O Concello de Quiroga realiza nas instalacións do Museo Etnográfico Municipal de Quiroga o VII curso de tecido tradicional.
Aproveitando a recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrécese a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.
O curso, de 20 horas de duración, será impartido pola tecedeira de Visuña Carme Barreiro Díaz. Durante as 20 horas que durará a actividade realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca, torcer, etc) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.
A data prevista de inicio é o día 10 de maio e desenvolverase dende esta data ata o día 11 de xuño, todos os luns e xoves de 17:00 a 19:00 horas.
O prazo para anotarse neste curso está aberto ata o propio día 10 de maio, as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición ou informarse na Casa de Cultura de Quiroga (teléfono 982435125).
No hay comentarios:
Publicar un comentario