29 nov. 2013

A RUTA DO FERRADAL E A RUTA DA LUCENZA NUNHA GUIA DO CONSORCIO DA RIBEIRA SACRA

            O Consorcio da Ribeira Sacra editará tres novas guías turísticas, unha das cales será a primeira que este organismo dedica de forma exclusiva ás rutas de sendeirismo. As tres guías serán editadas en papel e tamén poderán conseguirse a través de Internet. A guía de sendeirismo contará cunha web propia e un pouco máis adiante tamén estará dispoñible nunha aplicación para teléfonos móbiles.
          A edición da guía forma parte dunha iniciativa coa que o consorcio pretende potenciar as rutas de sendeirismo como recurso turístico. Durante a súa preparación negociouse cos vinte e un concellos da zona, a cada un dos cales se lle ofreceu a posibilidade de seleccionar dúas rutas situadas no seu territorio para ser incluídas na guía. A condición que se puxo que os concellos se comprometesen a manter os camiños en estado transitable ao longo de todo o ano.
          Quiroga terá duas rutas nesta guía a Ruta do Ferradal e a Ruta da Lagoa da Lucenza na Seara. O Camiño Ferradal ou da Caleira ten un recorrido aproximado de 10,5 km, desenvólvese de xeito íntegro nas parroquias de Bendollo, Paradaseca e Vilarmel. Une os lugares de Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón cun percorrido de 10,5 km. Comúns á meirande parte dos camiños tradicionais asentados sobre o substrato rochoso natural, as rodadas esculpidas no chan dos típicos carros de bois do país están tamén aquí presentes como proba dun continuado uso desta vía no tempo, probablemente para o transporte do ferro producido na ferrería de Rugando e do cal cocido nos fornos da zona.

          A outra das rutas seleccionadas, entre a aldea da Seara e a lagoa de orixe glaciar da Lucenza, de 11,7 km de recorrido é  unha das rutas de sendeirismo máis destacadas da serra do Caurel. Nesta ruta podese ver O Fócaro, unhas das fervenzas máis espectaculares da serra do Caurel, cuns 30 metros de altura e cun caudal bastante estable durante todo o ano. Tamén é posible contemplar un dos maiores saltos de auga da serra: a fervenza de Navaregas de preto de 70 metros. A lagoa da Lucenza ten uns 70 m de diámetro e pode chegar a secarse a finais dos veráns máis secos. É de orixe glaciar e a súa antigüidade remóntase ao Plistoceno Superior, hai máis de 16.000 anos. O percorrido ata este punto é de 2,8 quilómetros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario