28 dic 2016

FESTA DE NADAL CON INCHABLES

O Concello de Quiroga organizou un ano máis unha festa de Nadal para os máis pequenos con inchables.

O vindeiro luns, 2 de xaneiro, o Pavillón Municipal acollerá inchables gratuitos para todos os nenos e nenas, dende as catro da tarde ata as oito do serán.

Esta actividade, organizada dende o Departamento de Educación e Infancia forma parte da programación que o Concello puxo en marcha con motivo das festas de Nadal.


9 dic 2016

O CONCELLO DE QUIROGA PRESENTA A AMPLA OFERTA CULTURAL PARA AS FESTAS DO NADAL

O  Concello de Quiroga  presenta a ampla oferta cultural para as vindeiras  Festas de Nadal.

Ademais do Certame de Poesía de Nadal e do Concurso de Postais, xa convocados co  gallo do Nadal, nos vindeiros días desenvolveranse  distintas actividades nas que poderán participar todos os veciños e veciñas segundo os seus intereses.
Xa o sábado día 17 a partir das 19:00h. terá lugar no Auditorio Municipal  o Concerto de Nadal coa  actuación  da Coral Polifónica de Quiroga , do Grupo de Danzas “San Martiño”, a Banda de Gaitas “San Martiño”, o Grupo de Danzas “Arume de Queiruga” e os  Alumnos que acoden ás clases de piano e guitarra  organizadas polas  Áreas de Educación e Xuventude.
No transcurso de este acto,  entregaranse os premios do Concurso de Postais,  do X Certame de Relato Curto e do Certame de Poesía de Nadal convocado pola Biblioteca Municipal.

O  día 21 ás 11:00h. terá lugar na Aula Cemit da Casa da Cultura   unha videoconferencia con Papá Nöel á que poden acudir todos os nenos e nenas que o desexen para facer as súas peticións. Nesta actividade colabora o CEIP. de Quiroga do que asistirán os/as alumnos/as de infantil.

A xuventude pode participar nos Campionatos de Nadal que se desenvolverán nos Pubs da Vila  dende o día 23  ata o 30 de decembro.

No eido deportivo,entre os días 27,28,29 e 30 haberá un Torneo de Fútbol- Sala  e  o día 31  a “II Carreira Marcha Solidaria  San Silvestre”.

 O día 28 o Apalpador visitará Quiroga percorrendo as súas rúas gracias aos alumnos e alumnas do curso de teatro   que  son os organizadores desta iniciativa.

A Área de Educación, entre outras actividades,  ten organizado para os día 22 e 23 a “Ludoteca de Nadal” , Obradoiros Infantís de Nadal para o día 28 pola mañá. Tamén o día 2 terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal Animación Infantil con Inchables gratuíto para tod@s nen@s que queiran participar.

O Centro Social organiza para os socios varias actividades de convivencia social así o día 22 ten organizada unha merenda cea  para celebrar xuntos o Nadal, ademais haberá bailes  todos os domingos do mes.

 O día 5  terá lugar a tradicional  Gran Cabalgata de Reis que percorre as rúas da vila e rematará no Auditorio Municipal.



 A programación de Nadal rematará o día 7 de xaneiro coa  II Edición de “Cantos de Taberna” organizada pola Área de Xuventude.

LUDOTECA DE NADAL, OS DÍAS 22 E 23 DE DECEMBRO

     A Área de Educación e Infancia do Concello de Quiroga oferta de cara ao Nadal o Servizo de Ludoteca. Entre os obxectivos desta actividade, destacar a axuda deste servizo  aos pais e nais traballadores para  ocupar de xeito creativo o tempo libre dos seus fillos e fillas no período de vacacións.
A actividade da Ludoteca de Nadal desenvolverase os vindeiros días  22 e 23 en horario de 11:00h a 13:00h.
Para participar, os interesados poden anotarse na Casa da Cultura ou ben na propia ludoteca.  A inscrición será gratuíta.

O DÍA 7 DE XANEIRO CELÉBRASE A II EDICIÓN DE " CANTOS DE TABERNA"

O Concello de Quiroga, a través da Área de Xuventude, organiza para este Nadal  a segunda edición de "Cantos de Taberna".

Os obxectivos  desta actividade  son a  dinamización social  e a recuperación das nosas tradicións musicais. Os cantos nas  tabernas foron  unha maneira de divertimento, de ocio  e un xeito  de producir e manter a  importante  tradición musical da comarca.

Para levar a cabo esta segunda edición de “Cantos de Taberna”, o Concello de Quiroga conta coa participación de quince establecementos de restauración  da vila  ( cafeterías, bares e pubs) onde de se van realizar as actuacións o día 7 de xaneiro a partir das 17:00 h .Conta  tamén coa colaboración  da Empresa  Tourgalia.

Cada agrupación musical participante realizará unha actuación de media hora en cada  establecemento, para rematar  a ronda na zona dos Pubs cunha foliada conxunta.

Poden participar todas as agrupacións interesadas ata  un máximo de 15 e o número de integrantes de cada agrupación non ha de superar os 10 membros.

Para inscribirse poden chamar á Casa da Cultura ao número de telf: 982435125. 


1 dic 2016

O VICEPRESIDENTE DA XUNTA, ALFONSO RUEDA, VISITABA QUIROGA PARA A ENTREGA DE EQUIPOS DE COITELAS E CUÑAS PARA COMBATER AS NEVARADAS DO INVERNO

Quiroga recibía a visita do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O motivo da visita foi a  entrega de equipos de coitelas e cuñas para mellorar a capacidade de resposta de varios concellos de Ourense e Lugo fronte ás nevaradas do inverno.
 O acto contou tamén coa presenza dos delegados  territoriales  da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e en Ourense, María Sol Díaz , o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, así como os alcaldes de Quiroga, Julio Álvarez e a súa homologa do Caurel, Lola Castro. Trátase dun material moi necesario que permitirá mellorar a circulación e a seguridade viaria dos veciños destas localidades, onde se adoitan dar nevaradas e xeadas o longo do inverno.Segundo añadiu o Vicepresidente, Alfonso Rueda, aínda que os medios son cada vez maiores para loitar contra a neve e o xeo, cómpre recordar a importancia da responsabilidade nas estradas e de que os usuarios estean informados da situación das vías cando vaian realizar algún desprazamento
 No transcurso do acto fíxose entrega de seis equipos de coitelas para os concellos de Becerreá, Cualedro, Chandrexa de Queixa, Folgoso de Courel, Piñor e Quiroga. E tres equipos de cuñas para A Gudiña, Castro Caldelas e Maceda.

 A Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias, destinou preto de de 118.000 euros para a compra deste material, que xa teñen a súa disposición os concellos. 

A AREA DE EDUCACIÓN E INFANCIA DO CONCELLO, ORGANIZA O CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

O Concello de Quiroga dentro da súa area de Educación e Infancia organiza o concurso dePostais de Nadal.

Este concurso vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. A postal ten que versar sobre o tema do Nadal e ocupar medio folio. Os traballos deberán presentarse na casa da cultura antes do día 16 de decembro, acompañados dun sobre pechado que conterá os datos do autor. 

O concurso conta con cinco categorías, de 3 a 4 anos, de 5 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e a última categoría para o rapaces e rapazas de 11 a 12 anos. Os gañadores de cada unha das categorías recibirán premios sorpresa que serán entregados o 17 de decembro no Festival de Nadal que se celebrará no Auditorio Municipal.


29 nov 2016

O CONCELLO E O CENTRO SOCIAL POÑEN EN MARCHA A "OPERACIÓN QUILO SOLIDARIO"

O Concello de Quiroga en colaboración co  Centro Social puxo en marcha a Operación Quilo Solidario,”Por un fin social”,  trátase dunha actividade de carácter social dirixida a todas as persoas que queiran  aportar o seu quilo de solidariedade.
     Con esta iniciativa pidese a colaboración dos veciños para participar nesta causa solidaria aportando un quilo de alimentos non perecedeiros, tales como legumes, conservas, galletas, aceite ou productos de aseo persoal.Todas as aportacións serán recollidas nas instalación do Centro Social de Quiroga.
       Por outra banda, o Centro Social tamén é receptor para a recollida de roupa usada en bó uso, a roupa que se entregue ten que estar limpa en un bó estado de uso.

     A Operación Quilo Solidario permanecerá aberta durante o mes de decembro, pero as aportacións poden seguir ata que o Concello de Quiroga dé por pechada a recollida, que se enviará aos destinos que máis o necesiten.

23 nov 2016

A BIBLIOTECA MUNICIPAL CONVOCA O CERTAME DE POESÍA INFANTIL "NADAL 2016"

                                  
A Biblioteca Pública Municipal de Quiroga convoca o Certame de Poesía Infantil “Nadal 2016”de acordo as seguintes bases :


1- Poden participar tódolos nenos e nenas, con poemas sobre o tema xenérico de “O Nadal”.

2- Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos,C, de 12 a 16 anos.


3- Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe.Os poemas estarán escritos en galego e a súa extensión será como máximo dun folio por una soa cara. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.

4- O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 15 de decembro, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Municipal.


5- O xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada categoría e modalidade un máximo de tres traballos. Os autores seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.

6- Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Bilioteca Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.


7- O fallo do xurado local farase público antes de rematar a segunda quincena de decembro de 2016.

8- Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública Municipal que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.


9- Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.

10- A presentación das obras  a este certame supón a aceptación das presentes     bases.


A OMIX DE QUIROGA ORNANIZA XORNADAS INFORMATIVAS DO CARNÉ XOVE

A Oficina Municipal de Infomación Xuvenil de Quiroga, organiza para os días 28, 29 e 30 de novembro, unhas xornadas informativas do carné xove, no IES de Quiroga.
O estudantado poderá recoller información na mesa informativa que se instalará durante os recreos e ademais, quen o desexe, poderá facer alí mesmo o carné xove.
O seu obxectivo, é facilitar unha tarxeta persoal e intransferible á disposición da mocidade galega de 12 a 30 anos, que a acredita como tal, e coa que obtén descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos ao programa do Carné Xove, agás excepcións propias de cada comunidade ou país.

7 nov 2016

O CONCELLO XA TEN EN MARCHA OS ACTOS PARA A CELEBRACIÓN DO SAN MARTIÑO

O Concello de Quiroga, dende a súa Área de Cultura, xa ten en marcha un amplo programa para a celebración do noso patrono, o San Martiño.
      Os actos comezan o xoves día 10 pola tarde coa disputa de dous encontros de futbol sala no pavillón municipal, entre as EDM.de Quiroga e as da Rúa, os enfrontamentos serán as seis na categoría de prebenxamíns e as sete os Benxamíns.
      O venres, propio día de San Martiño, festa local na vila, comezarase ás once menos cuarto cunha alborada coa banda de gaitas.
     Ás doce do mediodía misa solemne e procesión, encabezada pola imaxe do noso patrono. A unha e cuarto, na Praza Maior, actuacións do grupo de danzas e da banda.
     Ás catro da tarde e de novo na Praza Maior, xogos populares infantís para todos os rapaces que queiran participar. As sete dará comezo un gran magosto onde non faltará o viño novo e a música a cargo do Dúo Camelia.
    Pero os actos de San Martiño continuarán o sábado día 12 no Auditorio Municipal onde terá lugar un festival da Presentación do Cancioneiro Antropolóxico de terras de Quiroga , Ribas de Sil e Montaña do Lor.

    O domingo, ás sete,  tamén no Auditorio e para pechar os actos desta festividade terá lugar a representación teatral “O Menciñeiro á Forza”, interpretado polo Grupo Augas do Sil de San Clodio, dentro do programa Buxiganga da Deputación Provincial.

26 sept 2016

O PP ACADA O 64,89% DOS VOTOS EN QUIROGA, NUNHA XORNADA CUNHA PARTICIPACIÓN QUE SUPERA O 71%.

        Quiroga segue sendo un dos municipios máis populares do sur da provincia de Lugo, ao acadar o 64,89% dos votos emitidos na xornada de onte, prácticamente a mesma que nas eleccións do 2012. O PP foi a opción elexida pola maioría dos quirogueses, concretamente por 1.340. Seguenlle a moita distancia o Partido Socialista, que con 273 votos obten un 13,22% e En Marea que cos seus 259 votos obten un 12,54%.
          A participación nestes comicios foi alta, dun 71,44%, o que se traduce en que 2.065 quirogueses acudiron ás urnas, nunha xornada sen incidencias, para exercer o seu dereito a voto nestas eleccións autonómicas. Do total de votos acadados 1.340 foron para o Partido Popular; 259 para en Marea; 273 para o Partido Socialista; 95 para o BNG; 46 para Ciudadanos; 4 para o partido Animalista; 3 para Anticorrupción; 2 para Gañemos – Sí se puede; outros dous para Recortes Cero; 1 para Converxencia 21 e outro para Compromiso x Galicia. Ademáis houbo 13 votos en branco e 26 foron nulos.
No noso municipio constituíronse seis mesas electorais: na mesa situada en Vilar de Lor votaron os veciños censados no Lor Alto e no Lor Baixo. Dun censo de 254 veciños emitíronse 180 votos, un 71,26%; deles 131 para o PP; 27 para o Partido Socialista;  14 para En Marea; 5 para o BNG; e 2 para Ciudadanos. Houbo tamén 1 voto en branco.
Na mesa de Soldón de Sequeiros, onde tamén votan os veciños de Montefurado, cun censo de 383 votantes, exerceron este dereito 271, o que supón un 71,02%. Nesta mesa o PP acadou 195 votos; o Partido Socialista 32;  En Marea, 28; BNG 10; 4 para Ciudadanos e 1 para Recortes Cero. Houbo tamén 1 voto en branco.
          Na primeira mesa do Centro Social, na que votaban os veciños censados na parroquia de San Martiño con apelidos comprendidos entre o A e o L, dun censo total de 646 recibiu 437 votos, un 69,50%. Por partidos políticos, o PP acadou 274; En Marea, 65; o Partido Socialista 51, o BNG 25, 7 para Ciudadanos, 1 para o partido Anticorrupción e 2 para Gañemos- Sí se puede. Houbo tamén 8 votos nulos e 4 en branco.
Na segunda mesa situada no Centro Social, onde votaban os apelidos dende o L ata o Z, a máis numerosa de todas, cun censo de 873 acadáronse 601 votos, o que supón un 70,68%. Nesta mesa o PP acadou 369 votos, En Marea 84, o Partido Socialista 76, o BNG 29, 22 para Ciudadanos, 2 para o Partido Animalista, 2 para Anticorrupción e 1 para Converxencia 21. Houbo tamén 13 votos nulos e 3 en branco.
        Na mesa situada na Casa da Cultura, que acollía os veciños das parroquias da Ermida e do Nocedo, dun censo de 200 votaron 156, un 78,50%: destes votos 98 foron para o PP; 31 para o Partido Socialista, 13 para o BNG; 11 para En Marea, 1 para Ciudadanos e 1 para Recortes Cero. Houbo tamén 1 voto nulo.
Finalmente, na mesa situada no Centro Social de Campos de Vila, onde votaron os veciños comprendidos entre as parroquias do Hospital e A Seara, cun censo de 589 persoas, recolleu un 72,67%, 420 votos. O PP acadou 273, En Marea 57; o Partido Socialista 56, o BNG 13, 10 votos foron para Ciudadanos, 2 para o partido Animalista e 1 para Compromiso x Galicia. Houbo tamén 4 votos nulos e 4 en branco.

13 sept 2016

COMEZA O CURSO 2016/2017 NO CEIP DE QUIROGA CON 147 ALUMNOS

Onte comezou o curso 2016/2017 no Centro de Educación Infantil e Primaria de Quiroga. 147 é o número de alumnos e alumnas que comezaron as clases, un número que se mantén igual que o curso pasado.

Coa volta ao cole comezaron tamén a funcionar os servizos de transpote e comedor do centro educativo.

O curso 2016/2017 prolongarase ata o 23 de xuño. En canto ás vacacións, as do Nadal comezarán o 22 de decembro e os alumnos non volverán ás aulas ata o día 9 de xaneiro. O entroido volverá dar tres días libres a profesores e alumnos, 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo do 2017, mentres que a Semana Santa irá do 10 ao 17 de abril do mesmo ano.

Os alumnos manteñen tamén o horario do curso anterior, é decir, entran ás dez menos cinco da mañá e saen a unha e media para comer e voltan ás tres da tarde para retomar as clases ata as catro e media. Agás os venres que soamente teñen clases de mañá saíndo ás tres menos vintecinco, a excepción dos alumnos de comedor, que saen ás tres e media.


Precisamente co servicio de comedor presentase un novo problema para o centro educativo, xa que conta con máis solicitudes das prazas que ten concedidas, en concreto son 13 alumnos os que quedan fora. A directora do centro, Ana Nuñez, mandou unha mensaxe tranquilizadora aos pais xa que o colexio solicitou a Xunta de Galicia a ampliación deste servizo para que ningún neno quede fora.

36 EMPRESAS OPTAN A AMPLIACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL

Un total de 36 empresas presentaron as súas ofertas para a execución de obras de urbanización no parque empresarial de Quiroga.
A Xunta licitou en agosto as correspondentes actuacións e o prazo para a presentación de ofertas rematou o pasado 9 de setembro. Estas actuacións licitáronse por un importe de 356.000 euros, cun prazo de execución de dous meses.

Urbanizarase o polígono D do parque empresarial dado que no mesmo existe demanda de solo e as parcelas urbanizadas están esgotadas. As obras consistirán fundamentalmente na prolongación dun vial xa existente ata o límite do parque empresarial, resultando 11 parcelas destinadas ao asentamento de empresas. A ampliación contará cunha superficie de 15.736 metros cadrados.

4 ago 2016

HOXE COMEZAN AS FESTAS DE VERÁN

          Quiroga comeza esta tarde as súas festas de verán, que se prolongarán ata o domingo.

As festas abriranse cun festival de música e danza tradicional na praza España, no que actuarán os grupos de danzas San Martiño e Arume da Queiruga e a banda de gaitas San Martiño.

O venres contarase cunha actuación do mago Dani García no parque da Constitución, xunto antes do inicio da XI Festa da Comunidade, para a que xa se poden adquirir as entradas para degustar unha gran paella; e que rematará coa actuación da banda Folk de Ribas de Sil.

Pasada a media noite, tocalle o turno á festa da xuventude, que se desenvolverá na zonas dos pubs, e que nesta ocasión contará coa actuación do grupo Gin Toni’s. Durante esta festa farase a entrega dos premios dos certames de poesía e fotografía da área de xuventude.

O sábado, día 6, pola mañá a banda de música de Xinzo de Limia fará unha alborada e dará un concerto diante da casa do concello. Pola tarde a praza España acollerá un espectáculo e un obradoiro de maxia a cargo de Apren-Deimi. A festa popular correrá a cargo da orquestra The Boys Machine e a verberna contará co grupo Atenas.

O domingo ao mediodía un novo espectáculo de animación de rúa a cargo de Troula Animación, nesta ocasión A Invasión Pirata. E pola tarde unha nova entrega do Concurso pinta con xiz no chan. A festa desta xornada virá da man do grupo Alkar e da orquestra Fania Blanco Show.

Durante estes días tamén haberá actividades deportivas, co II Torneo de Street Soccer; coa presentación do Quiroga nun encontro o sábado contra o Barco e coa disputa do Trofeo Xoiería Zafiro de veteranos entre Quiroga e Monforte.

Como remate das festas celebrarase o día 10 a XXV Mostra do Mel de Quiroga que estará animada pola charanga Terras do Bibei.


QUIROGA XA FORMA PARTE DO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS DA XUNTA

O alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, asinou o martes coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o convenio de adhesión do noso municipio ao Programa de Vivendas.

A conselleira de Vivenda destacou que Quiroga se convérteu no primeiro concello da provincia de Lugo que se suman a esta iniciativa, elevándose a 13 os municipios de Galicia que forman parte deste programa da Xunta

O obxectivo do programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do alugueiro –de 200 € -, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

A conselleira explicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financian un seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios. Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado.

                                                

1 ago 2016

EXITO DE PARTICIPACIÓN NA PRIMEIRA NIGHT TRAIL DE QUIROGA

 Quiroga acolleu o sábado a primeira Night Trail, ou carreira nocturna, organizada dende o departamento de deportes, e que contou con preto de 300 inscritos.

Sobre as nove da noite e ata o inicio das carreiras, a praza España acolleu clases de zumba, gratuitas para todo o mundo e no que participaban todas as persoas que quixeron.
  
Sobre as dez da noite comezaban as probas para os nenos que dependendo das idades facían un pequeno recorrido pola vila de Quiroga. En total foron tres as probas infantís.

A carreira que partía ás dez e cuarto da noite dende a praza España, tiña dous recorridos, un de 9,5 km, practicamente urbán e outro de 16 km que aínda que partían xuntos, separábanse á altura de Caspedro. O recorrido de 9,5 km dende Caspedro continuaba pola ruta da Encomenda, é decir por San Xulián de Arriba, Hospital, A Vergaza, A Ermida, o paseo Fluvial e remataba no punto de partida en Quiroga. A máis longa, dende Caspedro continuaba cara o Castelo, para ir polo monte e baixar cara a Vergaza, onde continuaba polo mesmo recorrido que a anterior. Ademais de correndo estes dous recorridos tamén se podían facer na modalidade de andaina.

Tratouse dunha proba bastante suave, accesible para todos os públicos, cunha quilometraxe baixa e sen grandes desniveis nin tramos técnicos, aínda que o 80% do circuíto foi por pistas e carreiros dos arredores de Quiroga. A graza estaba en que se trataba dunha proba nocturna.

 Para ambas as probas era obrigatorio o uso de luz frontal. Había un avituallamiento líquido e sólido en metade do percorrido, máis avituallamiento final en meta, e outros servizos como bolsa de corredor, duchas no pavillón municipal, gardarroupa, ou fisioterapia en meta.

O gañador absoluto foi o lucense Brais Rozados, cun tempo dunha hora, 17 minutos e 36 segundos; seguido de Javier Tourís e Pablo Israel  Rodríguez. Na categoría feminina a gañadora foi Pili Pérez, cun tempo de unha hora, 37 minutos e 27 segundos; seguida de Canmen Pan e Sandra Fernández.

No recorrido máis corto, Rubén Vázquez con 44 minutos e 44 segundos, foi o gañador e na categoría feminina foi Iria Otero con 57 minutos con 29 segundos.

Os mellores corredores locais  do trail de 16 km foron Mariano Álvarez e María Rodríguez, mentres que na andaina destacaron Alejandro Casanova e Rebeca Piñeiro.
  
Como remate da proba celebrouse unha pancetada para os participantes e unha festa con disco móvil.

20 jul 2016

ULTIMADO O PROGRAMA DAS FESTAS DE VERÁN

        O Concello de Quiroga xa ten ultimado o programa das festas de verán que se desenvolverán os día 4, 5, 6 e 7 de agosto.

As festas abriranse o xoves día 4 cun festival de música e danza tradicional na praza España, no que actuarán os grupos de danzas San Martiño e Arume da Queiruga e a banda de gaitas San Martiño.

O venres contarase cunha actuación do mago Dani García no parque da Constitución, xunto antes do inicio da XI Festa da Comunidade, para a que xa se poden adquirir as entradas para degustar unha gran paella; e que rematará coa actuación da banda Folk de Ribas de Sil.

Pasada a media noite, tocalle o turno á festa da xuventude, que se desenvolverá na zonas dos pubs, e que nesta ocasión contará coa actuación do grupo Gin Toni’s. Durante esta festa farase a entrega dos premios dos certames de poesía e fotografía da área de xuventude.

O sábado, día 6, pola mañá a banda de música de Xinzo de Limia fará unha alborada e dará un concerto diante da casa do concello. Pola tarde a praza España acollerá un espectáculo e un obradoiro de maxia a cargo de Apren-Deimi. A festa popular correrá a cargo da orquestra The Boys Machine e a verberna contará co grupo Atenas.

O domingo ao mediodía un novo espectáculo de animación de rúa a cargo de Troula Animación, nesta ocasión A Invasión Pirata. E pola tarde unha nova entrega do Concurso pinta con xiz no chan. A festa desta xornada virá da man do grupo Alkar e da orquestra Fania Blanco Show.

Durante estes días tamén haberá actividades deportivas, co II Torneo de Street Soccer; coa presentación do Quiroga nun encontro o sábado contra o Barco e coa disputa do Trofeo Xoiería Zafiro de veteranos entre Quiroga e Monforte.

Como remate das festas celebrarase o día 10 a XXV Mostra do Mel de Quiroga que estará animada pola charanga Terras do Bibei.

ABERO O PRAZO DE INSCRIPCIÓN DA XXV MOSTRA DO MEL

O Concello de Quiroga abriu hoxer mañá o prazo de inscrición para participar na XXV Mostra do Mel de Quiroga que se celebrará o vindeiro día 10 de agosto, mércores.

Os interesados deberán inscribirse na Casa da Cultura antes do venres, día 29 de xullo.


XA SE PODEN RETIRAR AS ENTRADAS PARA A XI FESTA DA COMUNIDADE

       Quiroga acollerá a venres 5 de agosto a XI Festa da Comunidade que un ano máis formará parte do inicio das festas de verán.

A festa, que se desenvolve no parque da Constitución acolle unha cea de paella, que por suposto irá acompañada de pan e bebidas. A sobremesa será unha tarrina de xeado.

Todas as persoas que queiran participar desta cea para a que se instalarán mesas e sillas, xa poden recoller a súa entrada, ao prezo de 6 € e á venda na casa da Cultura, no Centro Social, na librería Carmen, en Todo 100, en Loterías Ana e nos bares As Palmeras, O Portón, Quiper, Lago, Félix, Zorro, O Recuncho de Dino e o bar Dakar.


Como remate da festa, a partir das once da noite, a banda Folk de Ribas de Sil ofrecerá un concerto.

7 jul 2016

CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL: "QUIROGA EN DEBUXO"

A área de infancia do concello organiza un concurso de debuxo infantil para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade.
O debuxo terá como tema “Quiroga en debuxo” e deberá ser orixinal e realizado por calquera medio plástico; lapis, tinta, acuarela, acrílico, óleo, “collage”, gravado ou mixtos. O tamaño será de formato A4.     
No reverso do debuxo irán os datos do autor; nome e apelidos, teléfono e dirección. O debuxo presentarase na Casa de Cultura dentro dun sobre pechado coa idade e o nome do/a participante no seu exterior, antes do día 4 de agosto.
Existen tres categoría: A) De 3 a 5 anos. B) De 6 a 8 anos. C) De 9 a 12 anos.
A entrega de premios, que serán tres premios sorpresa por categoría, terá lugar nas Festas de Verán de Quiroga, o domingo día 7 de agosto ás oito do serán.

"quirogadiferente" NOVO CONCURSO FOTOGRÁFICO NAS REDES SOCIAIS

        O Concello de Quiroga  a través da Área de Xuventude e a OMIX de Quiroga convocan para este mes de xullo un concurso fotográfico a través da rede social Instagram e Facebook.
 O obxectivo deste certame, bautizado co nome de “quirogadiferente”, pretende que os veciños/as de Quiroga, mostren uns recunchos ou lugares diferentes ou pouco coñecidos do entorno do noso concello. O concurso consiste na publicación no Instagram e Facebook da Omix de Quiroga, das imáxenes realizadas.
Según as bases do certame, todas as fotografías téñense que publicar coa etiqueta #quirogadiferente ata o 1 de agosto. A organización tamén recomenda xeolocalizar as fotografías ou engadir unha etiqueta do lugar onde se fixo a foto.
A fotografía que ata o día 1 de agosto recolla máis “likes” será a gañadora. O premio para a fotografía gañadora consiste nunha cámara GoPro, cámaras estas, empregadas para gravacións e toma de fotografías en deportes ou ocio ao aire libre. A entrega do premio terá lugar nas festas de verán de Quiroga.

A participación no programa  é aberta, e gratuíta.

QUIROGA ACOLLERÁ O 30 DE XULLO A PRIMEIRA CARREIRA NOCTURNA

O departamento de deportes do concello organiza para o sábado día 30 a primeira Night Trail, ou carreira nocturna, que esta mañá presentaba o concelleiro de deportes, Andrés Novoa.

A carreira que partirá ás dez e cuarto da noite dende a praza España, terá dous recorridos, un que  terá un recorrido de 8km, practicamente urbán. A outra das carreiras, terá un recorrido de 16 km e separarase da primeira á altura de Caspedro. Os inscritos nesta carreira,  precisarán autorización paterna se son menores de 16 anos.

       Previo a carreira nocturna, ás dez da noite, haberá unha proba para nenos cun recorrido pola vila de Quiroga.

      Os interesados en participar nesta actividade, que tamén se pode facer andando, deberán de inscribirse antes do día 12 de xullo e abonar unha cuota de 9 €. Como remate da proba celebrarase unha pancetada para os participantes.

1 jul 2016

HOXE COMEZA O PLAN DE OCIO XUVENIL PARA OS MOZOS QUIROGUESES

         O Concello de Quiroga  a través da Ára de Xuventude ten programado para este mes de xullo un Programa de Ocio Xuvenil conformado por múltiples actividades (xincannas, xogos deportivos, noites de teatro, Play Station, xogos de distensión,etc).
Entre os  obxectivos perseguidos con estas actividades está o poroporcionar noites de ocio saudable aos preadolescentes evitando así que caian en rutinas de ocio pouco saudables, fomentar a interacción entre os rapaces/as favorecendo a socialización  e  o traballo colectivo.
As actividades, que comezan hoxe, desenvolveránse as noites dos venres e sábados ó longo  de todo o mes en horario de nove da noite ata a medianoite na  Casa da Cultura.

A participación no programa  é aberta,  non é preciso inscribirse antes, e tamén é gratuíta.

27 jun 2016

ALTA PARTICIPACIÓN E NOVA VICTORIA DO PP NAS ELECCIÓNS XERAIS

       2.190 quirogueses dos 2.975 que podían exercer o seu dereito a voto acudiron na xornada de onte ás urnas. Un 75,36 % de participación nunha xornada que se desenvolveu sen incidencias. Unha vez máis a forza máis votada foi o Partido Popular, que acadou cos seus 1.275 votos un 58,22 %; seguido a moita distancia do PSOE con 410 votos, un 18,72% e de Marea, que cos seus 305 votos e un 13,93%, pasa a ser a terceira forza máis votada. Xa a máis distancia sitúase ciudadanos, cun 4,38% que  lle dan os seus 96; e Nos-BNG con 34 votos e un 1,55% dos votos. Completan o escrutinio dos votos o partido animalista con 15 votos, e Recortes Cero con 3 votos. Tamén se contibilizaron 16 votos en blanco e 36 nulos.
         
Nestas eleccións constituironse seis mesas electorias, xa que dende as eleccións de decembro a mesa de Montefurado está integrada na de Soldón.
         
 No centro social de Quiroga instaláronse duas mesas, na mesa A, cun 70,52% de participación recolléronse 447 votos, dos cales 256 foron para o PP; 66 para o PSOE; e 79 para Marea. Ciudadanos acadou 24 votos, Nos-BNG 9 e o partido animalista 2 e Recortes Cero acadoron 1 voto, 2 dos votos foron en branco e 8 nulos.
         
Na outra das mesas situadas no Centro Social, recolléronse 645 votos, un 76,05% de participación. O PP acadou nesta mesa 340 votos; PSOE  113 e Marea 103. Ciudadanos obtivo 44 votos, Nos- BNG 12, o partido animalista 9, e 2 votos foron para Recortes Cero. Esta mesa recolleu 6 votos en blanco e 16 nulos.
         
     No centro social de Campos de Vila, cun 78,66% de participación recolléronse 595 votos. 266 para o PP; 97 para o PSOE, e 56 para Marea. Ciudadanos obtivo nesta mesa 19 votos, Nos- BNG 8 e o partido animalista 4. 6 votos foron en branco e 3 nulos.
         
A mesa situada no muiño de Soldón, onde votaron os veciñós que habitualmente o facían máis os de Montefurado, recolleu 289 votos, un 74,81%. Destes votos 204 foron para o PP. O PSOE acadou 42 votos e Marea 32votos. Ciudadanos obtivo 6 votos. Tamén se recolleron 2 votos en branco e 3 votos nulos.
         
Na cantina Bonifacio, en Vilar de Lor, cun 75,57% de participación acadáronse 195 votos, dos cales 126 foron para o PP, 44 para o PSOE, e 18 para Marea. Ciudadanos obtivo 1 voto e Nos- BNG 3. ademais 3 votos foron nulos.
        
Finalmente na casa da cultura de Quiroga, a mesa que contou con máis participación, xa que acadou un 79,00%, recolleu 155 votos. O partido popular con 83 votos, o PSOE con 48 votos e marea obtivo 17 votos. Ciudadanos obtivo 2 votos, Nos-BNG 2. Tamén se contabilizaron 3 votos nulos.
         
    Comparadas coas eleccións xerais do pasado mes de decembro a participación subiu duna 74,94 ata un 75,36. Tamén subiu en porcentaxe de votos o PP, a forza máis votada, que pasou dun 57,33, a un 58,22. Tamén subiu lixeiramente o PSOE que pasou dun 18,28 a un 18,72; e Ciudadanos que dun 4,10% dos votos pasou a un 4,38. Pola contra baixaron En Marea e Nos –BNG, que pasaron dun 14,35% a un 13,93 os primeiros e dun 2,36 a 1,55% os segundos.

Estes foron o resultados para o Congreso. Nestas eleccións votáronse duas papeletas, que se distinguían por cores, unha para o senado e outra para o Congreso.  A papeleta do Congreso era de cor branca, impresa por unha soa cara. Pola contra a papeleta do Senado é de cor sepia e común para todos os candidatos, polo que o elector podía por unha cruz ata un máximo de tres candidatos, acadou os seguintes resultados nas tres formacións máis votadas:

          Os candidados do Partido Popular, acadaron: José Manuel Barreiro 1.263 votos, Dámaso López, 1.248 e Sandra Vázquez acadou 1.249 votos. Os candidatos do PSOE,  Ricardo Varela obtivo 406 votos, Darya Fernández 396 e Manuel Dacosta 395. Finalmente os candidatos de Mareas acadaron Luis Manuel Daporta 258 votos, Carmén Pérez 235 e Modesto Renda con 220 votos.




17 jun 2016

ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA NENOS

Dende a Área de Educación do Concello de Quiroga, ofertase novamente para os nenos de 3 a 12 anos os Campamentos de Verán 2016,  que terán lugar de luns a venres, agás festivos, durante os meses de xullo e agosto. Concretamente, do venres 1 de xullo ao mércores  31 de agosto, en horario de once da mañá a duas do mediodía.
A entrada será para todos/as nenos e nenas na Casa da Cultura e a saída nas piscinas municipais, onde terán que recollelos.
Todas as actividades estarán adecuadas á idade dos nenos e nenas e haberá monitores  para cada un dos tres grupos de idade,  e unha supervisora para os tres grupos. Na piscina contarase cun socorrista para as clases de natación.
Para asistir aos campamentos, é necesario que os nenos e nenas de 3 anos teñan autonomía, ademais todos deben traer nunha mochila cómoda para eles, toalla, bañador, chanclas, crema solar, un pequeno tentempé, auga, muda e unha gorra.      
 Os nenos e nenas de 3 a 5 anos comezarán os campamentos con obradoiros de inglés ou expresión matemática, plástica, musical ou contando historias dependendo do día. A segunda hora estará ocupada por xogos e expresión corporal. As xornadas rematarán con natación e xogos na piscina.
 Os nenos e nenas de 6 a 8 anos comezarán con reforzo escolar ou obradoiros manuais, de inglés ou plásticos dependendo do día. A segunda hora estará enfocada a disitintos tipos de xogos para rematar tamén con natación e xogos na piscina.
Finalmente os nenos e nenas de 9 a 12 anos, comezarán, dependendo do día con coñecemento do mundo, reforzo escolar ou obradoiros de inglés. A segunda hora estará centrada tamén nos xogos e deportes para rematar a última hora con natación e xogos na piscina.
     Os campamentos teñen un custo por neno de 25 €/mes para os empadroados en Quiroga e de 35 €/mes para os non empadroados. Os irmáns que asistan aos cursos terán un desconto de 5 €/mes por irmán. Os asistentes de menos de 15 días pagarán 13 € por semana.

      As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos/as deben realizar a inscripción na Casa da Cultura antes do luns día 27 de xuño. O pago das cotas realizarase a principios de cada mes. Aquelas persoas que veñan de vacacións a Quiroga poderán inscribirse en calquera momento.

ESTA TARDE CLAUSÚRANSE AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

O pavillón municipal acollerá esta tarde a clausura das Escolas Deportivas. Os actos comezarán ás sete da tarde coa foto oficial dos distintos equipo e coa disputa dos encontros entre os distintos equipos. Ás oito menos cuarto contarase coa novidade da exhibición das alumnas de ximnasia rítmica, para rematar co tradicional encontro entre pais e fillos.
     A clausura da escolas deportivas rematará coa V Gala Cea do deporte quirogués, como recoñecemento aos eventos, deportistas e clubes da tempada 2015/2016.

A cea aberta a todas as modalidades deportivas, eventos  e amigos de todo o deporte quirogués, celebrarase no Restaurante Dimar, a partir das nove e media da noite.

9 may 2016

A PESAR DAS MALAS CONDICIÓNS CLIMATOLÓXICAS, NOVO ÉXITO DA MOSTRA DO ACEITE

    Quiroga acolleu onte a XVI Mostra do Aceite, evento que conta co recoñecemento da Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico de Galicia; e que unha vez máis a pesar das condicións climatolóxicas foi un éxito de público e de vendas.

Ás once e media da maña puxose en funcionamento o Muiño de Bendilló, para comezar coa demostración e elaboración tradicional do aceite. Todos os visitantes da mostra acuden a ver a demostración para saber cal era o proceso da elaboración do aceite artesanal de Quiroga. Esta demostración chama a atención de visitantes ano tras ano, que se sorprenden por un proceso que non viran nunca.

Ás doce do mediodía cataronse os seis aceites participantes na mostra no interior da capela das Farrapas. Estes seis aceites xa foron obxeto dunha precata anterior e tamén se lles realizaron as probas especificadas pola normativa europea para este tipo de productos, nun laboratorio especializado. O resultado da cata foi unha vez máis de aceite excelente.

A unha tiña lugar unha emotiva homenaxe póstuma a D. Guillermo Nogueira Veloso, co descubrimento por parte da súa viuva e o seu fillo dunha placa colocada nun monolito ao lado do muiño. Guillermo, propietario do muíño das Farrapas no que se realiza a demostración da elaboración artesanal do aceite o día da mostra, foi un dos impulsores da recuperación da producción do aceite  en Quiroga e tamén en toda Galicia. Xunto cos outros colleiteiros, colaborou co  Concello de Quiroga, impulsor e patrocinador do evento,  na organización deste certame dende a súa primeira edición, cando aínda  a colleita de aceite en Quiroga era casi anecdótica.

Durante toda a xornada no recinto feiral estiveron a venda aceite e productos típicos. Os seis aceites que concurriron a Mostra foron os de Guillermo Nogueira Veloso, Pedro Soto Losada, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, José Manuel López Maseda e Manuel Mondelo Rodríguez.

Todos eles coincidiron en que a colleita deste ano foi boa tanto en calidade como en cantidade e tamén moi boas foron as vendas acadadas nesta mostra.

Aínda que non hai datos oficiais, nestes momentos a producción de aceite de Quiroga pode rondar os 40.000 litros, dos que aproximadamente 5.000 son elaborados para a súa venda comercial, amparados pola marca Aceite de Quiroga, creada no ano 2010 polo concello para loitar contra a fraude e para a xudar a crear unha imaxen de calidade.

A música tradicional non faltou neste encontro, xa que actuaron as agrupacións locias: Grupo de danzas Arume da Queiruga, Grupo de Gaitas O Recanto, banda de gaitas San Martiño e o grupo Os Palletas.

14 abr 2016

NOVO CURSO DE TECIDO TRADICIONAL NO MUSEO ETNOGRÁFICO

       O Concello de Quiroga dende o Museo Etnográfico organiza un novo curso de tecido tradicional. Trátase do quinto curso no que se ensinará a elaboración de pezas en tear, para o que se utilizará o tear que se atopa no museo etnográfico. A recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.

O curso, que se iniciará o 25 de abril, ten corenta horas de duración, polo que rematará o 29 de xuño. As clases impartidas pola tecedeira de Visuña, Carmen Barreiro Díaz, desenvolveranse todos os luns e os mércores dende as seis da tarde ata as oito do serán.

No curso que ten un prezo de 20 €, realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.

As persoas interesadas en recibir máis información ou en participar deber dirixirse á Casa da Cultura, ben persoalmente ou a través do seu tfno: 982.43.51.25.; antes do 25 de abril.

8 abr 2016

XVI MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA


Spot da Mostra do Aceite de Quiroga (8 de maio do 2016).





A ELABORACIÓN DE AUGARDENTES, LICORES, CREMAS, SIDRAS E CERVEXAS, NOVO TALLER DA CONFRARÍA DO VIÑO

A Confraría do Viño de Quiroga, en colaboración co concello de Quiroga e a área de cultura da Deputación de Lugo, organiza un taller de elaboración de aguardentes, licores, cremas, sidras e cervexas artesanais; que se desenvolverá os días 2, 3 4 e 5 de maio.
O curso, de dez horas de duración e impartido por Manuel Sánchez, enólogo da adega Alan de Val, desenvolveríase na sala de catas do museo etnográfico en horario de sete e media da tarde a dez da noite.
O curso está deseñado para que os participantes aprendan nocións fundamentais de alcolería, destilación de augardentes e elaboración de almíbares. Así ademais da tradicional augardente de bagazao, aprenderase a elaboración de licor de herbas e licor café.
Outro apartado importantes do taller centrarase na elaboración de cremas e outros licores espirituosos, onde se ensinarán técnicas de elaboración da crema de augardente e de café; e licores como coñac, brandy, ron, whisky, bourbon, tequila, vodka, ginebra, anís, pacharán, pisco e hidromel. Tamén se falará sobre o embotellado e etiquetados destes licores.
O último apartado do curso centrarase na elaboración de sidras e cervexas artesanal.
O curso, dirixido a todo o público en xeral, ten un custo de 40 €. Os interesados en participar ou para recibir máis información deben dirixirse a casa da cultura antes do 27 de abril.