9 dic 2018

OS CIENTÍFICOS VIDAL ROMANÍ E AURORA GRANDAL VEÑEN COÑECER O PROXECTO DE AMPLIACIÓN DO MUSEO DE XEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA DE QUIROGA


José Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Geología da Coruña e Aurora Grandal D’Anglade, profesora de paleontoloxía da Universidade da Coruña achegáronse esta mañá ata o Museo Xeolóxico de Quiroga para coñecer o proxecto de ampliación desta edificación. Os dous profesores, implicados dende o primeiro momento co Museo Xeolóxico de Quiroga, apoiaron esta ampliación e aproveitaron a reunión co alcalde, Julio Alvarez, e co director do Museo, Ramón Vila, para aportar ideas e propostas de cómo cubrir os novos espazos.

A ampliación do museo local de Xeoloxía e Paleontoloxía permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo.  As obras permitirán a ampliación do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.

A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e  rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarase.

A segunda sala centrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores da nosa serra, entre os que destacan o esqueleto completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.

 A terceira sala é a da idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática.

 A cuarta das salas centrase nas primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.

Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona, representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.

O proxecto de ampliación xa está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte  polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. Unha parte da obra estará acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario