27 dic 2018

REUNIÓN ANUAL DA CORPORACIÓN COS PEDÁNEOS DOS NÚCLEOS DO MUNICIPIO


Un bo número de alcaldes de barrio reuníronse esta mediodía  nas instalacións do Centro Social da Terceira Idade para participar na xuntanza anual da corporación cos representantes de cada núcleo de poboación do municipio,
Nesta xuntanza anual, que se fai dende hai 32 anos, faise balance do realizado durante o ano, á vez que os pedáneos presentan as necesidades de cada núcleo para que a corporación as encaixe nos presupostos que se elaborarán para o vindeiro exercicio.
O municipio de Quiroga conta nos seus 319 km2 de extensión con 119 núcleos, aínda que non todos están habitados. Nesta xuntanza anual, en base ás peticións que realizan estes delegados da alcaldía nos barrios, prográmanse as obras máis necesarias nestes núcleos para realizar ao longo do 2019.
En canto ao balance do ano que está a piques de rematar, o alcalde Julio Álvarez, informou aos asistentes á xuntanza que se cumpriron todas as expectativas comprometidas cos núcleos, aínda que falta executar unha parte das obras, retrasadas por problemas de administración. Anunciou que esta mesma mañá se contratou o derradeiro paquete de obras pendente, e que afectará basicamente ao arranxo de pistas da zona máis oriental do municipio.

9 dic 2018

OS CIENTÍFICOS VIDAL ROMANÍ E AURORA GRANDAL VEÑEN COÑECER O PROXECTO DE AMPLIACIÓN DO MUSEO DE XEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA DE QUIROGA


José Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Geología da Coruña e Aurora Grandal D’Anglade, profesora de paleontoloxía da Universidade da Coruña achegáronse esta mañá ata o Museo Xeolóxico de Quiroga para coñecer o proxecto de ampliación desta edificación. Os dous profesores, implicados dende o primeiro momento co Museo Xeolóxico de Quiroga, apoiaron esta ampliación e aproveitaron a reunión co alcalde, Julio Alvarez, e co director do Museo, Ramón Vila, para aportar ideas e propostas de cómo cubrir os novos espazos.

A ampliación do museo local de Xeoloxía e Paleontoloxía permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo.  As obras permitirán a ampliación do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.

A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e  rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarase.

A segunda sala centrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores da nosa serra, entre os que destacan o esqueleto completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.

 A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática.

 A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.

Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona, representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.

O proxecto de ampliación xa está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte  polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. Unha parte da obra estará acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.

5 dic 2018

O BISPADO DE LUGO E O CONCELLO DE QUIROGA ASINAN UN CONVENIO PARA O ARRANXO DE TRES IGREXAS PARROQUIAIS


O Concello de Quiroga e o Bispado de Lugo asinaron onte un convenio para o arranxo de tres igrexas parroquiais no municipio.

Cun importe de 50.470 €, dos que 21.000 € serán aportados polo Concello de Quiroga, arranxaranse as igrexas de San Antón de Vilanuíde, Sta Eulalia de Bendollo e Santiago de Augasmestas.

Tanto o Bispo D. Alfonso Carrasco como o alcalde Julio Alvarez, asinantes do convenio, coincidiron na importancia de conservar estes templos e na intención de seguir colaborando en vindeiras ocasións.

O Bispo de Lugo recordou que as igrexas son a “expresión de cultura vivida nas parroquias e un tesouro prezado para o concello que é bo coidar entre todos”.
  
Pola súa banda, Julio Alvarez, falou da positividade do mantemento destas “xoias arquitectónicas para que non se deteriore o importante patrimonio artístico e arquitectónico que está nas igrexas”.
  
Foi precisamente por esta razón, que o bispo Alfonso Carrasco calificou de “amplitude de miras”, pola que felicitou ao Concello de Quiroga durante a sinatura do convenio.


4 dic 2018

OS TRABALLADORES DO OBRADOIRO SILLOR COMEZAN A REFORMA INTERIOR DO PAVILLÓN MUNICIPAL


O pasado mes de novembro comezaba a súa andaina un novo Obradoiro de Emprego do que se benefician os concellos de  Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.
Neste quinto SilLor os 20 alumnos e alumnas dos tres concellos reciben formación teórica e práctica en especialidades relacionadas coa albanelaría e a construción durante os seus nove meses de duración. O obradoiro conta coa especialidade de Operacións auxiliares de albanelaría, de fábricas e cubertas, no que están integradas as  7 persoas do concello de Quiroga.
En Quiroga as obras nas que se traballará son a segunda fase de ampliación do museo xeolóxico e a reforma interior do pavillón polideportivo municipal. A reforma interior do pavillón municipal consistirá na ampliación dos vestiarios e no cambio de localización dos baños.
No pavillón xa se comezou a traballar no cambio de baños que estaban situados na planta baixa e que agora se construirán na parte superior, podendo acceder a eles directamente dende as gradas. Aumentarase o espazo da grada na parte superior, onde quedará espazo para unha pequena zona de cafetería.
En canto os vestiarios, dotarase duns novos secundarios e nos actuais farase unha profunda reforma co fin de aumentar a superficie e facela máis funcional.
Con estes traballos querese conseguir que os usuarios deste edificio deportivo non teñan que pasar continuamente pola pista de xogo para poder acceder a vestuarios, baños ou almacén.
Esta mañá os directivos do obradoiro, o concelleiro de deportes e o alcalde achegáronse a supervisar os traballos nos que están a traballar os alumnos deste novo obradoiro.