11 dic 2017

INUNDACIÓNS E ÁRBORES CAIDAS COMO CONSECUENCIA DO PASO DA ANA

O temporal de auga e vento tamén chegou a Quiroga. Inundacións, estradas cortadas e árbores caídas foron as consecuencias da borrasca Ana.

As incidencias que deixou en Quiroga foron maioritariamente por árbores caídas sobre as pistas e inundacións de sótanos. Na Vacariza o temporal tirou co tendido eléctrico.

Dende a tarde de onte o Grupo de  Emerxencias, GES, traballou intensamente. Primeiro nas nunmerosas inundacións sofridas por sótanos dentro do casco urbán da vila. E despois na retirada de árbores na Goia e a Campa do Val. Esta mañá tamén se retiraron árbores na pista de acceso á Casa do Vello e a Sequeiros que impedían o acceso a estes dous núcleos.

 A Grupo de Emerxencias, rematou esta mañá todas as incidencias notificadas e que deixou o seu paso a intensa borrasca que achegou intensas precipitacións e fortes rachas de vento.




1 dic 2017

"MONTAÑAS DO COUREL" CANDIDATO A XEOPARQUE DA UNESCO

O proxecto Xeoparque Montañas do Courel, conta coa carta de apoio da Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, polo que a comarca está agora en mans deste organismo internacional para a concesión de Xeoparque Montañas do Courel. Así o anunciaron esta mañá o alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro e a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; os tres concellos que conforman o territorio candidato a Xeoparque.

Na presentación tamén estiveron acompañados por representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, manifestando o seu apoio institucional a este proxecto.

No mes de novembro o Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra – Courel, en colaboración coa Comisión de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España, desenvolvía  unhas xornadas sobre o patrimonio xeolóxico nas montañas do Courel, á que acudía a Comisión de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España. A comisión Xeolóxica aproveitaba estas xornadas para realizar unha reunión e coñecer o terreo do posible Xeoparque.

Tras esta visita, agora chegou a confirmación de que a Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco emitiu  un informe favorable, polo que a comarca está a elaborar  unha candidatura firme e a espera da resposta da Unesco á concesión de Xeoparque Montañas do Courel.

Un xeoparque é un territorio que presenta un patrimonio xeolóxico notable e que leva a cabo un proxecto de desenvolvemento baseado nunha promoción turística, pero sen ningún tipo de restrición. O pregamento de Campodola – Leixazós, numerosas covas, restos fósiles de flora e fauna extinguidas ou os retos da minería romana avalan o extenso patrimonio xeolóxico.

O proxecto comezaba xa no ano 2004 coa inauguración do primeiro miradoiro xeolóxico de Galicia, o miradoiro de Campodola-Leixazós. Desde entón, fóronse realizando numerosas accións conducentes á posta en valor do patrimonio xeolóxico da comarca.

No 2010, continuouse coa dotación de novos miradoiros: o Miradoiro de Fisteus e o Miradoiro de Montefurado. Un ano despois inaugurouse o Museo Xeolóxico de Quiroga, destinado a difundir e poñer en valor os principais recursos xeolóxicos de toda a comarca e que a día de hoxe é un referente en Galicia, recibindo no 2016 o premio da Cámara Mineira de Galicia polo seu labor de divulgación, e tamén un referente dentro do programa Terra do colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para as visitas de escolares. Organizáronse as primeiras xornadas sobre xeoloxía da comarca en Quiroga.

No ano 2015, os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil únense para  impulsar a creación dun xeoparque -sería o primeiro de Galicia- que englobaría os principais elementos do patrimonio xeolóxico da zona. A superficie da proposta é de 578 km2, a totalidade dos tres concellos e nos que residen uns 5.720 habitantes.
         
No 2016 formalizan a constitución dunha asociación, denominada Montañas do Courel, coa finalidade de traballar para conseguir o recoñecemento da comarca dentro da categoría eoparque Mundial que concede a Unesco. O seguinte paso do proxecto, é a configuración do comité científico que traballa na elaboración dos documentos técnicos dos recursos da comarca. Doutra banda, apostouse por dispoñer unha estreita relación con todas as universidades galegas e de maneira especial cos investigadores que están a desenvolver o seu labor científico sobre este territorio.

A candidatura dispón na actualidade de apoio económico dos tres concellos implicados, así como do GDR Ribeira Sacra-Courel, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia. Apoian a candidatura as asociacións culturais do territorio, clubs deportivos, empresas de turismo, o colexio oficial de arquitectos de Galicia, a Cámara Mineira de Galicia e asociacións e empresarios mineiros da comarca.

O gran paso deste proxecto foi este mesmo ano cando o Comité Nacional Español de Geoparques informaba favorablemente a proposta presentada pola Asociación Montañas do Courel. Este informe era o primeiro filtro que debe superar calquera proposta antes de que a Comisión Nacional de Cooperación coa UNESCO aprobase a carta de apoio, para presentar definitivamente a candidatura oficial a xeoparque. O proxecto Xeoparque Montañas do Courel está agora á espera da decisión da Unesco que se saberá dentro dun ano.