16 jun. 2011

IOLANTHEM PRESENTA EN QUIROGA A EXPOSICIÓN "OLEO&PIZARRA"

Esta tarde, a partir das oito e vinte, ábrese ao público, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Quiroga, a exposición “Óleo&Pizarra” de Yolanda de Aguilar Calero, baixo a sinatura “Iolanthem”.

Yolanda de Aguilar Calero, residente en Quiroga, é licenciada en Belas Artes,  foi bolseira Leonardo da Vinci en Bruxelas e pertencen ao movemento artístico Eco-Art, que xira ao redor da defensa da natureza e os animais.

Tras abordar máis profundamente o amplísimo terreo da ilustración, especialmente a fusión entre a arte realizada con técnicas tradicionais e a arte dixital, actualmente atópase noutra fase de experimentación do soporte e céntrase na pedra e especialmente na lousa.

A pintora, que comunica o seu sentir a través da pintura, afirma que traballar sobre lousa é moi estimulante porque trastoca todos os parámetros, xa que ao pintar sobre lenzo pártese dun soporte branco onde hai que pintar as sombras mentres que, ao facelo sobre lousa, o ton escuro, case negro, obrígalle a reaprender de novo outras vías de expresión.

Esta exposición poderase visitar na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o domingo 26 de xuño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario