24 ene 2018

ABERTO O PRAZO DE INSCRIPCIÓN DE COMPARSAS DE ENTROIDO

O Concello de Quiroga, co gallo da celebración do Entroido, organiza para o domingo 11 de febreiro un concurso de desfile de comparsas e para o luns día 12, a partir das cinco da tarde unha festa infantil de disfraces no Disco Pub Yoya.

No desfile de comparsas poden  participar todas as persoas que o desexen, tanto deste Concello coma doutros, sempre e cando se acollan  as dúas modalidades de participación  estipuladas: Modalidade comparsa, integrada alomenos por dez membros ou  Modalidade de disfrace individual, que como  máximo agrupará tres membros por disfrace.

O Xurado  cualificador do  concurso estará composto por tantos membros coma comparsas e disfraces participen no desfile.  Cada comparsa, ou disfrace individual  participante,  nomeará un representante para formar parte do xurado. Os integrantes do xurado despois de asistir ao desfile,  valorarán  a  cada comparsa menos á que representan. Valorarase  a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, elaboración de vestiario e a elaboración de carroza.

Establécense os seguintes premios; na modalidade de comparsa un primeiro premio de 600 €, un segundo premio de 300 € e un terceiro  premio de 150 €. O resto das comparsas participantes recibirán 60 €. E na modalidade de disfrace individual haberá un único premio ao mellor disfrace dotado con 60,00€. Todos os premios estarán suxeitos ao disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.

As inscricións para participar no desfile faranse na Casa da Cultura, antes do día 8 de febreiro ou no Rexistro do Concello de Quiroga cubrindo as solicitudes a disposición dos interesados nestes dous lugares, así como presentando o DNI/ CIF  do representante, certificados da conta  bancaria onde se realizará o pago dos premios, mediante transferencia e unh folla de firmas  dos membros da comparsa que tamén se facilitará no mesmo lugar.


 A saída  do desfile terá lugar ás cinco da tarde dende a Rúa Piscinas para percorrer a Rúa Real ata o Concello onde rematará e onde terá lugar a entrega de premios durante o baile de disfraces amenizado pola charanga “Padre José”, rematando a festa cunha alborada polos bares da vila.

3 ene 2018

MAÑÁ COMEZA O CAMBIO DE COLECTORES NA RÚA REAL DE QUIROGA


O Concello de Quiroga vai cambiar o mobiliario da vila quiroguesa, para o que conta cunha partida de 65.000 €. Nunha primeira fase deste proxecto comezarase polo cambio dos colectores de lixo situados na rúa Real. En seguintes fases do proxecto tamén se cambiarán as xardineiras, bancos e papeleiras e reconstruiranse os pasos de peóns elevados de toda a vila, incluídos os da travería da Ribeira.

Entre mañá e o venres comezará este proxecto coa colocación ao longo da rúa Real dos novos colectores de lixo. Estes colectores, nunha vindeira fase do proxecto, estarán tapados con cubrecolectores de poliuretano imitando madeira. Deste xeito, e coas duas isletas de colectores soterrados cos que xa conta a rúa Real, o concello pretende reducir o impacto visual dos colectores na rúa principal da vila de Quiroga.

O mobiliario a sustituir da rúa Real, non incluirá a  zona das inmediacións da casa consistorial, xa que este tramo foi remodelado totalmente no ano 2014. Esta remodelación incluíra beirarrúas, mobiliario urbán e iluminación pública.

Ademais de na rúa principal tamén se farán actuacións nas rúas Anxel Fole, Quiroga de Arxentina e Caurel e na travesía da Riveira. Estas actuacións consistirán na remodelación dos pasos elevados.

 O proxecto “Actuacións nas rúas de Quiroga, substitución e montaxe de mobiliario e reconstrucción de pasos de peóns elevados”, incluído no plan Único 2017, executarase ao longo deste ano 2018 e levarase a cabo na súa maior parte polos traballadores do Obradoiro SilLor IV.