18 oct 2018

O CONCELLO DE QUIROGA CONTINÚA A TRABALLAR NO AFORRO ENERXÉTICO


O Concello de Quiroga está a dar un paso máis no aforro enerxético, nesta ocasión nos edificios da Casa de Cultura e o Centro Social. Trátase da colocación dunha caldeira de biomasa, que abastecerá a estes dous edificios, os de maior consumo dos edificios municipais, e coa que o concello pretende aforrar un 65% en gasto.

A caldeira é de condensación de  pellets de 125  kw, para calefacción por biomasa e rendemento superior ao 105%. O combustible almacenarase nun depósito de 20  m3 de capacidade.

Para a instalación desta caldeira foi preciso acometer reformas no lugar no que estaba a anterior caldeira de gasoil. Estas reformas e a instalación da nova caldeira remataranse previsiblemente esta semana, como lle informaba o encargado dos traballos ao alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que na tarde de onte se achegaba ata os baixos da casa da cultura onde se instala a nova caldeira.

Coa caldeira de Biomasa para abastecer as necesidades térmicas dos edificios da Casa de Cultura e Centro Social o  Concello segue na liña de eficiencia e aforro enerxético iniciada no ano 2013, cando instalou paneis solares fotovoltaicos en edificios municipais (Auditorio municipal, Casa Cultura, CEIP, Pavillón Polideportivo, Gardería e estación Depuradora de auga potable e residual).

No hay comentarios:

Publicar un comentario