicleta onte domingo, coincidindo coa celebración do Día da Bicicleta. Para participar a organización esixía unha idade mínima de cinco anos e a obrigación de levar casco.

Numerosos veciños, sobor de todo rapaces, acudían ás inmediacións da Casa Consistorial de onde partirán os participantes ás doce da mediodía. Tras a saída que daba o concelleiro de deportes, José Luis Ribera, comenzaban un recorrido cun trazado suave. Tras recorrer a rúa Real, os participantes iniciaban o recorrido do paseo fluvial perto da ponte de San Clodio.

Recorrían o paseo fluvial ata a Ribeira onde collían o cruce de Vilañán con dirección a Hospital dende onde se dirixian a San Xulián de Arriba antes de emprender o regreso cara Quiroga.

Durante o recorrido os participantes estiveron acompañados nos tramos máis conflictivos por membros da Policía Local e de Protección Civil.

Ó remate da ruta, que estaba situada na Praza España, todolos participantes recibirán unha camiseta de mans do rexedor local, Julio Álvarez e do concelleiro de deportes, José Luis Ribera Castro.

1 oct 2009

CAMPAÑA DE VENDIMA

Quiroga está xa rematando unha campaña de vendima que comenzou oficialmente o día 17 de setembro, ainda que foi a pasada fin de semana cando se recolleu a maioría da producción do municipio.

A campaña deste ano veu marcarda por unhas condicións climatolóxicas moi boas, con tempo soleado e altas temperaturas, o que propiciou que as uvas entrasen nas adegas en moi boas condicións.

Tendo cómo base os datos dos controles de maduración que se efectuan dende finais de agosto, o consello regulador da denominación de orixen Ribeira Sacra, á que está adscrito o noso municipio, determinou que a data para o inicio da vendima fora o día 17 de setembro, adiantándose unha semana con respeto á campaña do pasado ano.

A uva que entrou nas adegas quiroguesas, ainda que en menor cantidade que a colleita pasada debido ás xeadas da primavera, ten unha excelente calidade, debido á climatoloxía dos últimos meses. O tempo seco e soleado contribuiu de xeito decisivo á maduración da uva e foi moi favorable para as viñas que están situadas en zonas que precisan máis tempo para a súa maduración.

A maioría dos colleiteiros quirogueses coinciden en que a súa producción viuse reducida prácticamente nun 30% polas últimas xeadas da primavera que viñeron cando as cepas xa estaban agromadas e os racimos comenzaban a sair. Pero tamén coinciden en que as condicións coas que se atopan as uvas que se están acabando de vendimiar son excelentes, en canto ó grao de maduración e tamén en canto as condicións sanitarias nas que se atopan.

29 sept 2009

PROXECTO CENTRO SOCIAL DOS NOVAES

O rexedor local, Julio Álvarez, acompañado da concelleira Mª Carmen Armesto, e dun técnico municipal achegouse ata o pobo dos Novaes, onde acompañaron ós técnicos da Deputación Provincial de Lugo, que viñeron supervisar o inmoble no que se vai construir un centro sociocultural para os veciños desta localidade.

O centro social construirase nun inmoble propiedade do concello, ó que se lle van aproveitar as paredes de pedra natural. En base a estas paredes, os técnicos da Deputación realizarán o proxecto do centro de ocio.

Esta obra forma parte das obras consensuadas entre o alcalde de Quiroga e o presidente da Deputación Provincial con cargo ó canon hidroeléctrico. Con cargo a este canon Quiroga recibirá 508.826€; dos que 339.217 correspóndenlle as duas primeiras anualidades do canon.

Ademais da construcción do centro sociocultural dos Novaes, no mesmo proxecto están incluidas obras de mellora nos accesos a Cereixido, Bendollo e Bendilló; a construcción dun centro sociocultural no Nocedo e a urbanización da rúa Río Miño.

25 sept 2009

BONOBÚS

Un ano máis, coincidindo co inicio do curso universitario o Concello de Quiroga pon en marcha o programa do Bonobús. Programa co que o concello axuda económicamente a todos aqueles rapaces empadroados en Quiroga que cursan os seus estudios universitarios nos distintos campus galegos.

O concello subvenciona nun 50% o servicio de transporte ás distintas universidades de Galicia. Así os mozos que se despracen ó campus de Santiago terán que abonar polo bono anual 500€, os que se despracen a Lugo, 310€; a Coruña 555 €; a Vigo 625 e os que vaian a Ourense abonarán 220 €.

Cada abonado terá dereito a duas viaxes semanais durante o curso escolar, unha de ida e outra de volta. As saídas do autobús universitario serán os domingos e os retornos os venres; en caso de existir pontes, as saídas produciranse os días festivos e os retornos as vésperas de festivos.

Para os desprazamentos a Santiago e Lugo, os universitarios poderán optar por todalas expedicións que a empresa Monbús teña en funcionamento.

O servicio que xa está en funcionamento rematará o día 25 de xuño do 2010. O Bonobús podese solicitar na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Quiroga.

24 sept 2009

VISITA DA SECRETARIA XERAL DE FAMILIA

A Secretaría Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, visitou onte Quiroga para facer un recorrido por todos aqueles departamentos que dependen nalgunha medida desta consellería.

O primeiro lugar que visitou foi o poboado xitano do Toucedo, que participa desde fai anos nun plan de mellora das súas vivendas que conta co apoio dos programas específicos de integración xitana da Xunta de Galicia. Tras conversar cos seus veciños e visitar unha das vivendas realizadas baixo este plan a Secretaria Xeral comprometeuse a realizar as xestións para que a mellora das vivendas se poida levar a cabo con máis rapidez.

Despois visitou as instalacións da nova guardería de Quiroga, que recentemente pasou a depender da rede de escolas infantís da Xunta de Galicia.

Nas instalacións do Centro Social da Terceira Idade, o rexedor local, Julio Alvarez, puntualizou que a maior necesidade do concello de Quiroga en materia de servicios sociais nestes momentos sería a construcción dun centro de día. Para este novo servicio o rexedor local apuntou a posibilidade de que se adaptaran as instalacións do centro social, ou se non fose posible ceder uns terreos municipais para unha nova construcción.

Susana López Abella comprometeuse a estudar a petición do alcalde quirogués, e ainda que non confirmou que se poida contar cun Centro de Día en Quiroga, si anunciou que en breves días virán a Quiroga técnicos do seu departamento que estudiarán a posibilidade de adaptar unha parte do Centro Social para prestar este servicio.

Tras visitar as instalacións do Centro Social o percorrido da secretaria xeral de Familia e Benestar rematou na residencia da terceira idade, onde se están realizando obras de mellora financiadas polo seu departamento que consisten na supresión de barreiras arquitectónicas, a renovación da cuberta e a reforma dos cuartos de baño para adaptalos a persoas impedidas.

23 sept 2009

VISITA DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitaba esta mañá o concello de Quiroga, onde era recibido por membros da corporación municipal.

Tralos pertinentes saúdos e xa acomodados no salón de plenos da casa consistorial, Gómez Besteiro, asinaba no libro de honra do concello.

Unha vez cumplido cos actos protocolarios e o correspondente intercambio de agasallos, o presidente da Deputación mantiña unha xuntanza a porta pechada co alcalde de Quiroga, Julio Alvarez. Un dos temas a tratar nesta reunión era as obras a realizar no noso municipio con cargo ó canon hidroeléctrico, do que a Quiroga correspóndenlle 339.217€.

Parte das obras a realizar con cargo a este canon xa foron consensuadas polo rexedor local e o presidente da deputación e outra parte está pendente de fixarse.

22 sept 2009

URBANIZACIÓN RÚA RÍO MIÑO

Veciños da rúa Río Miño de Quiroga reuníanse onte pola tarde no salón de plenos da casa consistorial co rexedor local, Julio Álvarez, e con técnicos municipais para tratar sobre a urbanización que o concello quere levar a cabo nesta rúa.

