11 oct 2012

4.000 PERSOAS VISITAN OS MUSEOS LOCAIS NO QUE VAI DE ANO


Os museos Xeolóxico e Etnográfico do Concello de Quiroga acadaron no que vai de ano un total de 4000 visitantes; repartidos en 2168 o Museo Etnográfico e 1832 o Museo Xeolóxico. Nesta estatística chama a atención que algo máis do 90 % dos visitantes proceden de fóra do Concello de Quiroga.
 
O 17 % dos visitantes acuden a visitar os museos quirogueses en pequenos grupos o en solitario, sen cita previa; mentres que o 83 % restante intégranse dentro de grupos de máis de 10 persoas que acordan previamente unha visita guiada. Dentro deste último grupo hai que salientar a numerosa presenza de centros de ensino tanto de infantil e primaria como de secundaria e asociacións culturais de toda a comunidade autónoma.
 
O Museo Etnográfico mantén dende a súa apertura no ano 2007 unha afluencia media que supera os 1700 visitantes anuais. Para o Museo Xeolóxico aínda non se pode establecer unha comparación con anos anteriores porque a súa apertura tivo lugar en decembro do ano 2011. O Museo Etnográfico superou amplamente a media dos anos anteriores, máis tendo en conda que aínda faltan dous meses para rematar o ano.
 
Estas cifras veñen apoiadas por unha serie de actividades que dinamizaron os museos. Daquela no Museo Etnográfico ao longo do ano realizouse un primeiro obradoiro de tecido tradicional (17 mulleres inscritas de Monforte, Ribas do Sil e Quiroga) e instalouse a exposición permanente dos decorados da película de animación galega “O Apóstolo”, ademais da colaboración anual co programa “Preescolar na Casa” e a demostración na rúa dun fiadeiro tradicional. Cabe destacar que ao longo do ano 2012 incorporáronse á colección deste museo 23 novas pezas.
 
No Museo Xeolóxico, realizáronse varias xornadas de portas abertas con visitas guiadas e durante as primeiras xornadas de Xeoloxía na Ribeira Sacra organizadas polo GDR “Ribeira Sacra” tamén se realizou unha visita especial.
 
De cara aos vindeiros meses está prevista a realización de novas actividades de dinamización como un Obradoiro de Arqueoloxía no Museo Xeolóxico e a apertura no Museo Etnográfico dunha exposición permanente de fotografías antigas na que se mostrarán aos verdadeiros protagonistas desta colección etnográfica realizando os seus traballos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario