6 jun 2019

O CENTRO DE DÍA ABRIRASE EN AGOSTO


O Centro de Día da Ribeira abrirase o día 1 de agosto. Así o anunciou o Concello de Quiroga que xa abriu o prazo de presentación de solicitudes de praza a través das oficinas de servizos sociais municipais.
O centro que se define como xerontolóxico, socio -  terapéutico e de apoio ás familias conta con 25 prazas para persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.
Permanecerá aberto todos os días laborables dende ás oito da mañá ata as oito do serán. Dentro deste horario os usuarios poderán ter xornada completa ou media xornada con ou sen comida.
Dentro dos requisitos mínimos para poder ser usuario deste servizo está o de ter cumpridos os 65 anos ou 50 en caso de dependentes con circunstancias persoais.
Estes requisitos foron fixados por unha Comisión de Estudio na que tiveron representación todos os partidos políticos da corporación municipal. Esta comisión tiña como cometido elaborar unha memoria xustificativa  na que se recolleran as condicións máis idóneas para poder abrir este centro.
Unha destas condicións era que a xestión do centro fora indirecta, é dicir que non a xestionase o concello directamente se non que se sacara a concurso para que fora outra entidade quen a xestione, polo que se elaboraron unhas bases de licitación para que este servizo saíra a concurso. 
Tras rematar todos estes trámites agora ábrese o prazo para a solicitude de prazas. As persoas interesadas poden pasar polas oficinas de servizos sociais do concello.
O Centro de Día ocupa a primeira planta do edificio polivalente da Ribeira. Na súa planta baixa atópase o centro social da Ribeira. E contémplase que na segunda planta serva de lugar de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario