19 jul 2012

O DÍA 10 DE AGOSTO TERÁ LUGAR A XXI MOSTRA DO MEL DE QUIROGA


O Concello de Quiroga, está a traballar na organización da XXI MOSTRA DO MEL DE QUIROGA, que terá lugar o venres día 10 de agosto coincidindo coa feira mensual máis importante do ano e nesta edición coas festas de verán de Quiroga.
Puntual a súa cita de todos os veráns durante 20 anos, este evento gastronómico ten como obxectivo principal dar a coñecer as magníficas calidades do mel que se produce na zona de Quiroga, que comparte un lugar destacado con produtos como o viño, o aceite ou as castañas.

A programación variará pouco con respecto ás anteriores edicións, daquela haberá un acto de inauguración ás 11 horas e os postos de venda e exposición de mel e outros produtos típicos da zona, estarán a disposición de quen o desexe dende primeiras horas da mañá ata despois do xantar.
Como novidade nesta edición a Delegación de Cultura mediante o Museo Etnográfico de Quiroga, organiza un fiadeiro tradicional, no que poderán observarse os procesos do traballo tradicional coa la de ovella, no mesmo recinto da Mostra do Mel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario