19 nov 2013

O LIBRO INFANTIL "DRAGÓNS NO CAUREL", PRESÉNTASE MAÑÁ NA CASA DA CULTURA

          Mañá mércores, a partir das once da mañá, a Casa da Cultura acollerá a presentación do libro de literatura infantil “Dragóns no Caurel”, da escritora  Francesca D´a Silva.
Nesta actividade colabora o CEIP de Quiroga e o Concello de Quiroga que xunto coa editorial Elvira e a autora desenvolverán a actividade a que acudirán os alumnos do CEIP e as perosoas interesadas.
O libro da editorial Elvira, dirixido a nenos e nenas de ata 12 anos, dá o pistoletazo de saída á nova Colección Infantil da editorial, cun deseño moi particular que non deixará indiferente a ninguén.
Natural de Ferrol e veciña de Vigo, a escritora e ilustradora Francesca López da Silva ten raíces familiares en Quiroga, onde presentará o libro infantil Dragóns non Courel nun acto ao que asisitirán alumnos do colexio público local. A obra foi publicada recentemente pola editorial viguesa Elvira. López da Silva publicou anteriormente o libro Pequeno dicionario equivocado.
A escritora dixo que escolleu O Courel para ambientar a súa historia porque as vivencias que tivo nesta comarca de nena marcárona moito. A súa familia paterna é de Quiroga e ela pasaba aquí os veráns. Os seus parentes eran amigos de Ánxel Fole e presenciou as conversacións que tiña co seu tío cando este escritor vivía en Quiroga. Recoñece que a natureza e o mundo tradicional destas terras influírona moito na infancia. Aquí coñeceu o campo e todo o que vía chamáballe moitísimo a atención: as montañas, as árbores, os animais... Imaxinábase que nas covas da serra vivían dragóns e seres fantásticos e tentou recoller esas imaxinacións infantís neste libro. A escritora afirma que quixo reflectir a visión desta terra a través dos ollos dunha nena.

Pretende que a historia reflecta o mundo mítico galego, pero dunha forma algo suavizada. No conto introduciu o personaxe dun trasgo chamado Barucho que en realidade é un veciño de Quiroga, unha persoa de carne e óso que lle contou moitas cousas desa terra. A historia mestura ademais as lendas galegas coa mitoloxía irlandesa. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario