28 feb 2017

O DÍA 14 DE MAIO TERÁ LUGAR A XVII EDICIÓN DA MOSTRA DO ACEITE DE QUIROGA

A comisión organizadora da Mostra do Aceite de Quiroga reuniuse para tomar os seguintes acordos:

-A XVII Edición da Mostra do Aceite de Quiroga no muíño de Bendilló terá lugar o día 14 de maio de 2017.

-Os aceites inscritos na mostra pasarán un análise nun laboratorio especializado e dúas catas; unha previa á mostra e outra comentada durante a celebración da mesma.

-Tamén se fixou o prazo de inscrición para os colleiteiros que desexen participar na mostra, este estará comprendido entre os días 2 e 9 de marzo .

Como nas edicións anteriores mediante un bando comunícaselles aos interesados, ademais do prazo para anotarse, os requisito que deberán cumprir para poder participar:

-Deberán ter unha colleita mínima de 200 l. de aceite.

-Aboar a cantidade de 100 € de inscrición, ou ben facilitar a cantidade equivalente en aceite.

-Achegar as mostras da súa produción para a súa análise e someterse aos controis que a Comisión Organizadora estime oportunos.

-A comisión organizadora recollerá mostras ao azar para a súa cata o día da Mostra.

A selección dos participantes, xa que o número de colleiteiros será limitado a 6,  farase tendo en conta o seguinte criterio:

1.-Rigoroso orde de inscrición nas oficinas municipais por rexistro de entrada.

2.-O resultado aceptable do análise químico e organoléptico que determinará o laboratorio especializado que se dispoña.


No momento de formalizar a inscrición nas oficinas xeras da Casa do Concello é obrigatorio presentar unha mostra de 1 L en envase de cristal para o seu análise e cata correspondente.

13 feb 2017

A XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE DESPRENDE QUE OS DELITOS REXISTRARON UN DESCENSO NO CONCELLO DE QUIROGA NO ANO 2016

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, copresidiron  a reunión da xunta local de seguridade do municipio, na que participaron ademais representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
 Segundo os datos oficiais, a tasa de criminalidade de Quiroga sitúase nas 10,44 infraccións penais por cada mil habitantes, máis de dez puntos por debaixo da media provincial e máis de dezasete por debaixo da media galega.
 Das estatísticas da Garda Civil expostas no encontro despréndese tamén que os delitos de maior consideración (entendendo como tales os delitos catalogados como graves e menos graves) rexistraron un significativo descenso no concello quirogués en 2016 con respecto ao ano anterior, superando esa baixada o 35%. De feito, descenden os delitos contra o patrimonio –que rexistraron unha media inferior a unha denuncia ao mes durante o ano pasado- como tamén os delitos contra as persoas e contra a seguridade colectiva, incluíndo esta tipoloxía os delitos contra a saúde pública e contra a seguridade vial, principalmente.
 Os membros da xunta local comprometéronse a seguir traballando conxuntamente para manter a tendencia descendente na evolución delincuencial no municipio e para esclarecer os delitos que se chegan a cometer. Durante o ano pasado, os axentes da Garda Civil do posto de Quiroga detiveron a 5 persoas e imputaron a outras 2 pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delito.
 O subdelegado do Goberno informou tamén na xuntanza desta mañá do traballo realizado os centros de ensino de Quiroga ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas.
 Ramón Carballo lembrou que este plan, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade, busca reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos. 
 No primeiro trimestre do actual curso académico, membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado impartiron dúas charlas en centros educativos de Quiroga, nas que abordaron os riscos en internet e o acoso escolar. Estas son precisamente as temáticas que rexistraron a maior demanda por parte dos centros galegos no que vai de curso.
 No presente ano lectivo, beneficiáronse do Plan director un total de 2.574 persoas de 94 centros educativo de toda a provincia

A QUIROGUESA MÓNICA FERNÁNDEZ NOMEADA MELLOR SUMILLER DO MUNDO POLA ACADEMIA INTERNACIONAL DE GASTRONOMÍA

A quiroguesa Mónica Fernández Núñez, mellor sumiller do mundo 2017 para a Academia Internacional de Gastronomía. Nada en Quiroga, con 20 anos marchouse da súa localidade natal e é actualmente a directora de sala no restaurante de Madrid 99 Sushi Bar. Traballou anteriormente no prestixioso restaurante madrileño Kabuki.
En Madrid conseguiu o título de xefa de sala e catadora nos cursos da Cámara de Comercio.
Non é o primeiro recoñecemento que recibe, xa que o xurado dos Premios Nacionais de Gastronomía elixiuna como mellor xefa de sala de España.
Mónica Fernández naceu hai 42 anos na aldea de Orxais, no municipio de Quiroga. 
Na actualidade, é a directora de sala e catadora do Grupo Bambú. Entre as funcións do seu posto está a formación e supervisión dos equipos de sala en todos os locais, así como o deseño das cartas de viños.
Mónica Fernández é unha destacada catadora e participa habitualmente en acontecementos relacionados co mundo do viño, ademais de formar parte do comité de cata da coñecida Guía de Viños Gourmets.

Ao longo da súa carreira profesional ha obtido diferentes galardóns, entre os que destaca o premio á “Excelencia Turística de Madrid” como mellor directora de sala do ano 2009, concedido pola Cámara de Comercio de Madrid e Premio Nacional de Gastronomía “Mellor Director de Sala” en 2016. Nomeada en 2017 ao “Prix au Sommelier” (Mellor Sumiller Mundo) pola Academia Internacional de Gastronomía.

O PASADO DOMINGO O NOVO PÁRROCO, DON RAMÓN PÉREZ, OFRECÍA A SÚA PRIMEIRA EUCARÍSTÍA EN QUIROGA

  Gran acollida a que tivo na igrexa San Martiño de Quiroga o novo párroco   Don José  Ramón  Pérez  García , que dende onte estará o servizo dos ferigreses pertencentes as parroquias de  San Martiño de Quiroga,  San Lourenzo do Nocedo,  San Clodio e Ribas de Sil ,  Santiago de Augasmestas,   Santa Mariña de Barxa de Lor, Santa María de Cereixido,  Nosa Señora das Neves de Nogueira, San Marcos de Paradaseca, San Cristobo de Piñeira,  Santa Lucía de Rairos,  Santa María de Sequeiros,   Santiago de Soutordei,  Santa María de Torbeo, e San Lourenzo de Vilarmel.

   O novo párroco estrenábase na igrexa de San Clodio as doce do mediodía, e a unha da tarde faríao en Quiroga ante unha repleta igrexa de San Martiño, que estaba chea de ferigreses desta e doutras parroquias que quixeron darlle a benvida o novo cura.


  Don Ramón, que  estaba acompañado por Don Manuel Cardenal e por Don Jesús Río, dedicoulles unhas palabras a todas as persoas que ían a presenciar a súa primeira eucaristía.

XA ESTÁ NA RÚA O FOLLETO DA PROGRAMACIÓN CULTURAL PARA OS VINDEIROS MESES

O Concello  de Quiroga  ven de editar o folleto da presentación da  programación cultural para os  vindeiros meses . As actividades que recolle o boletín  son  as  alternativas que o Concello de Quiroga oferta  aos veciños e veciñas de Quiroga  para o tempo de ocio e lecer  froito da  coordinación entre os distintos  departamentos municipais encargados cada un deles dun sector de poboación: muller, xuventude, infancia, terceira idade, etc
           Actividades formativas en  distintas disciplinas: cursos de informática, clases de teatro, cursos de traballos manuais e restauración , de tecido tradicional, de traballos en coiro que se desenvolverán no  do Museo Etnográfico, clases de música, clases de pintura, obradoiros de  cociña  creativa,
          Dende a Área de Benestar Social destacar  o Curso de Estimulación Cognitiva  e o Curso de preparación para Graduado en ESO e Competencias Clave que se imparten ao longo destes meses.
          A  Área de Deportes  presenta   un amplo abano de posibilidades para todos os  quirogueses entre os meses de febreiro e xuño. Cabe salientar   no eido deportivo a Carreira Popular “ Feira do Viño”, a III Rede  Boi-Marcha cicloturista , a participación do Quiroga FC e do FSF Quiroga en distintas competicións ou as Escolas Deportivas Municipais que desenvolven a súa actividade ao longo de toda a semana.
          Dende a Área de Educación e infancia destacar o funcionamento da Ludoteca Infantil os martes e xoves,   a organización da festa infantil de disfraces,así como unha nova edición do obradoiros Minchef-quiroga
          Os certames de exaltación de produtos da comarca, como poden ser a 35 edición da  Feira do Viño de Quiroga os días  15 e 16 de abril;  a 17  Mostra do Aceite  e a "VI Edición Quiroga de Tapas."
Actos de conmemoración para a celebración de datas sinaladas no calendario ao longo do ano. Así,dende a  a Área de Igualdade,  están a organizar os actos para conmemorar o Día Internacional da Muller ,o  8 de marzo.Así como tamén haberá lugar destacado para as nosas letras o 17 de maio.

          Realización dunha xeoruta e dunha xornada de arqueoloxía que inclúen visitas ao Museo Xeolóxico e a o Museo etnográfico respectivamente.   No caso da xornada de xeoloxía,  realizarase ademáis  a ruta de sendeirismo a carón do Pregamento  Xeolóxico  Leixazós-Campodola.

          Concursos literatios, exposicións, actividades de animación social,  concertos,  excursións etc . Todo isto conformará a programación  dos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño  da que puntualmente cada departamento dará cumprida información.