24 dic 2014

FELICES FESTAS


I ANDAINA-CARREIRA SOLIDARIA DE QUIROGA

O departamento de deportes  do Concello de Quiroga vai a celebrar a I Carreira Solidaria o día de fin de ano, 31 de decembro ás cinco da tarde. Esta vai a ser unha proba non competitiva e solidaria.
A inscripción será totalmente gratuita a cambio dunha achega voluntaria de 2 kilos de comida non perecedeira para entregar no Banco de Alimentos de Lugo.
A Primeira Carreira Andaina Solidaria San Silvestre de Quiroga terá un percorrido de tres kilómetros e medio llanos, coa saída e a chegada diante do concello.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse na casa da cultura, no concello de Quiroga ou unha hora antes do inicio da proba. Todos os participantes serán agasallados cun nariz solidario.

SEN NOTICIAS DO VECIÑO DESAPARECIDO EN CAMPODOLA

Seguese sen noticias do veciño de Campodola, Vicente Alvarez Vieiros, que leva desaparecido dende o pasado martes pola tarde cando saiu do seu domicilio acompañado por dous cans da sua propiedade.
O grupo de emerxencias municipal, acompañado por membros de Protección Civil, da Garda Civil e do Servizo de Seprona da Garda Civil, están percorrendo as inmediacións do pobo en busca do desaparecido. Esta mañá voluntarios de Quiroga sumáronse a este dsipositivo de búsqueda.
Ata o de agora os resultados do perativo foron negativos polo que a Garda Civil decidiu recurrir a cans especializados na búsqueda de cadáveres para atopar ao home, xa que se pensa, que resultaría case imposible que este veciño se atopase con vida despois de pasar tantos días no monte e á intemperie coas baixas temperaturas rexistradas.
O dispositivo está peinando dende hai sete días un amplo radio de cobertura ao redor do núcleo de Campodola, para tentar dar con algunha pista que indique o que lle puido acontecer a este veciño, ou do seu paradeiro.

Os equipos peitearon toda a montaña do pregamento de Campodola, os camiños que puido facer o desaparecido e as inmediacións da aldea na que el e a súa parella son os últimos habitantes, pero de momento non hai nin rastro do home.

COMEZAN OS PREPARATIVOS DA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

        Xa se reuniu a comisión organizadora da XXXIII Feira do Viño de Quiroga, que terá lugar os días 4 e 5 de abril. Nesta reunión creáronse as distintas subcomisións para ir perfilando o programa do evento.
        Seguindo a tradición, cada ano nun tramo da rúa Real, nesta edición o recinto feiral situarase na parte de arriba da rúa.
        Tamén se acordou abrir o prazo de inscrición dos colleiteiros interesados en participar, do 9 ao 23 de xaneiro,  e perfiláronse os requisitos para participar na XXXIII edición:
- Cantidade  mínima: 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega.
- Graduación alcohólica mínima:        12 º para o viño branco.
                                                           11,5 º  para o viño tinto.
- Acidez volátil máxima:            0,5 gr. acético/l. para o viño branco.
                                                  0,6 gr. acético/l. para o viño tinto.
          Unha vez rematado o prazo de inscrición, procederase a recollida das mostras para realizar os análises organolépticos dos caldos. 

CONCERTO SOLIDARIO DE PIANO A CARGO DO DOUTOR JOSEP RAMOS LARA

O Concello de Quiroga ten programado para o vindeiro domingo, día 28 a partir das 19:00 h, no Auditorio Municipal  de Quiroga o Concerto solidario de Canto e Piano “Peasant Poms Música Cinematográfica”, a cargo de Josep Ramos Lara,  a favor da Asociación “Escuelas de la Tierra”.
          A entrada será de balde,  as persoas que queiran achegar os seus donativos a “Escuelas de la Tierra” poderán facelo nunha urna colocada a tal efecto. Membros desta asociación, veciños de Quiroga, explicarán a labor educativa  que desenvolven en países coma Bolivia e tamén en España.

Josep Ramos Lara,  comeza os seus estudos de piano, aos 16 anos, no conservatorio do Liceo de Barcelona, a súa cidade natal. Este seria o seu primeiro contacto coa música que pasaría a converterse nunha das súas grandes paixóns e cuxo estudo xa non abandonaría.

Máis tarde, buscando novos camiños para  complementar a súa formación musical, empeza a formarse como cantante. Como o seu interese pola musica vai en aumento, continua ampliando os seus estudos en canto, piano e composición no conservatorio Calouste Gulbenkian de Aveiro (Portugal), na “Escuela Hispano Rusa de Altos Estudios Musicais” e na Escola Berenguela de Santiago.


Paralelamente a esta faceta, está a académica que o levou a facer medicina, outra das súas paixóns. Actualmente exerce a súa profesión no PAC de Quiroga.

19 dic 2014

CONCERTO DE NADAL

O concello de Quiroga organizou para mañá sábado, a partir das sete da tarde, o tradicional concerto de Nadal.

O concerto inclúe un ano máis as actuacións da banda de gaitas San Martiño, dos grupos de baile Arume da Queiruga e San Martiño, e da Coral Polifónica de Quiroga; así como dos alumnos e alumnas das clases de piano.


Ao longo deste festival tamén se fará a entrega dos premios dos concursos de postais de Nadal e do X certame de relato curto.

CONCERTO GREGORIANO NA ERMIDA

           Este domingo, na parroquia da Ermida tera lugar unha misa-concerto de Nadal a cargo da Schola Gregoriana Lucensis. Como consecuencia: ese día non haberá misa pola maña na parroquia da Ermida, a misa será ás 17:30. Esta misa estará presidida polo párroco José Luis Regueiro González, delegado do clero lucense.

          O concerto está organizado pola Parroquia Sagrado Corazón de Lugo, en agradecemento pola "Operación Kilo" que se desenvolveu dende as parroquias de Quiroga e o Caurel.

ESTA MAÑÁ PRESENTOUSE O LIBRO "OS BOLECHAS VAN A QUIROGA"

O Concello de Quiroga ven de editar o libro “Os Bolechas van a Quiroga”. A presentación desta obra de Pepe Carreiro editada  na editorial Bolanda, tiña lugar esta mañá, no Salón de actos da Casa da Cultura. Ao acto asistían autoridades locais e  os alumnos e alumnas do CEIP de Quiroga, aos que o Concello agasallou cun exemplar da obra.
          O obxectivo deste libro é, dar a coñecer o inmenso  patrimonio artístico, paisaxístico, etnográfico e cultural que agocha o noso municipio a través das aventuras dos  supercoñecidos e famosos personaxes dos Bolechas. Os protagonistas desta hitoria visitan os principais puntos de interés turístico do concello coma o Castelo dos Novaes, a Igrexa da Ermida e a de Hospital, Montefurado, a Mina romana de Margaride, o Pregamento de Campodola, ou a Lagoa de Lucenza. Presentando  ao lector  os importantes recursos turísticos cos que conta esta Comarca.
          Estamos ante unha  guía turística de promoción do Concello de Quiroga que, a través dos nenos e nenas, chegará ao público familiar fomentando o turismo no municipio.

          O libro poderá adquirirse, nas librerías da vila que estean interesadas en poñelos á venda e tamén no Museo Etnográfico e no Museo Xeolóxico.

CONTINÚA A BUSQUEDA DO VECIÑO DE CAMPODOLA DESAPARECIDO

Continúa a búsqueda do veciño de Campodola, Vicente Alvarez Vieiros, que leva desaparecido dende o pasado martes pola tarde cando saiu do seu domicilio acompañado por dous cans da sua propiedade.
Por terceiro día consecutivo, o grupo de emerxencias municipal, acompañados por membros de Protección Civil, da Garda Civil e do Servizo de Seprona da Garda Civil ca unidade canina, están percorrendo as inmediacións do pobo en busca do desaparecido.
Esta mañá uníase ao operativo o grupo de rescate de Trives, para tentar dar co desaparecido, pero ata o de agora, a búsqueda aínda non deu resultado.
O dispositivo está peinando un amplo radio de cobertura ao redor do núcleo de Campodola, para tentar dar con algunha pista que indique o que lle puido acontecer a este veciño, ou do seu paradeiro.

Os traballos de búsqueda prolongaranse durante toda a xornada ata que o permita a luz do día ou ata que se atope algunha pista do seu paradeiro.

5 dic 2014

CONVOCADOS OS CONCURSOS INFANTÍS DE POSTAIS E POESÍA DE NADAL

A área de Educación do concello organizou o concurso de Postais de Nadal para nenos e nenas de 3 a 12 anos.
As postais realizadas en medio folio, evidentemente tendo como tema o Nadal, deberán de presentarse na Casa da Cultura antes do 18 de decembro.
As postais deberán de presentarse acompañadas dun sobre pechado no que se incluirán os datos do autor.
Establécense cinco categorías para o concurso. Categoría A para os participantes de 3 a 4 anos; B para participantes de 5 a 6 anos; categoría C de 7 a 8 anos; categoría D de 9 a 10 anos; e finalmente categoría F para os participantes de 11 a 12 anos.

 Os premios, que serán premios sorpresas, entregaránselle aos gañadores o sábado 20 de decembro.
E a biblioteca pública municipal de Quiroga convoca o certame de poesía  infantil  “nadal 2014” (fase local), no que poden participar todos os nenos e nenas, con poemas sobre o tema xenérico de “O NADAL”.

          Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos. Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán escritos en galego e a súa extensión  será como máximo dun folio por unha soa cara. Con cada traballo,  acompañarase  unha folla co nome e demais datos do autor.

          O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 22 de decembro, debendo  ser entregados  polos seus autores na  Biblioteca Municipal.

          O  xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores  seleccionados recibirán cadanseu diploma e  libros. Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo  da Xunta de Galicia.

          O fallo do xurado local farase público antes de rematar a primeira quincena  de xaneiro de 2015.