20 sept 2018

O CENTRO SOCIAL OFERTA UN VARIADO PROGRAMA DE ACTIVIDADES LÚDICO-FORMATIVAS PARA O DERRADEIRO TRIMESTRE DO ANO


A dirección do Centro Social de Quiroga retoma tras a época estival o seu programa de actividades lúdico-formativas previstas para o derradeiro trimestre do ano.

Por unha banda, retómanse as que xa estaban en curso como é o obradoiro de actividades físicas para persoas maiores, ximnasia de mantemento, estiramentos e relaxación. Esta actividade terá lugar os martes e os xoves de cinco a seis da tarde no salón multiusos. Outra das actividades en marcha é o obradoiro de manualidades que terá lugar todos os luns de cinco e media a seis e media da tarde. Do mesmo xeito continua o taller de memoria os martes de catro a seis da tarde así como o curso de estimulación cognitiva durante os luns e os xoves no horario de dez e media a unha e media da mañá.

Por outra banda, estréanse as seguintes actividades durante os meses de outubro, novembro e decembro. Así o xoves 4 de outubro realizarase unha xornada de animación e convivencia social coa celebración do Día Internacional das Persoas Maiores que contará cunha invitación a chocolate con churros a partir das cinco da tarde na cafetería do centro e, de seguido, os asistentes rematarán a xornada cun animado baile. O venres cinco de outubro terá lugar a primeira viaxe do trimestre onde os socios e socias poderán asistir ás festas do San Froilán incluíndo unha visita ao Museo Diocesano e xantar nun restaurante da zona.

O día 18 de novembro celebrarase un magosto popular a partir das seis da tarde con invitación a todos os socios e socias onde se poderá degustar castañas asadas acompañadas de viño novo. A xornada poñerá punto e final cun baile.

No mes de decembro realizarase un campionato de tute os días tres e catro de decembro con iscrición gratuíta. O día 14 poderase asistir a un bingo de nadal a partir das cinco da tarde e xa o día 20, ás sete da tarde, terá lugar unha das acitivades máis concurridas, a tradicional cea de nadal onde se fará a entrega dos premios aos gañadores ou gañadoras dos bingos e campeonato de tute.

Todo aquel que desexe anotarse ou recibir máis información sobre estas actividades pode achegarse á cafetería do centro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario