26 nov 2009

REPULSA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

Onte, día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o departamento da muller do concello presentou o II Plan de Igualdade de Oportunidades para Homes e Mulleres 2009 - 2010, na casa consistorial.

A concelleira da área social, Ana Núñez, foi a encargada de presentar o plan de igualdade, acompañada das outras duas concelleiras da corporación, Mª Carmen Armesto e Maximina Canseco.

Coincidindo con esta presentación leuse un Manifesto contra a Violencia Machista. Todalas persoas que o desexaron poideron asinar este manifesto, para o que se instalou unha mesa na entrada do consistorio dende as dez da mañá.

A todalas persoas que se achegaron ó longo da mañá a asinar o manifesto, persoal do Centro de Información á Muller, fixolle entrega dun lazo branco como símbolo da súa solidaridade en contra da violencia machista.


23 nov 2009

NOVO DEPÓSITO DE AUGA PARA QUIROGA

O rexedor local, Julio Alvarez, acompañado dos concelleiros Mª Carmen Armesto e Angel Rodríguez Raposo, ademáis dun técnico municipal, achegouse ata a zona da Hermida, onde están situados os tanques da traída de auga municipal.

Nesta zona, ó lado do tanque da auga construiuse un novo depósito cunha capacidade semellante o xa existente, uns 300.000 litros, que albergará a auga que se captará na zona de Leixazós.

A construcción do depósito e do equipo de decantación que se lle instalará conta cun presuposto duns 123.500€, con cargo o plan estatal, o chamado plan E.

A obra do depósito, así como a da canalización da nova traida están prácticamente rematadas, polo que se agarda que a finais de ano ou principios do vindeiro, poida entrar en funcionamento. Con esta ampliación na traida de augas municipal subsanaranse os problemas de presión que en momentos puntuais da época estival sofrían os veciños de Pacios de Mondelo e tamén os das zonas máis altas da vila quiroguesa.

19 nov 2009

CAMIÑO DO FERRADAL: NOVA RUTA TURISTICA

Traballadores do concello adscritos ó plan Laxa están rematando os traballos de acondicionamento dun camiño que une Rugando con Soldón, coñecido como camiño do Ferradal ou da Caleira.

Os traballos consisten no acondicionamento deste camiño pechado prácticamente en todo o seu recorrido, para o que foi preciso incluso a construcción de varias pontes de madeira.

Este camiño está considerado polo concello quirogués coma un magnífico expoñente de ruta de cara á utilización turística, xa que ademáis da beleza paisaxística pola que discurre ás beiras do río Soldón, conta cunha serie de valores patrimonias como son os xacementos arqueolóxicos das súas inmediacións.

O camiño destaca por ter varias partes configuradas sobre rochas, onde o paso dos carros dos bois deixou pegadas considerables. Entre as hipótesis baralladas polos estudosos, o concello cre que foi un dos camiños máis usados para transportar o ferro da ferrería de Rugando, hoxe transformada en casa de turismo rural.

Ademáis do acondicionamento deste camiño, o goberno municipal xa tramitou os correspondentes permisos administrativos, para poñer en valor os restos arqueolóxicos que hai nas inmediacións do seu recorrido, como son unha mina de ouro romana e dous tramos de canal de distribución de auga doutra explotación de ouro.

18 nov 2009

DESPRENDEMENTOS NA ESTRADA DO CAUREL

Na mañá de onte martes, tivo lugar un importante desprendemento de terra e pedras na estrada que une Quiroga con Folgoso do Caurel, preto do cruce de Campodola.

As intensas choivas destes últimos días provocaron que se baixara parte da montaña nun talud realizado por mor das obras de contrucción da nova estrada.

Durante un tempo a estrada estivo completamente cortada ó tráfico, xa que os desprendementos ocupaban case os dous carriles, pero operarios que están a traballar nesta obra, abriron rapidamente un carril para deixar paso á circulación.

Ó longo de toda a mañá soamente estivo un carril operativo e o tráfico quedou regulado por un semáforo.

Agora a dificultade entraña en evitar máis desprendementos xa que a montaña segue ameazando con desplomarse e os técnicos están a estudar cal é a mellor maneira de conter o talud.

MIRADOIRO NO TUNEL DE MONTEFURADO

Comenzaron as obras de construcción dun novo miradoiro que permitirá contemplar a zona de Montefurado.
Trátase dun miradoiro construido na estrada da Enciñeira para contemplar o tunel romano de Montefurado dende a súa cara oeste, o que se corresponde coa “boquilla” de saída do tunel, a súa boca máis espectacular e tamén a máis descoñecida.

Nestes momentos estase construindo a base do futuro mirador a base de ferro e formigón, a continuación construirase o miradoiro propiamente dito con base en lousa e laterais en pedra ornamental.

Para rematar a construcción instalaranse paneis explicativos de todo o val do río Sil que se contemplará dende o mirador, destacando o tunel e as médulas romanas.

Na súa construcción están traballando membros do plan Laxa e conta cunha subvención do Grupo de Desenvolemento Rural, GDR, Ribeira Sacra.

4 nov 2009

NOVA INVERSION ESTATAL EN QUIROGA

O concello de Quiroga recibirá un investimento de 420.970 euros, dos que poderá destinar un 20%, ao financiamento dos gastos correntes pola prestación de servizos sociais de competencia municipal.

Este investimento ven do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local, o chamado plan E, e foille comunicado o luns aos 67 concellos da provincia, nunha reunión á que asistiu o concelleiro de Medio Rural, Manuel Mondelo. Na convocatoria participaron o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; o presidente da Fegamp, Carlos Fernández e o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe.

Con este novo investimento estatal pretendese crear 1.500 empregos en toda a provincia, dando prioridade aos parados de longa duración e aos autónomos que cesaron na súa actividade.

O concello de Quiroga dispon de tres meses para presentar os proxectos que se financiaran con este plan. Éstos terán que ser de nova planificación, é dicir, que non figuren nos orzamentos dos anos 2009 e 2010. Ademais as actuacións deberan empezara a executarse a partir do 1 de xaneiro do ano próximo.