19 nov 2009

CAMIÑO DO FERRADAL: NOVA RUTA TURISTICA

Traballadores do concello adscritos ó plan Laxa están rematando os traballos de acondicionamento dun camiño que une Rugando con Soldón, coñecido como camiño do Ferradal ou da Caleira.

Os traballos consisten no acondicionamento deste camiño pechado prácticamente en todo o seu recorrido, para o que foi preciso incluso a construcción de varias pontes de madeira.

Este camiño está considerado polo concello quirogués coma un magnífico expoñente de ruta de cara á utilización turística, xa que ademáis da beleza paisaxística pola que discurre ás beiras do río Soldón, conta cunha serie de valores patrimonias como son os xacementos arqueolóxicos das súas inmediacións.

O camiño destaca por ter varias partes configuradas sobre rochas, onde o paso dos carros dos bois deixou pegadas considerables. Entre as hipótesis baralladas polos estudosos, o concello cre que foi un dos camiños máis usados para transportar o ferro da ferrería de Rugando, hoxe transformada en casa de turismo rural.

Ademáis do acondicionamento deste camiño, o goberno municipal xa tramitou os correspondentes permisos administrativos, para poñer en valor os restos arqueolóxicos que hai nas inmediacións do seu recorrido, como son unha mina de ouro romana e dous tramos de canal de distribución de auga doutra explotación de ouro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario