31 may 2013

O CONCELLO DE QUIROGA SOLICITA A DECLARACIÓN DE BENS DE INTERESE CULTURAL DO CONXUNTO DE HOSPITAL E DA IGREXA DA HERMIDA


 O concello de Quiroga remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia as memorias para a solicitude de apertura de expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto histórico-artístico do Hospital, integrado pola igrexa parroquial de San Salvador do Hospital, a Casa Torre de Hospital, a Casa da Encomenza (Pazo de Tor) e a Casa de Carballedo; ademais da igrexa parroquial de Santa María da Hermida.


Tendo en conta a complexidade dos elementos, nos vindeiros días remitiranse tamén á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as memorias para abrir os expedientes relacionados coas zonas mineiras máis significativas do concello de Quiroga: conxunto mineiro de Montefurado, conxunto mineiro da Seara, conxunto mineiro de Penafurada, entre Paradaseca e Paradapiñol, conxunto mineiro das Covas e conxunto mineiro de Margaride.

 
Deste xeito, o Concello de Quiroga aspira a acadar un recoñecemento especial para varios dos enclaves máis importantes do seu extenso territorio xa que todos os elementos do patrimonio cultural quirogués contan xa co máximo grao de protección conferido pola súa inclusión no Plan xeral de ordenación municipal.

 
O catálogo do Plan xeral de ordenación municipal de Quiroga recolle e protexe: 66 explotacións mineiras, 20 mámoas, 35 asentamentos castrexos, 2 zonas de petroglifos, 3 pontes, 21 igrexas parroquiais, 39 capelas, 2 cruceiros, 14 casas solariegas, 1 castelo e 7 ferrerías.

24 may 2013

A MOSTRA DO ACEITE DECLARADA FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA


O Consello da Xunta de Galicia de onte, 23 de maio, decidiu a concesión da distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Mostra do Aceite de Quiroga, que este ano celebrou a súa XIII edición e que ven celebrándose de xeito ininterrompido dende o ano 2001.

 

A solicitude de Festa de Galicia de Interese Turístico, por parte do Concello de Quiroga, para a celebración da “Mostra do Aceite de Quiroga” fíxose en base a que esta celebración supón unha manifestación popular, de grande valor cultural e das tradicións populares, que ten unha especial importancia como atractivo turístico pola súa singularidade; convén apuntar como dato significativo que as terras de Quiroga son o único punto do noroeste peninsular cunha prolongación ata Salamanca, onde a oliveira forma parte dos cultivos existentes.

 

Unha vez acado este galardón, o Concello de Quiroga convértese no único de Galicia que reúne no seu territorio as seguintes distincións: Concello de Interese Turístico, o día 8 de maio de 2005, Monumento Natural para o Sinclinal da Serra do Caurel, o día 26 de abril de 2012 e agora Festa de Galicia de Interese Turístico para a Mostra do Aceite de Quiroga.

 

A decidida aposta por parte do Concello de Quiroga, durante os últimos anos, de quitar o máximo rendemento das súas potencialidades está a dar os seus froitos coa consecución destes recoñecementos institucionais, que axudarán, a rentabilizar, protexer e espallar o seu patrimonio cultural e natural.

23 may 2013

ABERTO O PRAZO PARA PRESENTAR OFERTAS PARA A XESTIÓN DO ALBERGUE MUNICIPAL


O martes abriuse o prazo para presentar as ofertas para a xestión do Servizo de Albergue Municipal de Quiroga, tras a publicación do anuncio de contratación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia.

 

De conformidade co acordo plenario de 25.4.2013, procédese á convocatoria do pro­cedemento para a adxudicación do contrato de xestión do Albergue Municipal de Quiroga, por un período mínimo de 2 anos.

 

 Trátase dun procedemento aberto de tramitación urxente, para o que se presentarán as solicitudes en dous sobres pechados no Rexistro Xeral do Concello, antes do dez de xuño.

 

Para a obtención de documentación ou máis información deben dirixirse á secretaría do concello.

QUIROGA ACOLLE ESTE SÁBADO A PRIMEIRA RUTA MOTONÁUTICA POLOS CANÓNS DO SIL


A Federación Galega de Motonáutica e o concello de Quiroga, co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, organizaron a primeira ruta do campionato galego de turismo de motonáutica polos Canóns do Sil, para este sábado, día 25 de maio.

 

Trátase dunha ruta puntuable para o campionato galego de turismo 2013. Os participantes sairán ás once e media da mañá dende Augasmestas para chegar ata o encoro de San Estevo e volta ata o lugar de saída. En total un recorrido de 44 millas, 82 quilómetros.

 

Os participantes que rematarán a proba sobre as duas da mediodía, disfrutarán o seu remate dunha comida nun restaurante local. Todos os participantes recibirán un recordo conmemorativo da proba e ademais os tres primeiros clasificados levarán un trofeo.

10 may 2013

O CONCELLO DE QUIROGA ORGANIZA DIFERENTES ACTOS CO GALLO DA CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS


   O Concello de Quiroga co gallo da celebración do Día das Letras Galegas que este ano está adicado a Roberto  Vidal Bolaño organiza varios actos.
   As 12.00 do mediodía inaugurase na sala de exposicións da casa da cultura os traballos presentados o concurso de debuxo infantil dos anos 2007 ata o 2013, organizados pola Área de Educación. A continuación terá lugar a entrega de premios do concurso de debuxo infantil e do certame de narración deste ano.
   Xa as 12:30 na Casa do Concello faraselle unha pequena homenaxe a tres veciños de Margaride, coñecidos como os Cantores da Seitura,tamén,  terá lugar a recepción os colectivos culturais e para rematar actuará a Banda de Gaitas San Martiño.
 
      Os actos desta xornada festiva continuarán as sete da tarde no auditorio municipal cunha obra de teatro a cargo da compañía Ni Fu Ni Fa Animación, coa obra que leva por título “Contos dos sete mares”·