6 jun 2011

UN VECIÑO DA RIBEIRA FALTA DA SÚA CASA DENDE HAI UNHA SEMANA

Efectivos da Garda Civil e de Protección Civil buscan dende mediados da semana pasada a Miguel Arias Figueroa, de 68 anos e veciño da Ribeira, que desapareceu da súa vivenda entre o luns e o martes. Tras percorrer os lugares próximos á súa casa e ao río, familiares e veciños temen que o home, que vive só e é de carácter moi retraído, marchase de forma voluntaria a Lugo ou a Monforte.

As forzas da orde e os achegados seguen co operativo de busca e percorren a diario varias rutas que puido seguir o home. O sábado a procura centrouse pola beira do río Sil, dende a desembocadura do río Quiroga ata As Medas, pero esta mañá aínda non se conseguira localizar ningunha pista que indicara o seu paradoiro.
Porén, cada día que pasa cobra máis forza a hipótese da marcha voluntaria. Algunhas testemuñas apuntaron que o viron o luns a primeira hora na estación de tren de San Clodio. Pero é unha conxectura, xa que outros veciños din que o viron máis tarde, pero hai confusión entre os días e as horas.

Aínda que a teoría do desprazamento é a principal, a busca de Miguel Arias pola zona continúa porque non todos os elementos encaixan. Para empezar, foise da  casa sen a súa documentación nin o DNI e, ademais, dado que está baixo tutela da familia, non ten facilidades para mover nin retirar en efectivo moito diñeiro, polo que iso complicaría calquera viaxe.

Miguel Arias é un home de 68 anos, de estatura baixa, 1,60 m, e de complexión forte. A súa pel é de cor clara e ten os ollos castaños. Ademais ten pouco pelo e moi canoso. O seu carácter é retraído e tímido.

A familia agradece calquera colaboración cidadá e para iso facilita dous números de teléfono para que se alguén o viu achegue pistas. Os teléfonos son 982.42.84.19 e 646.16.48.32. Ademais pódese avisar ás forzas da orde ou ao Concello de Quiroga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario