24 may 2013

A MOSTRA DO ACEITE DECLARADA FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA


O Consello da Xunta de Galicia de onte, 23 de maio, decidiu a concesión da distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Mostra do Aceite de Quiroga, que este ano celebrou a súa XIII edición e que ven celebrándose de xeito ininterrompido dende o ano 2001.

 

A solicitude de Festa de Galicia de Interese Turístico, por parte do Concello de Quiroga, para a celebración da “Mostra do Aceite de Quiroga” fíxose en base a que esta celebración supón unha manifestación popular, de grande valor cultural e das tradicións populares, que ten unha especial importancia como atractivo turístico pola súa singularidade; convén apuntar como dato significativo que as terras de Quiroga son o único punto do noroeste peninsular cunha prolongación ata Salamanca, onde a oliveira forma parte dos cultivos existentes.

 

Unha vez acado este galardón, o Concello de Quiroga convértese no único de Galicia que reúne no seu territorio as seguintes distincións: Concello de Interese Turístico, o día 8 de maio de 2005, Monumento Natural para o Sinclinal da Serra do Caurel, o día 26 de abril de 2012 e agora Festa de Galicia de Interese Turístico para a Mostra do Aceite de Quiroga.

 

A decidida aposta por parte do Concello de Quiroga, durante os últimos anos, de quitar o máximo rendemento das súas potencialidades está a dar os seus froitos coa consecución destes recoñecementos institucionais, que axudarán, a rentabilizar, protexer e espallar o seu patrimonio cultural e natural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario