13 ago 2019

A ORQUESTRA PANORAMA, A FESTA DA COMUNIDADE E O CONCERTO DE SUSANA SEIVANE, O MÁIS CONCURRIDO DAS FESTAS DE VERÁN


Quiroga viviu esta fin de semana as súas festas de verán. Os festexos abríanse o xoves cunha das súas actuacións estrela, a actuación da orquestra Panorama, e que congregou a centos de persoas nas inmediacións do pavillón municipal.

O venres as actividades festivas trasladáronse ata o parque da Constitución, onde se celebraba  a décimo cuarta  Festa da Comunidade. As nove e media da noite abríase o recinto para que o medio milleiro de persoas participantes se foran instalando nas mesas protexidas baixo unha gran carpa.

Esta era a XIV edición dunha festa que naceu como xuntanza e inicio das festas de verán e que cada ano consegue reunir a centos de persoas. Nos últimos anos o menú quedou fixado en paella pola gran acollida. Noutras edicións degustaronse salchichas frescas, panceta ou codillo.

 As entradas para participar nesta cea, cun prezo de 6€, estiveron á venda en diversas cafeterías da vila e no Centro Social, pero aínda se podían adquirir no recinto feiral, opción que escolleu moita xente.

A cea remataría cun animado baile a cargo do Dúo Camelia

O sábado, ás doce do mediodía, apicultores e grupo de goberno, acompañados da música do grupo rexional O Recanto, inauguraban a  XXVIII Mostra do Mel.

Moi boas vendas, moi desigual colleita segundo as zonas do municipio e unha gran proliferación de velutina son as conclusións dos sete apicultores participantes na XXVIII Mostrando Mel de Quiroga.

O mel de Quiroga, coas súas variedades multifloral, de castiñeiro e brezo estivo unha vez máis a altura da gran calidade que o caracteriza. Os colmeares situados nas zonas máis altas do municipio producen mel co predominio do castiñeiro, mentres que os situados nas zonas do val dan mel de brezo, planta moi abondosa e da que Quiroga recibe o seu nome (queiruga); nas zonas intermedias as abellas recollen o pole de castiñeiros e brezo que xuntan con moitas outras flores dando un mel multiflorar. Tres variedades con matices diferentes en canto a cor, textura e sabor pero coa mesma calidade.

Desta gran calidade dan boa fe todas as persoas que se achegaban ata o recinto feiral e que practicamente mercaron todo o mel exposto. Xunto co mel, outros produtos tipicos da zona como aceite, licores ou marmeladas podían adquirirse nesta mostra.

Os apicultores quirogueses están loitando activamente contra a avespa velutina que se está vendo máis ca nunca na comarca. Dende o inicio da primavera están colocando as trampas que lle proporciona a Xunta de Galicia e outras fabricadas por eles mesmos, nas que xa colleron centos de raíñas desta especie tan perxudicial para as abellas. E que segundo eles mesmos recoñecen, está sendo dificil de eliminar.

Tamen este ano, aínda que en menor medida, deixouse ver o paso do oso pardo. Constatouse a súa presenza pero non chegaron a producirse danos nos colmeares, xa que a fundación Oso Pardo proporciona pastores eléctricos aos apicultores que informan do seu paso, o que lles impide achegarse ás colmeas.

As doce do mediodía e as oito do serán, contábase cun espectáculo de maxia ”Petite Caravane”, a cargo da compañía  Animatium na caravana situada na rúa Real. O espectáculo, para todos os públicos, forma parte do programa Cultura no Camiño, organizado polo Concello de Quiroga e a Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A festa popular corría a cargo do grupo Atenas a partir das dez da noite e as doce e media o concerto da gaiteira galega Susana Seivane, outra das actuacións estrela destas festas de verán. A gaiteira ven de cumprir os vinte anos dende que publicou o su primeiro traballo discográfico e esta actuación enmarcouse dentro desta celebración.


O domingo ás doce e media do mediodía a banda de de Música de Chantada facía unha alborada pola rúa Real e un concerto diante  da Casa do Concello.

Pola  tarde, na Praza España os nenos e nenas poideron participar no  Concurso  Pinta con Xiz no Chan. O seu remate facíase entrega dos premios  aos gañadores do concurso  de Debuxo Infantil e de lambetadas a todos os nenos participantes.

 As oito da tarde, espectáculo infantil de rúa, “ O Folión Zampón” a cargo de Fantoches Baj, ao longo da rúa Real.

A festa popular a cargo dos grupo Nazaret e Limón, poñería o punto final as festas de verán.

Durante estas festas tamén se contou con actividades deportivas: O venres pola tarde celebrábase o quinto Torneo de Street Soccer no parque da Constitución. E aínda que estaba previsto celebrar tamén  o primeiro Torneo de Street Voley, tivo que pospoñerse para o día seguinte, dada a gran participación no Street Soccer.  

E o sábado a partir das seis e media da tarde, no campo do San Martiño tiña lugar a presentación do equipo do Quiroga para esta nova tempada que inicia nunha nova categoría, a segunda autonómica, e o que se enfrontaba ao Trives, no IV Trofeo TourGalia. O encontro rematou cun 1 – 0 favorable para o equipo quirogués.


No hay comentarios:

Publicar un comentario