20 sept 2018

A ÁREA DE EDUCACIÓN PON DE NOVO EN MARCHA A LUDOTECA DE INVERNO


A área de Educación e Infancia do Concello de Quiroga vai poñer en marcha un anao máis a ludoteca de inverno dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade. Esta prolongarase ata o mes de xuño do 2019, coincidindo co remate do curso escolar, desenvolvéndose todos os martes e xoves das cinco ás oito do serán.

Todo aquel que desexe participar deberá formalizar as inscricións na Casa da Cultura, ben persoalmente ou ben a través do teléfono 982 43 51 25.

A ludoteca abrirá as súas portas o vindeiro martes día 2 de outubro.


O CENTRO SOCIAL OFERTA UN VARIADO PROGRAMA DE ACTIVIDADES LÚDICO-FORMATIVAS PARA O DERRADEIRO TRIMESTRE DO ANO


A dirección do Centro Social de Quiroga retoma tras a época estival o seu programa de actividades lúdico-formativas previstas para o derradeiro trimestre do ano.

Por unha banda, retómanse as que xa estaban en curso como é o obradoiro de actividades físicas para persoas maiores, ximnasia de mantemento, estiramentos e relaxación. Esta actividade terá lugar os martes e os xoves de cinco a seis da tarde no salón multiusos. Outra das actividades en marcha é o obradoiro de manualidades que terá lugar todos os luns de cinco e media a seis e media da tarde. Do mesmo xeito continua o taller de memoria os martes de catro a seis da tarde así como o curso de estimulación cognitiva durante os luns e os xoves no horario de dez e media a unha e media da mañá.

Por outra banda, estréanse as seguintes actividades durante os meses de outubro, novembro e decembro. Así o xoves 4 de outubro realizarase unha xornada de animación e convivencia social coa celebración do Día Internacional das Persoas Maiores que contará cunha invitación a chocolate con churros a partir das cinco da tarde na cafetería do centro e, de seguido, os asistentes rematarán a xornada cun animado baile. O venres cinco de outubro terá lugar a primeira viaxe do trimestre onde os socios e socias poderán asistir ás festas do San Froilán incluíndo unha visita ao Museo Diocesano e xantar nun restaurante da zona.

O día 18 de novembro celebrarase un magosto popular a partir das seis da tarde con invitación a todos os socios e socias onde se poderá degustar castañas asadas acompañadas de viño novo. A xornada poñerá punto e final cun baile.

No mes de decembro realizarase un campionato de tute os días tres e catro de decembro con iscrición gratuíta. O día 14 poderase asistir a un bingo de nadal a partir das cinco da tarde e xa o día 20, ás sete da tarde, terá lugar unha das acitivades máis concurridas, a tradicional cea de nadal onde se fará a entrega dos premios aos gañadores ou gañadoras dos bingos e campeonato de tute.

Todo aquel que desexe anotarse ou recibir máis información sobre estas actividades pode achegarse á cafetería do centro.


CONTINUAN EN MARCHA AS CLASES DE MÚSICA


Continuan  en  marcha todos os  martes    as clases  de  música e movemento, guitarra, piano e instrumentos de vento metal  ofertadas  polas  áreas de  Educación  e  Xuventude do Concello de Quiroga.

Os horarios nos que se desenvolverán estas  clases serán os martes de 18.30 h. a 19.30 h. para nenos e nenas así mesmo, no caso do  alumnado de guitarra nivel 1 o  horario de 19.30 h. ata as 20.30 h. mentres que os alumnos e alumnas de guitarra nivel  2 acudirá ás aulas en horario de 20.30 h. a 21.30 h.

Todas as persoas que estean interesadas nesta actividade poden chamar ao teléfono 982 435 125 tanto para inscribirse como para recibir máis información. Unha vez máis o profesor Antonio García Lago será o encargado de impartir estas clases.


A VOLTA CICLISTA A GALICIA PASARÁ POR QUIROGA


A Federación Galega de Ciclismo está a ultimar os preparativos para a realización da Volta Ciclista a Galicia 2018.
Quiroga tamén terá protagonismo na gran rolda galega. A rúa Real quiroguesa acollerá a meta volante da cuarta etapa, con saída e chegada en Monforte de Lemos, que terá lugar o vindeiro domingo 23 de setembro. Está previsto que o pelotón chegue a Quiroga pasadas as 12.00 h. con preto de 100 km. nas pernas.
O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, trasladou a importancia de difundir un evento como a Volta que ano tras ano logrou gañar á afección galega que segue as evolucións do pelotón elite e sub 23 participantes na proba, a auténtica antesala do ciclismo profesional.
A Volta Ciclista a Galicia alcanza con esta a súa edición número 17 desde que adquiriu o formato amateur. Este ano contará con dezanove equipos que disputarán catro etapas entre os días 20 e 24 de setembro. Verín acollerá a espectacular contrareloxo por equipos inicial mentres que Sanxenxo, Boiro e Monforte de Lemos completarán o calendario de competición da carreira.