Nesta xuntanza, a segunda que se mantivo neste mes de setembro, chegouse a un acordo sobre o traballo a realizar nesta primeira fase da obra, na que se acondicionará unha zona para vehículos e outra para zona peatonal.

Os veciños deberán ceder voluntariamente o terreo para realizar as obras de ensanche da calzada, condición coa que os propietrios xa se amosaran de acordo dende un principio, ainda que terán que derrubar peches de fincas.

Xunto co ensanche da calzada realizaranse as obras para dotar de servicios básicos a zona: saneamento, nova canalización de auga, iluminación e incluso a plantación de árbores.

Nesta primeira fase das obras non se construirán beirarrúas, pero sí se separará a zona adicada ós peatóns que irá a ambos lados da calzada, cunha especie de pivotes.

21 sept 2009

AREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras declarou a zona da Praza Maior de Quiroga e Pacios de Mondelo como área de rehabilitación.
Con esta declaración os veciños destas duas zonas poderán beneficiarse de axudas destiñadas a mellorar exteriormente os edificios que teñan máis de dez anos de antigüidade. Para facilitar o traballo dos veciños que queiran beneficiarse destas axudas abrirase unha oficina informativa, na que ademáis de informar ós veciños tamén se lle realizarán todolos trámites precisos.
O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, falaba deste tema no programa da TMQ "Audiencia Pública", no que afirmaba que este ano contase con financiación para o arranxo de 60 vivendas, a metade das que precisan rehabilitación nesta zona, xa que o concello realizou un informe do que se desprende que son 120 as vivendas que necesitarian arranxos.

18 sept 2009

INICIO DO CURSO NO I.E.S. DE QUIROGA

O xoves comenzaba o curso escolar no Instituto de Educación Secundaria de Quiroga, cunha matrícula de 148 alumnos, tres máis que o curso pasado, como confirmaba o director do centro, Manuel Álvarez.
Na primeira xornada deste curso 2009/10 os alumnos recibiron información sobre a gripe A, ademáis dunhas recomendacións a seguir para este curso que comenza marcado pola nova gripe. Precisamente por esta causa o centro educativo tamén terá que adoptar unha serie de medidas como a colocación de máis lugares nos que os rapaces poidan lavar as mans.
En canto á gratuidade dos libros de texto, a pesar dos cambios que se produxeron na forma de beneficiarse destas axudas, no centro educativo quirogués non se producirán estas modificacións xa que o centro dispón de suficientes manuais para que todolos alumnos dispoñan de libros gratis, sen atender á renda familiar.
Coincidindo co inicio do curso celebrábanse as últimas probas de selectividade, pero ningún alumno deste centro se presentou nesta convocatoria de setembro, xa que todos os alumnos presentados, aprobaron na convocatoria do mes de xuño.

ACTIVIDADES ASOCIACIÓN MULLERES

ACTIVIDADES ASOCIACIÓN MULLERES

A asociación de Mulleres San Martiño ultimou as súas actividades para o último trimestre do ano. Entre estas actividades que oferta para as mulleres da comarca atópanse clases de informática, ximnasia, manualidades e bailes de salón.

As clases de informática básica e desenvolveríanse no Telecentro da casa da cultura os mércores de 7 a 8 da tarde. As clases comenzarían o 4 de novembro e o custo sería de 10 para as socias da asociación e de 15 para as non socias.

Ximnasia impartirase os martes e os xoves de 8 do serán a 9 da noite. Estas clases que comenzarían o 2 de outubro terán un custo de 15€ para as socias e de 20 para as non socias.

Manualidades, que nun principio, desenvolveríase os luns a partir do mes de novembro e terían un custo de 20€ para as socias e de 25 para as non socias.

Finalmente os bailes de salón serían os sábados a partir do 7 de novembro e terían un custo de 15€ para as socias e 5€ máis para as non socias.

Para que se leven a cabo todas estas actividades é preciso que exista un mínimo de 12 participantes en cada unha das actividades. Todas aquelas mulleres interesadas en participar deberán de poñerse en contacto con calquera membro da directiva da asociación de mulleres San Martiño (Silvia ou Marisa).