15 oct 2018

NOVO PREMIO PARA A SUMILLER QUIROGUESA MÓNICA FERNÁNDEZ


A sumiller quiroguesa Mónica Fernández, foi galardoada co  Premio á Mellor Dirección de Sala 2018 polo xurado da III edición dos Premios de Gastronomía da Comunidade de Madrid. Estes premios, creados pola Academia Madrileña de Gastronomía en colaboración coa Comunidad de Madrid, recoñecen aos profesionais e empresas que realizaron un maior esforzo por potenciar a gastronomía na capital española.
A traxectoria profesional de Mónica Fernández , nada en Quiroga, e catadora e  Maître titulada pola Cámara de Comercio de Madrid, estivo ligada a Grupo Bambú desde a apertura do seu primeiro restaurante, no ano 2005. Durante estes trece anos, converteuse nunha das persoas craves na organización do grupo. Na actualidade é directora de grupo, directora de sala e catadora dos sete restaurantes do Grupo Bambú.
Entre as súas funcións atópanse a formación e supervisión dos equipos de sala de todos os locais, así como o deseño das cartas de viño. Ademais, como destacada catadora, Mónica participa habitualmente en acontecementos relacionados co mundo do viño e forma parte do comité de cata da coñecida Guía de Viños Gourmets.
Ao longo da súa carreira profesional, Mónica Fernández obtivo diferentes galardóns, entre os que destaca o  Premio ao Sumiller da Academia Internacional de Gastronomía 2017, o  Premio Nacional de Gastronomía 2015 ao Mellor Director Sala, e o Premio á “Excelencia Turística de Madrid”, outorgado no ano 2009 pola Cámara de Comercio de Madrid.
Como recoñecemento a esta traxectoria profesional, Mónica Fernández foi nomeada “Filla predilecta de Quiroga”, o pasado ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario