15 jun. 2011

40 SOCIOS DO CENTRO SOCIAL PERCORRERON HOXE O VAL DO RÍO QUIROGA

Un total de 40 socios do centro social participaron esta mañá nunha actividade de sendeirismo polo río Quiroga. Esta actividade gratuíta, considerada de dificultade baixa, tivo un percorrido total de 15,7 km e toda a mañá de duración.

Os socios participantes na denominada “Camiñada polo val de Quiroga: entre pobos e ríos” saíron de Quiroga ás 8 da mañá para realizaren a primeira etapa da ruta cun percorrido de 6 km: dende Quiroga ata Ponte Barreiro, pasando e vendo os lugares de Pacios de Mondelo, A Ermida, Barxa, Arxubín e Lamela.

Dende Barreiro comezaron a segunda etapa ata a ponte Barreiriños, no máis profundo da ruta fluvial, pasando pola Rodela, cun percorrido de 4,7 km. Na ponte Barreiriños fíxose un descanso para repoñer forzas e logo subir un tramo de costa de 1 km, ata coller a estrada de Campos de Vila a Pacios da Serra.

A terceira etapa, cun percorrido de 4 km, foi dende esta estrada ata Campos de Vila, e aquí rematou a ruta sobre a unha do mediodía. En Campos de Vila os sendeiristas foron recollidos en autobús para trasladárense ata o centro social, onde estaban convidados a un viño español e a unhas tapas variadas.

A camiñada, por outra banda, estivo asistida por persoal do centro social e polo coche de protección civil do Concello de Quiroga durante todo o traxecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario