27 sept 2013

CULTURA ORGANIZA UNHA VIAXE PARA ASISTIR AO ESPECTÁCULO QUIDAN DO CIRCO DO SOL

         A área de cultura do concello organizou unha viaxe á Coruña para a sistir ao espectáculo do Circo do Sol. O espectáculo que presentan, baixo o nome de Quidam, terá lugar o día 26 de decembro a partir das cinco e media da tarde no coliseum da Coruña.
O prezo orientativo desta actividade, dirixida a maiores de quince anos,  é duns 50 €.

As persoas interesadas en participar deberán de inscribirse dende o luns 30 de setembro ata o venres catro de outubro, para poder reservar as entradas, na Casa da Cultura, onde tamén recibirán máis información.

20 sept 2013

O PROXECTO DE MELLORA DA RÚA REAL XA SE PODE CONSULTAR NA CASA DO CONCELLO



O  goberno municipal vai mellorar o pavimento e o mobiliario urbán do primeiro treito da rúa Real. O proxecto estará exposto durante a vindeira semana no salón de plenos da casa consistorial para poder ser consultado por todos os veciños interesados.

O goberno local decidiu levar a cabo esta remodelación contando cunha subvención da Consellería de  Industria e Comercio, porque dende o ano 1990 non se levou a cabo ningunha remodelación nesta zona. As obras que inclúen a remodelación total de bordillos, plaqueta das beirarrúas e cambio de mobiliario urbán, así como a sustitución de puntos de alumeado público por lámpadas led; deberán estar rematadas a finais de novembro deste mesmo ano. O presuposto de contrata desta obra supera os 150.000 €.


Deste proxecto informouse esta mañá á mesa do comercio que se reunia esta mañá . A mesa acolleu favorablemente a proposta de dinamización da zona. 

Mercado de artigos de segunda man.

Na reunión da mesa do comercio de Quiroga tratouse outro tema que lles propuxo o concello, o acordo que se tomou na pasada sesión plenaria sobre a posta en marcha dun mercado veciñal de artigos de segunda man. A mesa estivo de acordo con esta iniciativa e acordou falar cos comerciantes e crear unha normativa que regule este mercado. 

SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO VAI POÑER EN MARCHA DOUS OBRADOIROS PARA A PREVENCIÓN DO ALZHEIMER

          O concello de Quiroga, a través do departamento de servizos sociais, porá en marcha un programa de actividades  destinado á estimulación cognitiva, psicomotriz e  da memoria  en persoas maiores que sofren deterioro cognitivo.   

Este programa consta de  dous  obradoiros  diferentes,  pero relacionados entre si, que terán como obxectivo  a prevención e mellora  de enfermidades cerebrais, especialmente a enfermidade de alzheimer e as caracterizadas pola perda aillada e obxectiva da memoria, preténdese desenvolver as capacidades cognitivas, de psicomotricidade e memoria nas persoas que sofren deterioro nestes aspectos.

O punto de partida  destas actividades  será unha charla o día 22 de outubro, na casa da cultura, ás 18:00h co título: “alzheimer, que podemos facer entre todos”, organizada polo departamento de servizos sociais do concello en colaboración coa  asociación de familiares e enfermos de alzheimer e outras demencias (Afamon). A charla  conmemora   o día internacional do alzheimer que se celebra o  vindeiro día 21  de setembro.

As actividades  impartiranse mediante dous obradoiros que comezarán no mes de novembro. Un deles versará sobre a “estimulación cognitiva e psicomotriz”, con dúas sesións semanais en horario de mañá, e outro será un “obradoiro de memoria” que  terá un horario de tarde cunha sesión única de dúas horas.

No desenvolvemento   das actividades, tanto do obradoiro de estimulación cognitiva e psicomotricidade como o de memoria  colabora  persoal da asociación  Afamon.

Nos  próximos días  vaise abrir o plazo de  inscrición para os dous obradoiros, que terán límite de plazas  e  unha cota mensual para cada participante.  





17 sept 2013

O SERVIZO MUNICIPAL DA AUGA XESTIONARASE DENDE O CENTRO DE FORMACIÓN OCUPACIONAL

O concello de Quiroga puxo en marcha unha oficina da Auga, no centro de Formación Ocupacional Pía Páxaro, na que se xestionarán todos os temas relacionados con este servizo municipal.

A oficina funcionará de luns a venres en horario de nove da mañá a duas da tarde.

Pero ademáis puxo a disposición de todos os veciños tres teléfonos, aos que se pode chamar en caso de uxencia, que son o 618.649.814, o 649.819.052 e o 982.428.355.

Tanto a oficina como os teléfonos de urxencias xa se atopan operativos.




12 sept 2013

A ALCALDÍA DE QUIROGA CAMBIA OS TENENTES DE ALCALDE

    
       A alcaldía de Quiroga, e na súa representación o alcalde presidente, Julio Alvarez, tomou a decisión de modificar os tenentes de alcalde da corporación e polo tanto os membros que compoñen a Xunta de Goberno Local.

Así aos tenentes de alcalde, quedarán do seguinte xeito, primeiro tenente de alcalde segue sendo Ana Nuñez García, o segundo tenente de alcalde pasa a ser Manuel Mondelo Rodríugez e o terceiro tenente de alcalde Loli Sánchez Durán.

En canto a xunta de Goberno Local estará formado polos concelleiros que son tamén tenentes de alcalde, Ana Nuñez García, Manuel Mondelo Rodríguez e Loly Sánchez Durán.

Destes nomeamentos así como dos ceses dos anteriores feitos mediante resolución da alcaldía deberá de darse conta ao pleno da corporación na primeira sesión que se celebre.

10 sept 2013

A AUGA DE QUIROGA VOLTA A SER XESTIONADA POLO CONCELLO

       O concello de Quiroga rescindiu o contrato que mantiña coa empresa Aqualia sobre a xestión da auga. Tras chegar a un acordo coa empresa e tras a súa aprobación na pasada sesión plenaria, esta mañá asinábase oficialmente a documentación  que o acredita entre o concello de Quiroga, representado polo alcalde, Julio Alvarez, e a empresa, por medio do seu representante José Luis García Ibañez.
          Todo o material que tiña no seu poder Aqualia para o mantemento do sistema de abastecemento de auga de Quiroga pasa así a mans do concello. Os dous empregados cos que contaba a firma pasan a formar parte do cadro de persoal municipal.
A empresa  renuncia a reclamar xudicialmente unha indemnización e o concello devolvelle á firma o aval que esta presentou no ano 2005, cando se fixo coa concesión da auga. Este acordo que se asinou hoxe amistosamente, foi negociado durante os últimos meses.

A partir de agora, a xestión da auga volta a ser responsabilidade directa do concello, e o concelleiro José Enríquez terá a responsabilidade de supervisar este servizo.

3 sept 2013

QUIROGA ACOLLERÁ UN OBRADOIRO TEATRAL DO PLAN GALEGO DE PERSOAS MAIORES DA SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE


A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade está a impulsar un programa pioneiro para que as persoas maiores sexan transmisoras dos valores da igualdade entre os seus netos e netas menores. O programa consiste na organización de obradoiro teatrais nos que se reflexiona sobre cuestións como a socialización diferencial por xénero, o obxetivo é utilizar o teatro como medio de intervención. Un destes obradoiros desenvolverase en Quiroga.
 
Esta iniciativa enmárcase no Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013 e desenvólvese a través do proxecto transnacional 'Eles tamén', impulsado por Galicia, en colaboración con Castela León e Portugal.
 
O obxectivo é utilizar o teatro como medio de intervención; transformación da realidade e conciencia social para a ruptura dos estereotipos de xénero, a partires da reflexión individual das persoas maiores que exercen labores de coidado e atención de menores.
 
Neste sentido, a Secretaría Xeral da Igualdade programou catro obradoiros, un por provincia, coa colaboración das entidades locais participantes. Tras o bo resultado do primeiro obradoiro en Padrón (A Coruña), o pasado mes de decembro; a partires de setembro celebraranse os de Verín (Ourense); Vila de Cruces (Pontevedra) e Quiroga (Lugo).
 
A duración de cada obradoiro é de arredor de 45 horas distribuídas en 15 sesións e nel abordaranse contidos como a corresponsabilidade; a educación non sexista; o uso de tempos e espazos; os estereotipos de xénero ou a distribución sexual dos traballos. Os participantes son homes e mulleres de idades comprendidas entre os 45 e 75 anos.
 
As persoas interesadas en participar neste obradoiro deben de inscribirse no Centro Social ou no Centro de Información á muller e acudir o luns, día 16 de setembro ao Centro Social ás catro da tarde.                     
 
A obra de teatro 'Avós, nunca é tarde', representarase ante o público de cada un dos concellos participantes o vindeiro mes de decembro. Trata da loita da filla dunha familia moi tradicional por conseguir que a vida no seu fogar sexa máis xusta e igualitaria.