28 feb 2020


RTMQ.-Semana Santa perfílase como a data prevista para a apertura das novas salas do Museo de Xeoloxía e Paleontoloxía de Quiroga.  O Concello de Quiroga calcula que as obras de ampliación do museo, que permitirán o ensanche desta edificación  polos dous laterais, estarán rematadas en dúas semanas.
Nestes momentos trabállase na colocación do pavimento interior. Restaría a parte de climatización e pintura  na que se traballará  a vindeira semana. O alcalde; Julio Álvarez, supervisou esta ampliación que conta cunha axuda económica por parte da Axencia de Turismo de Galicia de 80.000 €.
Unha empresa encargouse de levantar os muros externos e agora os traballadores do Obradoiro de Emprego, SilLor, están a facer os traballos interiores.
Estas obras permitirán o ensanche de todas as salas o que se traducirá nun maior número de pezas que se poderán mostrar ao público, que ata o de agora non podían amosarse por falta de espazo. A ampliación permitirá tamén a creación dunha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.
Unha vez rematada esta ampliación o Museo Xeolóxico contará cunha superficie útil de 250 m², e contará, en palabras do rexedor local, cunha “importante rama antropolóxica” que chamará a atención dos visitantes como xa o fai o esqueleto completo dun oso das cavernas, que se atopa na sala de fósiles animais.

O Museo Xeolóxico conta na actualidade con cinco salas dedicadas a diferentes temas:  a formación do territorio, a historia paleontolóxica, a idade dos xeos, as primeiras ocupacións humanas da zona e finalmente a que recolle a minería da zona